luns, 25 de agosto de 2014

Centos de docentes con praza ignoran o seu destino este curso

Unha lea xurídica que derivou en varios preitos xudiciais paraliza os traslados de profesores

O moi castigado sector do ensino público en Galicia ten no horizonte próximo un novo nuboeiro que ameaza con descargar. Os profesores de estudos non universitarios están pendentes dos xulgados para determinar se os concursos de traslados para o curso que empeza en setembro son válidos ou nulos, o que deixa no aire o destino dun nutrido grupo de docentes -centos, segundo a Xunta; máis dun millar, segundo os sindicatos- que non saben onde traballarán en outono.
O miolo da cuestión está na distinción entre os profesores interinos e os funcionarios de carreira. A Xunta cambiou a finais do ano pasado o baremo para os concursos de traslados do próximo curso co fin de contar a antigüidade, de forma que se computasen da mesma forma os anos traballados, sen distinguir entre os períodos en que un profesor era interino e os que exerceu xa con praza en propiedade. Unha directiva europea prescribe limitar os agravios comparativos entre unha categoría e a outra, pero o seu alcance non estaba claro e case todas as comunidades autónomas decidiron esperar antes de modificar os criterios. Só Galicia adiantouse.
"Xa se sabía que era unha cuestión litixiosa, pero se tomou unha decisión técnica", aduce un voceiro da Consellería de Educación. A controversia chegara paralelamente ao Tribunal Supremo, a instancias dunha plataforma de interinos de Extremadura que defendía un argumento similar, fronte a un decreto estatal, ao que despois aplicaría Xunta. O Supremo resolveu a cuestión en poucos parágrafos. "A consideración da antigüidade como mérito exclusivo dos funcionarios está xustificada", dixo nunha sentenza de xuño que rexeita o recurso e explica que unha cousa son os criterios para acceder á praza de funcionario ou para reclamar soldos similares, onde si cabería equiparar ambas as dúas categorías, e outra distinta os traslados, onde a antigüidade "en moitas ocasións foi o único a valorar na provisión de destinos".
Tras ese fallo, o Xulgado do Contencioso número 2 de Santiago, onde chegaron as demandas dos funcionarios galegos, resolveu en consonancia e mandou anular os concursos. Pero as sentenzas foron á súa vez recorridas, esta vez por un colectivo de profesores interinos. Con agosto como mes inhábil, o sector está pendente de que chegue setembro e que o Tribunal Superior de Xustiza se pronuncie á súa vez sobre como se ten que executar a sentenza, algo que ninguén sabe anticipar moi ben.
"É un caos", sinala Alejandro Portela, responsable de Educación en Ourense de CC OO, que xunto ao resto de centrais se opuxo ao baremo da Xunta. "Hai 3.000 profesores que se supón que toman destino en setembro e non se sabe se van ter que abandonalo nin cando", indica. "A Consellería perdeu o control da situación". Ao debate sobre o cómputo da antigüidade, que enfronta a funcionarios e interinos, súmase o alboroto que podería supoñer obrigar os docentes a cambiar de destino a metade de curso, tanto polas repercusións familiares como as que poden ter para os alumnos. "Hai condicionantes pedagóxicos. Aos alumnos de Primaria non lles vén ben ter que cambiar de profesor cada ano. E en novembro ten que haber outro concurso", sinala Portela.
Nin sequera hai acordo sobre o alcance do problema. A Xunta entende que só están afectados uns 350 profesores, en torno ao 20% dos 1.600 implicados directamente polos fallos xudiciais. Pero a plataforma de profesores Non ao Baremo entende que os prexudicados poden ser máis de 1.000, condicionados á súa vez polos destinos que vaian liberando os que pediron os traslados.
A Xunta optou por tirar cara a adiante e manter en vigor os traslados, por falta de tempo para reiniciar o proceso. Sobre as dificultades administrativas que poida supoñer retirar a praza a alguén que xa tomase posesión, remítense ao que mande no seu momento a resolución xudicial. " Haberá que esperar", empraza un voceiro de Educación. O conselleiro, Jesús Vázquez, considera "inviable" paralizar o proceso. "Non se pode permitir este descontrol en algo tan serio", opón o voceiro sindical que entende que o máis probable é que os traslados se anulen unha vez finalizado o curso.

Ningún comentario:

Publicar un comentario