O PSOE presentará unha batería de propostas no novo curso "para que as bolsas volvan ser un dereito"
Os beneficiarios de bolsas e axudas ao
estudo de Infantil, Primaria, ESO e Educación Especial redúcense un 35,5
por cento, segundo a última actualización estatística do Ministerio de
Educación, Cultura e Deporte, recollida por Europa Press, referida ao
curso escolar 2012-2013 e actualizada recentemente.
Así, o número dos beneficiarios pasa de 1.694.926 no curso
2011-2012 a 1.093.535 no 2012-2013, é dicir, 601.395 menos (-35,5%).
Esta variación débese, segundo explica o departamento que dirixe José
Ignacio Wert á redución das axudas para libros de texto e material
escolar xestionadas na súa maioría polas comunidades autónomas en
colaboración co ministerio.
En abril de 2012 o Goberno aprobou o Real Decreto de
racionalización do gasto educativo co fin de que as administracións
autonómicas cumprisen co obxectivo de déficit, unha norma que afectou,
entre outras partidas, ás axudas para libros e material escolar do curso
2012-2013.
En concreto, do total destes soportes económicos nese curso,
937.436 son financiados polas comunidades, mentres que as 156.099
restantes son financiadas adicionalmente polo departamento de Educación.
O número de bolseiros nas Ensinanzas postobrigatorias non
universitarias, é dicir, Bacharelato e Formación Profesional, redúcese
un 4,5 por cento, de 438.623 beneficiarios no curso 2011-2012 a 418.962
no 2012-2013.
En ensinanzas universitarias acontece o contrario que nas
anteriores: aumentan os bolseiros un 8,1 por cento. Pásase dos 474.584
beneficiarios no 2011-2012 aos 513.171 no seguinte. O número de
bolseiros financiados polas comunidades duplícase (107,3%), un dato que
para o ministerio é "moi significativo" malia o seu reducido peso
relativo no conxunto dos bolseiros universitarios (13,3%).
CASE UN 10% MENOS PARA O TOTAL DE BOLSAS E AXUDAS
Os datos reflicten unha redución do 9,2 por cento no financiamento
total das bolsas e axudas no curso 2012-2013 respecto ao anterior para
todos os niveis de ensino (universitaria e non universitaria). Entre o
ministerio e as autonomías a partida para este fin pasa dos 2.156,5
millóns de euros no curso 2011-2012 a 1.957,3 millóns de euros no
seguinte, é dicir, case 200 millóns menos.
En concreto, o financiamento do departamento de Wert baixa un 9,9
por cento, dende os 1.702,5 aos 1.533,9 millóns de euros no curso
2012-2013; e a das comunidades autónomas redúcese un 6,7 por cento, de
453,9 a 423,3 millóns de euros.
Por niveis, a baixada do importe para bolsas e axudas en Infantil,
Primaria, ESO e Educación Especial entre todas as administracións é do
15,9 por cento, xa que pasa de 432 millóns de euros no 2011-2012 a 363,5
millóns no 2012-2013. O Ministerio de Educación reduciu a súa partida
para estas etapas un 31,4 por cento, mentres que as comunidades
autónomas o fixeron nun 10,8 por cento.
Nas ensinanzas postobrigatorias non universitarias, o
financiamento total diminúe un 9,5 por cento, dende os 566,4 millóns no
curso 2011-2012 aos 512,4 millóns no curso 2012-2013. Neste capítulo, o
ministerio reduciu a súa partida un 10,1 por cento, mentres que as
comunidades autónomas o fixeron nun 5,4 por cento.
AS ENSINANZAS UNIVERSITARIAS AS MENOS AFECTADAS
En canto ao financiamento de bolsas e axudas nas ensinanzas
universitarias, a estatística reflicte que é o nivel educativo que menos
sufriu a redución, que é do 6,6 por cento respecto ao curso anterior.
O importe total do financiamento de todas as administracións pasa
de 1.158 millóns de euros no 2011-2012 a 1.081,3 millóns de euros no
curso 2012-2013. Mentres o importe do ministerio se reduce para esta
etapa universitaria un 6,6 por cento, o das comunidades autónomas
aumenta un 12,9 por cento.
En xeral, as bolsas destinadas ás ensinanzas universitarias
representan algo máis da metade do importe total, o 55,2 por cento; o
26,2 por cento do importe destínase ás bolsas das ensinanzas
postobrigatorias non universitarias; e o 18,6 por cento restante ás
axudas ás ensinanzas obrigatorias, Infantil e Educación Especial.
O 78,4 por cento do importe do global de bolsas e axudas é
financiado polo Ministerio, cun peso maior nas bolsas universitarias
(93,4%) e das ensinanzas postobrigatorias non universitarias (88,1%).
Por outra parte, o esforzo das comunidades autónomas concéntrase
en Primaria, ESO, Infantil e Educación Especial, financiando o 80,1 por
cento das axudas destinadas a estas ensinanzas.
O PSOE VE "ALARMANTE" O DESCENSO DE SUBVENCIONADOS
Dende o PSOE, o secretario de Educación, José Miguel Pérez,
cualificou de "alarmante" que os beneficiarios de bolsas e axudas ao
estudo de Infantil, Primaria, ESO e Educación Especial se reducisen un
35,5%, polo que anunciou que presentará unha batería de propostas no
novo curso "para que volvan ser un dereito".
Para iso, sinala que os criterios de renda sexan relevantes á hora
de obter as bolsas e que os PGE 2015 teñan cantidades abondo "para
asegurar o dereito á educación de todos e garantir a igualdade de
oportunidades".
Pérez cre que esta estatística do Ministerio de Educación pon de
manifesto que "o PP trata de implantar un modelo educativo no que se
altera o principio da educación como un dereito fundamental e o sentido
do valor que esta posúe".
Neste sentido, considera que "o descenso no número de
beneficiarios de bolsas e axudas ao estudo é a consecuencia de medidas
regresivas do Ministerio que dirixe José Ignacio Wert" e representa
"unha demostración máis da enorme deterioración que está a sufrir a
garantía ao dereito a educación baixo a xestión de Mariano Rajoy".
Ningún comentario:
Publicar un comentario