mércores, 27 de agosto de 2014

Os centros privados crean negocio cos seus uniformes

Un de cada tres colexios galegos con uniforme impón exclusividade en venda. Poden chegar a superar os 200 euros. O Consello Galego de Competencia non descarta presentar denuncias.

Máis do 30 por cento dos colexios galegos con uniforme escolar traballa cun só fabricante ou punto de venda e dous de cada tres impoñen algún tipo de restrición para a compra destas pezas. É a crítica que fai o presidente do Consello Galego de Competencia, Francisco Hernández.
 
Precisamente, este organismo preparou un amplo informe sobre os uniformes escolares en Galicia que será presentado en breve. Con todo, os datos son, cando menos, preocupantes. Por iso, advertiu de que non descarta denuncias por esta cuestión, sobre todo por fabricantes que cren que se vulnerou o seu dereito a fabricar estes uniformes.
 
Un uniforme completo, que inclúa pezas deportivas e de rúa co nome ou escudo custa uns 150 euros, aínda que os hai que superan os 200 euros. En Galicia, aproximadamente un de cada cinco colexios, ao redor dun 20 por cento, usan uniforme escolar.
 
“Preocúpanos que moitos colexios en Galicia ceden a posibilidade de facer o uniforme ou de vendelo a un único fabricante ou comercializador”, dixo Hernández. Por iso, denunciou que esta situación podería dar lugar a un monopolio ou a prácticas monopolísticas.
 
Hernández indicou que o informe se fixo partindo dunha idea do organismo de Competencia británico, que calculou un "sobrecuste de 60 millóns de libras" no seu país nos uniformes escolares debido ás prácticas monopolísticas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario