venres, 22 de agosto de 2014

As librarías critican o novo sistema de axudas da Xunta para manuais de texto

» Os locais falan de "desinformación" sobre que volumes inclúen ou non os fondos » As reservas, rexistradas xa dende final de curso, mantéñense similares ao ano anterior

O novo ano académico 2014-15 dará comezo en menos dun mes e a maioría das librarías dezanas xa rexistran a estas alturas, dende final do pasado curso, un gran número de reservas de libros de texto daqueles pais que non queren que a volta ao cole os pille desprevidos. Se ben as cifras se manteñen similares ás do exercicio anterior, o desenvolvemento desta actual campaña estase a caracterizar polo caos xerado a raíz do novo sistema de axudas para a compra de manuais concedidas pola Xunta de Galicia.
As contías -que oscilan entre os 90 e os 180 euros, en función da renda familiar e do rendemento académico- permanecen inalterables, pero o destino dos fondos viuse modificado e, de acordo a esta nova convocatoria, non se inclúen nin os cadernos nin o material escolar. Non obstante, a falta dun acordo común respecto a que volumes son considerados como cadernos e cales non, leva a estes negocios a non saber tampouco de forma exacta cales deles entran no concepto dos fondos, e viceversa. O sector fala en xeral dunha gran "desinformación". Por exemplo, dende a libraría Álvarez, de Lalín, confirman que "este ano é un rolo porque tes que estar pendente do que entra e do que non. Uns dinche unha cousa e outros dinche outra". Post a súa parte, dende a Raíces matizan tamén que non se poñen de acordo e, cada vez que chamas [á Consellería de Educación], che din unha cousa distinta".
Así mesmo, nesta ocasión, os negocios deben xustificar ademais o número total e as materias dos exemplares adquiridos con esta subvención, o que supón un "traballo extra". Neste sentido, dende a Dalvi afirman que "agora é máis traballoso tramitar as axudas, valorando que o custo total non exceda a axuda e que libros si entran e que libros non". Por outra parte, naqueles casos nos que o valor dos manuais non chegue á contía total da subvención, o importe restante desa axuda non se aboará. "O ano pasado, se a axuda era de 180 euros e gastabas 160, faciámosche un vale de 20 para gastar en material escolar ao longo do curso. Agora, non", confirman dende a libraría Dalvi. Isto tradúcese en que os beneficiarios afectados por este tipo de casos verán perdida unha parte da axuda completa que lles correspondería.
Estes exemplares, ademais, serán depositados no centro escolar para a súa reutilización no próximo curso, o que mantén en alerta ás librarías sobre como funcionarán as vendas do ano próximo. "Vai ser un caos total porque, ademais, non se deixarán todos os libros, só os que entraran na axuda", din dende a libraría Mahia, de Vila de Cruces.

Noticias relacionadas

Maior aumento de prezo en libros da Lomce.

Ningún comentario:

Publicar un comentario