martes, 19 de agosto de 2014

A Xunta restitúe os concertos cos colexios que segregan por sexo

Cartos públicos destinaranse a que centros educativos de Vigo e A Coruña onde se separa o alumnado por cuestión de sexo volvan estar concertados.

 A Xunta repón os concertos con centros que segregan por sexo. E faino mediante unha disposición publicada no DOG neste 18 de agosto (en pleno verán) e grazas a un resquicio legal da Lomce. Cartos públicos en plena vaga de recortes no ensino van ser destinados a centros educativos do Opus Dei onde se separa a alumnos e alumnas. Malia que sentenzas do propio Tribunal Supremo a comezos de verán e do TSXG en 2013 anulasen os concertos da Xunta con estes centros, neste novo curso eses centros volverán ser concertados.
E volven porque estes catro centros (eran cinco, mais un deles está a cambiar a ESO pola FP) apelan á Lomce, na que se estabelece que aqueles colexios os que se lle retiraron axudas alegando discriminación por separar nenos e nenas poden volver ser concertados se así o solicitar. Desde o goberno galego non se aclara cantos cartos destinará a estes catro centros do Opus Dei para o vindeiro curso escolar.
O PP: "Neses centros non se discrimina"
O vice-portavoz do Grupo Parlamentario do PPdeG, Román Rodríguez, apoiou que a Xunta devolva estes concertos e afirma que nestes centros "non discriminan a ninguén". "A Xunta está actuando como ten que facer", enfatizou o deputado do PP.
CIG: "fondos públicos para empresas privadas e ensino ultra-reaccionario''
Desde a CIG denuncian que "mentres Educación practica un recorte sistemático, inxustificado e inaceptábel no ensino público, suprimindo centros, unidades e profesorado segue a incrementar o número de unidades concertadas con centros privados, incrementando así os fondos públicos para financiar empresas privadas".
O secretario nacional da CIG-Ensino manifestou que "é totalmente inaceptábel e un insulto á sociedade galega esta nova privatización do ensino. Desde a CIG-Ensino denunciamos esta intención permanente desta Consellaría en desprestixiar o ensino público e favorecer o privado".
Argumentos
O Tribunal Supremo anulara en xuño os concertos educativos da Xunta de Galiza con 5 colexios privados que escolarizan a alumn@s con segregación por sexos. A Sala do Contencioso-Administrativo estimaba así o recurso de casación da CIG e declaraba a nulidade da orde da Consellería de Educación do 26 de agosto de 2009 na parte que afecta á concesión de axudas dos centros docentes privados Peñarredonda, Montespiño, Aloya, Las Acacias e Montecastelo. Segundo a sentenza do Supremo "non poden comprometerse fondos públicos, pola vía dos concertos educativos, máis alá dos presupostos previstos" pola Lei Orgánica 2/2006 do 3 de maio na que se inclúe "o sexo entre as causas polas que non se poderá discriminar" o alumnado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario