mércores, 27 de agosto de 2014

A CTNL pide ás deputacións que cumpran coa ‘’súa obriga legal e responsabilidade social’’ no proceso de normalización do galego

A Coordenadora de Traballador@s de Normalización Lingüística considera que “o papel desenvolvido polas deputacións no impulso do proceso de normalización lingüística deixa bastante que desexar”.

Que as deputacións provinciais sexan parte activa no proceso de normalización lingüística, asumindo nesta eido tanto a “súa obriga legal” como “responsabilidade social”. A CTNL (Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística ) propón ás entidades provinciais que asuman a súa función “de cooperar cos concellos para que estes poidan contar con servizos de normalización lingüística co obxectivo de incrementar o uso e prestixio da lingua galega en todos os ámbitos sociais dos municipios e comarcas”.
Para a Coordenadora as administracións locais xogan un papel fundamental para a normalización do galego, “principalmente por seren as administracións máis próximas á cidadanía, coas que a xente ten unha maior relación e contacto frecuente, e as que desenvolven accións e xestionan os servizos máis próximos á veciñanza”.
Por iso, a CTNL realiza ás deputacións unha proposta con tres eixos básicos: Que as deputacións creen (no caso das de Lugo, Ourense e Pontevedra) ou melloren e incrementen economicamente (no caso da da Coruña) unha liña de cooperación económica cos concellos da provincia, para que estes poidan contar con servizos de normalización lingüística co obxectivo de incrementar o uso e prestixio da lingua galega en todos os ámbitos sociais dos municipios e comarcas. Outro punto é que as deputacións impulsen a planificación e desenvolvemento de accións normalizadoras desde os diversos servizos de normalización lingüística municipais ou comarcais, para que así cheguen ao maior número de ámbitos, sectores e cidadáns e cidadás posible, e de xeito planificado e coordinado.
E como terceiro eixo da proposta: que elaboren, aproben e apliquen un plan de actuación ou regulamento transversal a través do que se establezan criterios lingüísticos e medidas transversais en todas as súas accións e áreas de actuación, de xeito que con todas elas se procure o incremento social do uso e prestixio do galego.

Ningún comentario:

Publicar un comentario