A Consellaría, no DOG de hoxe 18 de agosto de 2014, publica a ORDE do 14
de agosto de 2014 pola que se modifican os concertos educativos cos
centros docentes privados de educación infantil, educación primaria,
educación secundaria obrigatoria, educación especial, programas de
cualificación profesional inicial, formación profesional básica e ciclos
formativos de graos medio e superior. Na publicación, entre outras
medidas, modifican o concerto cos centros Acacias e Montecastelo en Vigo
e Montespiño e Peñarredonda na Coruña, de conformidade coa disposición
transitoria segunda da LOMCE, incrementando unha unidade de EP. A única
medida que tomou a Consellaría o curso pasado foi non concertar unha
unidade de EP por cada un deles a pesares da sentenza do TSXG que
declarou inválidos os concertos con estes centros.
A resposta, tomada no seu momento pola Consellería, foi unha resposta
política, xa que tendo na man una xustificación xurídica para o aforro
de cartos públicos, decidiu seguir a desviar partidas económicas para
centros de élite, ultraconservadores e próximos ao fundamentalismo
católico, mentres no ensino público reducen profesorado, pechan escolas
no rural, fan pagar ao alumnado transportado o servizo de comedor, á vez
que os van eliminando, reducen as bolsas de estudo…
Esa resposta política levaba aparellada a decisión de esperar a que
entrara en vigor a contrarreforma educativa do goberno do Estado (a
LOMCE), onde se sabía que no seu articulado ía “legalizarse” o ensino
segregado por sexos.
O STEG considera insultante que se utilicen os argumentos da “libre
elección de centro” e o que se lexisla coa LOMCE (artigo 2 da Convención
relativa á loita contra as discriminacións na esfera do ensino aprobada
pola Conferencia Xeral da UNESCO de 14 de decembro de 1960!) para
xustificar estes concertos, xa que o que cuestionamos non é a
lexitimidade da existencia destes centros, senón que se acollan ao
sistema de ensino gratuíto sostido con fondos públicos.
Desde o STEG pensamos que o noso dereito e o noso deber consiste en
traballar con todos os instrumentos democráticos á nosa man para
subverter pacificamente a LOMCE para que, ademais de outras moitas
eivas, estes concertos deixen de ser “legais” e non teñamos que
“investir” cartos públicos nos centros que segregan ao alumnado por
sexo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario