Creouse como ferramenta de apoio a unha actividade formativa dirixida ao
persoal das escolas infantís para achegarlles material didáctico e
produtos culturais en galego, facilitándolles o seu emprego na aula. No
entanto, o contido do portal é de interese para todas as persoas
involucradas na educación das cativas e cativos: pais, nais, ANPAS,
ludotecas, bibliotecas…
O Consello
da Cultura Galega presentou este venres as actas dos congresos de
Rosalía de Castro e Álvaro Cunqueiro editadas en formato
multidispositivo, é dicir, accesíbeis e perfectamente consultábeis
dende calquera tipo de trebello tecnolóxico. Falamos dos congresos
Rosalía de Castro no século XXI. Unha nova ollada e
Mile un Cunqueiros, dous
eventos que revisaron no seu día a obra dos dous escritores galegos
e cuxo legado (o dos congresos) recupera agora o Consello da Cultura
nun formato dixital “que adapta e maqueta os contidos en función
do dispositivo de lectura”. Segundo fixeron saber os representantes
da nosa cultura que participaron no acto de presentación, a xornada
deste venres non só vai representar unha xornada importante para o
CCG, senón tamén para os propios Rosalía e Cunqueiro e, tamén, para
a cultura galega. “Cada unha das pezas publicadas”, fixo saber a
vicepresidenta do CCG, Rosario Álvarez, “terá vida propia porque navegará pola
Rede con vida propia”.
Rosario Álvarez tamén
apuntou na presentación que as publicacións dixitais anunciadas
superan as dúas mil páxinas, sumando máis de cen textos doutros
tantos autores que se organizan seguindo a estrutura dos congresos
aos que remiten. Na opinión da vicepresidenta do CCG, “a
concorrencia nestes avances tecnolóxicos é o que lle dá ao galego
o poder de estar en calquera lugar do mundo e obter un retorno dende
alí”.
No acto tamén estivo
presente Manuel Gago, responsábel da vertente dixital do Consello,
que sinalou que a iniciativa dada a coñecer (esta dixitalización
das actas dos congresos de Cunqueiro e Rosalía) e outras moitas nas
que traballa o CCG, responden a unha vontade de aproveitar os novos
xeitos de consumir cultura, un proceso que se dá xa en múltiples
escenarios e de moitas maneiras diferentes, antes impensábeis.
Igualmente, dixo que os traballos desenvolvidos e que desembocaron
nas actas dixitalizadas “serviron de campo de probas para presentar
unha nova forma de edición dixital”. Falou tamén de que unha das
bases do proxecto é o concepto de coñecemento adaptativo, unha
fórmula de subministro de información que rompe non só os límites
impostos polo papel senón límites tamén tecnolóxicos (entra en
xogo a posibilidade de concorrer con calquera trebello TIC, tableta,
móbil, computador e tamén papel), e que favorece a discusión
científica e a diseminación entre o público en xeral. “Neste
intre”, dixo, “presentamos dúas publicacións que de termos
apostado polo papel serían de moi difícil edición, e de feito
estamos a falar de contidos que abranguen arredor de 1.200 páxinas”.
Outro dos obxectivos da iniciativa foi, en realidade, xerar conversas
a partir dos contidos achegados.
En palabras de Dolores
Vilavedra, editora e coordinadora da Sección de Lingua, Literatura e
Sociedade do Consello da Cultura Galega, “o que se presenta foi un
proxecto ambicioso que exhibe un concepto de coñecemento en aberto a
partir da difusión na Rede”. Pola súa banda, o profesor da
Universidade de Vigo Manuel Forcadela asegurou que as actas que se
fornecen en formato multidispositivo “fan parte do noso tesouro
patrimonial”. No caso de Rosalía, dixeron, “a publicación serve
para evidenciar a vixencia da súa obra, para poñer de relevo as
novas perspectivas de análise que se foron producindo nas últimas
décadas”.
