Para un mesmo curso, nuns centros custan 90 euros e noutros ata 230.
O curso académico 2014-2015 non empezou aínda e xa é
fonte dos primeiros rompedeiros de cabeza aos pais. A volta ao cole dos
nenos fai que os seus proxenitores xa fagan números para que o material
escolar non se vaia fóra do presuposto.
Segundo librarías consultadas na zona, o
incremento do prezo dos libros de texto con respecto ao ano anterior
oscila entre un e dous euros, un aumento que consideran normal. Pero
existe un problema na disparidade de prezos entre os libros necesarios
para os diferentes colexios. E é que a diferenza no custo dos volumes
entre dous centros de Lalín, do mesmo curso de Primaria, pode roldar os
140 euros. Unha cifra que non deixa indiferente aos pais, sobre todo nos
tempos que corren.
Isto débese, principalmente, ao material
necesario polos pequenos en cada centro escolar. Polo xeral os colexios
da zona rural de Lalín diminúen os custos ?en unha estratexia que tamén
lles pode axudar a gañar alumnos? piden unicamente os libros básicos:
lingua, galego, matemáticas e coñecemento do medio. Desta forma
prescinden de libros de texto noutras materias e substitúenos por
fichas, ou demais material complementario proporcionado polos
profesores. Deste xeito, o custo do lote de libros sitúase arredor dos
90 euros, indicaron establecementos consultados.
Non obstante, este presuposto non chegaría nin
para a metade de material que necesitan no mesmo curso nalgún centro da
zona urbana. Neste caso, o colexio pide ao alumno máis libros de texto
que os básicos, pois os considera igual de necesarios, co que sumados a
libros de lectura e cadernos de actividades, o lote acaba custando preto
dos 230 euros.
Cheque con polémica
Ante o elevado custo do material escolar a Xunta
de Galicia implantou este curso un novo sistema de axudas para a compra
de manuais. En función do rendemento académico e da renda familiar, a
subvención é entre os 90 e os 180 euros para que se compren, unicamente,
exemplares que son reutilizables, deixando fóra do cheque tanto
cadernos de actividades coma material de apoio, que o ano pasado si
cubría.
Así, se o importe do lote de libros é superior á
contía subvencionada polo cheque, os pais deberán facerse cargo da
diferenza. Se pola contra, é inferior a cantidade devolverase á Xunta.
Ao contrario que o ano pasado, que co importe pechado se non se
alcanzaba a cantidade cos manuais podían pagar material escolar a
maiores.
Máis información
As AMPA critican a discriminación dos alumnos de educación especial
Outra volta ao cole lastrada pola cris
Ningún comentario:
Publicar un comentario