O número de alumnos estranxeiros nos ensinos xerais en España descende
un 4,2% no curso 2013-2014 -a niveis similares aos de 2008- e os
estudantes latinoamericanos figuran como os máis numerosos, cun 31% do
total.
Segundo os datos publicados hoxe polo Ministerio español de Educación, o
total de estudantes estranxeiros este curso foi de 731.167, o que supón
32.048 estudantes menos con respecto ao anterior, cando por primeira
vez en moitos anos se produciu unha baixada.
Por nacionalidade de orixe, destacan os estudantes procedentes de
América do Sur e Central, que son o 31%, seguidos dos europeos, cun
30,8%, e os orixinarios de África, cun 29%.
Por países, Marrocos encabeza a lista con 168.984 alumnos, por diante de
Romanía (96.721), Ecuador (56.065), Colombia (35.468) e China (30.829).
O Ministerio explicou que tras moitos cursos con incrementos "moi
significativos", a evolución do alumnado sen nacionalidade española
segue o descenso iniciado o curso anterior.
Con todo, a evolución do alumnado estranxeiro nos distintos ensinos do
sistema educativo español non universitario non é homoxénea e destacan
os descensos en Educación Primaria, cun 5,5% menos, e en Secundaria, cun
descenso do 7,3%.
Educación argumentou que nestas cifras poden influír, ademais da
evolución dos fluxos de entrada-saída de estranxeiros, "os procesos de
nacionalización e a propia transición deste alumnado entre os diferentes
niveis educativos", así como, no caso de Infantil, a incorporación
nestas idades de nenos estranxeiros xa nacidos en España.
Os estudantes estranxeiros representan o 10,5% do alumnado de centros
públicos, máis do dobre que nos centros privados, onde alcanzan o 4,8%.
Ningún comentario:
Publicar un comentario