Segundo fixeron saber, a
publicación referente á autora de Follas Novas recolle o
testemuño da devandita cita congresual en 60 textos, agrupados nos
bloques en que se estruturou o congreso do ano 2013, que veu da man
do CCG combinando a estrutura dun evento físico e outro virtual, e
complementándoos cunha exposición de citas culturais. Polo que
respecta ao outro evento, o de Cunqueiro, sinalar que se celebrou en
2011 e que tamén foi organizado polo Consello, coincidindo co centenario do nacemento do autor
de Merlín e familia. Na cita, entre outras cousas,
revisáronse as obras do escritor e avaliáronse os estudos sobre a
súa figura levados a cabo até esa data. A publicación dixital
presentada este venres recolle as 7 conferencias e 25 comunicacións expostas no
congreso, así como as intervencións nas 4 mesas redondas. “Os
materiais”, informaron os responsábeis da iniciativa, “foron
organizados en función de criterios temáticos, tendo en conta as
áreas que se lles propuxeron ás persoas participantes, e que
serviron para artellar as sesións congresuais”.
No acto tamén interveu o
presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, quen se
amosou moi compracido de que fosen Rosalía e Cunqueiro, “dous
clásicos e soñadores”, os que finalmente acaben por protagonizar
este avance da nosa cultura cara a novas olladas, novos estudos. “Nos
vindeiros anos”, engadiu, os métodos presentados vanse seguir
testando con outros eidos da nosa cultura e outras escritoras e
escritores”. E concluíu: “Con isto rompemos o círculo vicioso
da autorreferencia, un muro no que voluntariamente ou non nos
deixamos encerrar”.
Na cita participou igualmente Anxo Angueira, presidente da Fundación
Rosalía de Castro, quen cualificou a data deste venres 27 de “data
histórica para o CCG e para a cultura galega”. Unha cultura, engadiu,
que certamente ten moito en contra, “xa que os galegos non temos
exército, nin unha xeografía estratéxica nin tampouco poder demográfico,
e malia todo fomos quen de ter e conservar unha cultura milenaria, un
milagre que faise, refaise e agora continúa”. E concluíu: “Dende aquí,
hoxe na sede do Consello da Cultura, o que fiemos foi alimentar o soño e
que as brasas fiquen vivas”.
A CIG-Ensino esíxelle a Educación que faga inmediatamente o ingreso aos centros que prestan este servizo.
A día 2 de marzo a Consellaría
de Educación continúa sen facerlles efectivo aos centros educativos o
pago do gasto dos comedores de xestión directa correspondente aos meses
de xaneiro e febreiro.
Cabe sinalar que este é un problema que xa xurdiu no
primeiro trimestre, non facendo efectivo o ingreso até o mes de decembro,
despois da denuncia da CIG- Ensino.
Este retroceso comporta que os centros non poidan pagar
aos provedores nun tempo razoábel supoñendo un quebranto para a economía dos
mesmos, nomeadamente cando se trata de pequeno comercio local.
O encarecemento, o abandono e a desidia da Consellaría co
servizo de comedor escolar é permanente e total. Encareceu e restrinxiu o uso
deste servizo non oferta prazas suficientes, retrasou até cinco meses este
curso o pago aos colaboradores do servizo, retrasou até decembro o ingreso do
diñeiro para os gastos de funcionamento do primeiro trimestre e agora continúa
sen ingresar os do segundo cando xa pasaron dous meses.
A CIG-Ensino esixe que a Consellaría de Educación pague
inmediatamente as cantidades correspondentes aos comedores escolares de xestión
directa, xa que hai centros que non poden facer fronte aos gastos necesarios
para darlle de comer ao alumnado.
Alumnado de Pedagoxía e Educación social da USC denuncia a perda de
docencia en dúas materias. Desde a universidade "pasan a bóla duns a
outros", apuntan.
Desde o 27 de xaneiro o alumnado de primeiro curso
de Educación social e Pedagoxía da Universidade de Santiago non está a
recibir aulas de dúas materias. A profesora e profesor titulares das
asignaturas de Teoría da Educación e Economía da Educación están de
baixa laboral porén, non foron substituíd@s e o estudantado fica desde
hai máis dun mes sen docencia.
A situación atinxe máis estudantes doutros cursos a quen tamén
imparten aulas José Manuel Touriñán e Silvana Longueira. "É imposíbel
seguir así", sinala Aida Lorenzo, alumna do primeiro curso de Grao en
Educación Social e tamén delegada.
Desde hai dúas semanas o estudantado encetou unha rolda de xuntanzas
para exixir que sexan substituíd@s @s docentes dunhas materias "que
pagamos e das que imos ser avaliados", afirma Lorenzo en conversa con Sermos Galiza. Mais de momento non obtiveron resposta. "Pasan a bóla duns a outros", explica. "A responsabilidade é da Xunta"
"Tentamos ir chanzo por chanzo, primeiro falando cos docentes e logo
co xefe de departamento" quen "tería que reorganizar" a área de traballo
para garantir que se manteñan as horas de docencia mentres non se
resolven as baixas. "Non nos deron resposta", continúa Aida Lorenzo,
polo que decidiron acudir ao decanato quen após reunirse con
representantes do estudantado combinou unha xuntanza co propio reitor da
USC, Juan Viaño. "Foi moi correcto" mais non lles resolveu nada. "Din
que é responsabilidade da Xunta".
"Non pedimos nada extra, só que se garanta o noso dereito a ter docencia"
O estudantado botou man do correo e fixeron chegar senllas cartas
explicando a súa situación á Consellaría de Educación, a de Facenda, o
Valedor do Pobo e da Comunidade Universitaria.
"Non pedimos nada extra, só que se garanta o noso dereito a ter
docencia", asegura Aida Lorenzo quen non dubida en sinalar que a
situación do estudantado de Pegadoxía e Educación social é froito dos
"recortes" no ensino público. Aliás, acrecenta, "non se fai notar de
igual maneira nunhas facultades e noutras". Lorenzo afirma que a "rama
social e educativa" está a ser obxecto dunha maior precarización. Neste
senso, lembra, "todo médico ou matemático ten que ter unha educación".
Desde o alumnado advirten que "continuarán as mobilizacións" de non
se dar solución ao problema. Polo de agora recompilaron máis de 200
sinaturas entre o estudantado atinxido pola falta de aulas mais din que
ampliarán a campaña "a toda a universidade". "É bon unir forzas",
apunta.
Malia á súa invisibilidade e á precariedade das súas condicións, a tradución en galego destaca pola súa calidade.
-Por que neste momento te animaches a propornos un A Fondo sobre tradución?
O galego, desde o momento da súa aparición como lingua, sempre tivo
na súa axenda, parello ao seu desenvolvemento, a tradución. Nestes
momentos críticos para o futuro da nosa lingua mais tamén de grandes
oportunidades, o papel do diálogo e as pontes de comunicación con outras
linguas e culturas segue a ter unha relevancia fundamental. -A tradutora Eva Almazán é a persoa entrevistada neste A
Fondo. Almazán fixo parte da equipa premiada co premio estatal de
tradución por virar ao galego o Ulises de Joyce. Que supuxo este premio
para a cultura galega e para o eido da tradución?
"Eva Almazán e a súa xeración déronlle un pulo preciso á tradución de
obras contemporáneas. Isto, xunto con algún período de políticas
decididas a prol da tradución, fixo que se vivise unha época dourada"
-Puxo en evidencia que, a pesar da obvia concorrencia desigual con
outras tres linguas, o noso idioma é quen de cumprir as mesmas funcións,
coa mesma e mesmo superior calidade que calquera outro. Nuns tempos de
desvalorización a mantenta, o premio volveunos facer lembrar que o das
linguas e as culturas non é unha cuestión de calidade, mais de
autenticidade. --Eva Almazán pertence a unha nova xeración de tradutoras e
tradutores profesionalizados que estudaron na Universidade de Vigo. En
que medida esta nova xeración supuxo unha revolución para a tradución en
galego?
-Eva e a súa xeración déronlle un pulo preciso á necesidade de que o
público lector tivese a oportunidade de ler en galego non só clásicos da
literatura universal, mais tamén obras contemporáneas. Isto, xunto con
algún período de políticas decididas de investimento público a prol da
tradución, fixo que as editoriais apostasen e publicasen e que, dalgún
modo, se vivise unha época dourada para a tradución que, mal que ben,
abriu un camiño polo que agora máis xente quer transitar. -A tradución é unha profesión que se desenvolve en condicións
de precariedade, tal e como se explicita neste A Fondo. Como se
manifesta esa precariedade?
"Á endémica invisibilidade das persoas tradutoras, ás que son mulleres súmaselle a propia invisibilidade de xénero."
-Isto fai parte dun todo. Menos galego significa, en primeiro lugar,
máis desalento, pero tamén menos libros, menos lectores, menos
traducións, menos persoas tradutoras e piores condicións laborais. Mais
nunca choveu que non escampase. As necesidades persisten e as persoas
que lle dan saída seguen estando aí, mellor formadas do que nunca,
dispostas a capear este temporal. -O artigo de María Reimóndez fala da situación das
tradutoras. En que medida esa precariedade é maior no caso das
tradutoras? Existen cifras da porcentaxe que as mulleres supoñen no
ámbito da tradución?
"O debate respecto á tradución do portugués e ao portugués non se
resolverá definitivamente até que se produza o re-encontro, natural e
necesario, entre os dous pobos e a súa lingua."
-É dificil atinar nunha cifra, e habería aínda que falar dos
diferentes tipos de tradución. Mais é claro que son maioría. Porén, á
endémica invisibilidade das persoas tradutoras, ás que son mulleres
súmaselle a propia invisibilidade de xénero. Segue habendo quen pensa
que, no caso da tradución oral, cando a fai unha muller é unha
secretaría e cando é home, un intérprete. -Carlos Quiroga posiciónase no seu artigo a respecto das
traducións do galego ao portugués e viceversa. En que medida está
presente este debate no mundo editorial galego actual e como se
soluciona?
-É un debate que leva estando aí desde sempre, e que non se resolverá
definitivamente até que se produza o re-encontro, natural e necesario,
entre os dous pobos e a súa lingua. Mais é un debate arriquecedor, que
pon en cuestión tabús e preconceitos, que acaba por beneficiar o galego e
a súa internacionalización, e tamén por abrirlles os ollos a moitos dos
nosos irmaos e irmáns do sul.
O proxecto televisivo poderase ver en diferentes soportes (TDT, cabo -na
plataforma R-, internet) e comezará a retransmitir a fins do presente
mes. Na grella: informativos, magazine cultural, deportes, lecer,
curtas...
Un maratón de 12 horas polo galego inaugurará as emisións da nova etapa de Irmandade TV a finais deste mes. “O sábado 21 ou o sábado 28”,
anuncia Aurelio Lópes, un dos responsábeis do proxecto televisivo que
vai desembarcar neste mes de marzo a través de diferentes soportes: TDT,
por cabo -através da plataforma R- e internet. Se ben en principio a
data prevista é 21, non se confirma definitivamente ao estar ultimándose
detalles e resolvendo algún imprevisto, polo que se mantén sobre a mesa
a opción do 28.
O que si está confirmado é que o primeiro día de emisión de Irmandade TV consistirá nun maratón de 12 horas polo galego, de 12:00 horas a 00:00 horas. Un programa especial no que se abordará o idioma desde múltiples perspectivas e miradas. Haberá entrevistas,
mesas de debate, pequenas reportaxes sobre o día a día do galego en
máis dunha ducia de localidades do país coa xente do común como
protagonista, conexións en directo... Mesmo se está a traballar
coa posibilidade dun concerto como broche de ouro. “É un esforzo moi
importante, e queremos facer un traballo profesional”, di Lópes sobre o
maratón. A ‘posta de longo’ de Irmandade TV vai ser 12 horas de emisión
combinando diferentes formatos (da mesa de debate á conexión en
directo), unha mostra de que o proxecto entrou na maioría de idade.
A primeira fase desta nova etapa contará con informativos, magazine cultural, espazos de deportes, debates de actualidade..
Aposta na información De segunda a sexta feira Irmandade TV emitirá un informativo que vai presentar Sara Torreiro.
De 21:00 a 21:30 é a quenda da información local e a partir de aí da
xeralista, na que se analizará a actualidade co foco posto nos
diferentes eidos: Galiza, economía ou internacional, entre outros. O
novo proxecto traballara con axencias para cubrir aqueles aspectos que
non poida abranguer, mais a aposta principal farase na información
propia.
De segunda feira a quinta feira haberá a partir das 22:00 horas un programa de análise da actualidade
política, económica e social. Terá un formato de tertulia e vaise
debruzar desde diferentes perspectivas e voces diversas sobre aquelas
cuestións de interese que marca a actualidade.
A semana de Irmandade TV dá para máis ofertas, como un programa semanal no que se entrevistará a fondo a unha personaxe. Tamén Sermos Galiza terá o seu espazo,
con carácter mensal, nun programa no que se poñerá o foco sobre un
determinado tema ou cuestión, debatindo convidados a favor e en contra
do mesmo.
“Queremos ser unha televisión que non teña na que envexar o resto”
Cultura e deportes Na grella de Irmandade TV tamén vai haber espazo para un magazine cultural, que en principio será as sextas feiras. Os deportes – formato debate- terán a súa quenda dúas veces por semana. O proxecto televisivo tamén está en contacto para emitir curtametraxes, documentarios (por exemplo, tirados do amplo catálogo de traballos feitos nestes eidos na Universidade).
Esta é a oferta para as primeiras semanas, que progresivamente irase ampliando, variando e enriquecendo
a medida que vaia collendo forma e contido as emisións de Irmandade TV.
Tense en axenda, por poñer un exemplo, a posibilidade de retransmitir
eventos deportivos na fin de semana.
O principal é, como lembran desde Irmandade TV, que a xente opte por sintonizar, que opinen sobre ela e que a dean a coñecer. “Queremos ser unha televisión que non teña na que envexar o resto”. E feita desde aquí e para aquí.
En tan só unhas semanas dende o anuncio dos últimos plans do Ministerio
de Educación para rematar coa Universidade Pública co famoso decreto 3
+2, a resposta social de rexeitamento contra esta medida foi tremenda. A
iniciativa de recollida de firmas en change.org que dende o Sindicato
de Estudantes lanzamos contra este decreto conseguiu unha resposta
rotunda. Xa superamos as 125.000 firmas contra o 3 +2, grazas ao apoio
dos miles de mozos, profesores, pais e traballadores en xeral que
quixeron deixar clara a súa total oposición a un ataque deste calado que
quere expulsar da Universidade Pública a centos de miles de mozos.
A
adhesión masiva de decenas de miles de persoas é un reflexo da profunda
indignación que as medidas de Wert e do goberno do PP están a provocar.
Por iso, hai que continuar con máis forza aínda esta campaña. A
seguinte cita será nas rúas e na mobilización. Asina a petición contra o 3 +2 de Change.org e axúdanos a difundila!
Carballino ou Orense foron algunhas das deturpacións que utilizou o Presidente do goberno español no debate de política xeral. Maceira: “É lamentábel que a estas alturas alguén poida dicir Carballino sen enrubiar de vergoña”.
Máis de trinta anos despois de que a Lei de Normalización Lingüística
recoñecese que a única forma oficial e correcta a todos os efectos de
denominar os nosos nomes de lugar é a orixinal, isto é, a galega, o
presidente do Goberno, Mariano Raxoi, demostrou novamente o seu desprezo
ao galego e á lexislación que o protexe deturpando sistematicamente a
nosa toponimia na súa intervención no debate das Cortes.
Na intervención nas cortes máis mediática do ano, o presidente non
tivo reparo en utilizar topónimos aberrantes como Carballino ou Orense,
incumprindo a legalidade vixente desde hai máis de tres décadas. Así,
Raxoi non só demostra o seu desprezo a Galiza e a súa mala fe, senón
tamén unha “profunda ignoracia”. En palabras do presidente da Mesa,
Marcos Maceira: “É lamentábel que a estas alturas alguén poida dicir
Carballino sen enrubiar de vergoña. Obxectivamente é un ridículo moito
maior que dicir relaxing cup of café con leche”
Para o presidente da Mesa, Marcos Maceira, que o presidente do
Goberno se permita continuar a deturpar os nosos topónimos no propio
Congreso e no debate máis mediático do ano é unha mostra do seu desprezo
absoluto pola oficialidade do galego.
É unha mostra máis do cinismo do PP que cando lle convén enche a boca
dicindo que “o primeiro deber dun gobernante é cumprir e facer cumprir
as leis” ao tempo que incumpre sistematicamente todas aquelas que
protexan minimamente a lingua e o patrimonio cultural dos galegos e
galegas. Complicidade e pasividade da Xunta nunha involución con motivos ideolóxicos
Desde A Mesa lembraron que nos últimos anos se multiplicaron as
queixas que reciben polo uso incorrecto de topónimos por parte do
Goberno, administracións e empresas públicas, unha cuestión que debería
estar superada desde o ano 83. Denuncian que este revival de deturpación
da nosa toponimia está motivado e impulsado ideoloxicamente desde o
propio Goberno, que se nega a aceptar a diversidade lingüística e
cultural do Estado renegando da lexislación e os consensos democráticos
acadados entre todas e todos.
Neste sentido, a deturpación de topónimos galegos por parte do
presidente do goberno únese a outros casos xa denunciados pola Mesa nos
últimos meses como os do Ministerio de Agricultura, o Ministerio de
Fomento, a Deputación de Pontevedra, Renfe, TVE, etc.
A entidade en defensa do idioma criticou a “pasividade vergoñenta e
cómplice da Xunta e da súa Secretaría Xeral de Política Lingüística”,
que ollan estas noticias sen abriren a boca e “incumpren tamén a súa
obriga legal de protexer o noso patromonio toponímico”. Neste sentido
Marcos Maceira pediu ao secretario xeral de Política Lingüística que
explique á sociedade galega que está a facer para garantir que se cumpra
Lei de normalización lingüística nalgo tan básico como que nos chamen
polo noso propio nome: “Situacións como estas en que o propio presidente
do Goberno se nega a chamarnos polos nosos propios nomes evidencian a
falta de respecto que Raxoi ten ao conxunto de galegas e galegos”,
sinalaron desde a asociación en defensa da lingua.
"Que inventen eles!". Á hora de falar dos recortes nos investimentos en
I+D ou das dificultades dun país para que se desenvolvan os seus
sectores tecnolóxicos e baseados no coñecemento adóitase botar man desta
castiza frase de Miguel de Unamuno.
O discurso oficial é sempre moi distinto, dende as institucións
predícase coa importancia clave do I+D+i e das producións baseadas na
alta tecnoloxía. O propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo
gravou hai un par de meses o seu discurso de fin de ano dende o Centro
Tecnolóxico de Automoción de Galicia, no Porriño, como un símbolo dun
"futuro prometedor", dixo. Iso si, na súa intervención houbo pouco
espazo para lembrar a crise da ciencia en Galicia ou que a I+D galega perdeu o 19% do seu persoal investigador dende 2010, uns 1.300 investigadores e investigadoras menos.
Os recortes e a crise non só afectan aos grupos de investigación
universitarios, traballen en colaboración con empresas externas ou non,
senón que tamén está deixando pegada nos sectores produtivos cunha gran
compoñente de tecnoloxía. Aqueles, adóitase repetir, que poden xerar
maior valor engadido e que poderían ser a base dunha economía galega
diferente e máis competitiva. O INE vén de publicar os seus Indicadores de Alta Tecnoloxía correspondentes ao ano 2013,
que amosan unha tímida recuperación no conxunto de España, pero que
tamén revelan un estancamento xeral en Galicia, con caídas nos capítulos
de persoal e de gastos internos no sector de alta tecnoloxía.
Ademais, a cifra de negocio nos sectores manufactureiros de tecnoloxía
alta segue descendendo e supón apenas unha cuarta parte dos datos de
2009.
A cifra de negocio das manufacturas de alta tecnoloxía en Galicia
pasou de superar o millón de euros en 2009 a ficar en 276 mil en 2013,
acumulando catro anos de caídas
De feito, esta cifra de negocio total das manufacturas de alta
tecnoloxía pasou de superar o millón de euros en 2009 a ficar en 276 mil
en 2013, acumulando catro anos de caídas. A cifra de negocio
nos sectores manufactureiros de tecnoloxía media-alta mantense estancado
dende ese ano 2009, cando superaba os oito millóns de euros, sendo hoxe
algo superior aos 7,6 millóns, cun incremento -iso si- dende os datos
de 2012. No conxunto do Estado, os sectores que empregan alta tecnoloxía
pasaron dende unha cifra de negocio de 25,3 millóns de euros ata os
actuais 24,1 millóns, crecendo dende os 22,7 millóns de 2012. Os sectores baseados en tecnoloxías media-altas incrementaron a súa produción dende os 116,8 millóns de 2009 ata os actuais 126,1 millóns.
2009
2010
2011
2012
2013
Persoal en I+D
2.063
2.144
2.179
2.277
2.171
Gastos internos no sector de alta tecnoloxía
139.829
134.319
132.071
131.038
119.609
Cifra de negocio nos sectores manufactureiros de tecnoloxía alta
1.016.516
461.203
368.150
317.961
276.710
Cifra de negocio nos sectores manufactureiros de tecnoloxía media-alta
8.055.870
8.021.168
7.825.328
6.769.389
7.625.740
Indicadores do sector da alta tecnoloxía en Galicia. Fonte: INE
Cifra de negocio dos sectores manufactureiros de tecnoloxía alta e media
A aplicación ‘Teclado galego para Android’
foi a gañadora do ‘Primeiro Concurso Faite Dixit@l de Aplicacións
Móbiles’. O concurso foi unha das actividades do proxecto de
capacitación dixital Faite Dixit@l! do que vos falamos a finais de ano.
A app permite integrar en dispositivos móbiles un teclado especificamente desenvolvido para escritura en galego.
Incorpora un dicionario nesta lingua para facilitar a predición do
texto. O xurado valorou a orixinalidade e innovación da aplicación, a
súa usabilidade e a satisfacción dunha necesidade social, entre outros
factores.
Unha vez instalada a aplicación, guiaravos para seleccionar o teclado
no apartado “idioma e introdución de texto”, nos axustes do voso
dispositivo. Tamén se recomenda activar o corrector ortográfico en
galego.
Xa non tedes que preocuparvos polas faltas ao escribir rápido en
galego, o teclado indicaravos cal é a palabra que estades a buscar.
Ademais podedes usar a escritura xestual: formar palabras facendo correr o dedo sobre a pantalla e unindo letras. Por último, é un teclado preditivo, canto máis se usa máis nos coñece. Suxírenos palabras mentres escribimos.
Por defecto, cando cambiedes o teclado de Google por este (ou por
outro calquera) apareceravos un aviso de que a aplicación pode rexistrar
datos persoais ou bancarios que introduzades cando escribides. Non
obstante, os desenvolvedores desta aplicación aseguran que “a protección
de privacidade dos nosos usuarios está totalmente asegurada xa que non
almacenamos nada do que escribas”.
O Baile Tradicional Galego pode ter cabida no Ensino? É un axente que
contribúe á consecución de obxectivos e competencias? Onde se enmarca
dentro da materia de Educación Física? É factible a súa aplicación?
Require unha formación e experiencia previas? A todas estas cuestións
intentaremos dar resposta.
Cabe dicir que todas as reflexións e propostas envorcadas neste artigo
xorden despois de realizar dous grupos de traballo sobre o uso do Baile
tradicional Galego no Ensino e de poñer en práctica varias experiencias
en aulas de secundaria en distintos centros. O plasmado aquí é froito
desas experiencias e das conclusións obtidas neses traballos,
enriquecidas por achegas de moitos mestres de baile e de moitas
experiencias en clases e en situacións de baile espontáneas.
Xustificando o uso do Baile Tradicional Galego
Dentro da idea de recuperar as nosas tradicións e ao mesmo tempo achegar
a nosa cultura á escola para transmitila, aparece a necesidade de
integrar o Baile Tradicional Galego no Ensino. A súa enorme
potencialidade educativa permite traballar unha cantidade inxente de
contidos relacionados coa actividade física, principalmente relacionados
co ritmo, a expresión corporal e a creatividade; pero tamén coa
coordinación, disociación motora, co traballo das capacidades físicas e
habilidades como saltos, xiros, desplazamientos...Y o que é máis:
propicia situacións apropiadas para a socialización, coeducación e
educación en valores.
Debemos poñer en valor noso patrimonio, cunha gran riqueza nun baile que
dá unhas posibilidades para o ensino tan boas ou mellores que outros
bailes e danzas do mundo que si se están a introducir como contidos
educativos. O sistema educativo debe mostrar e ensinar aquilo que nos
rodea e fíxonos como pobo... e que mellor forma que bailando!
Ademais, debemos dende a escola contribuír a recuperar o seu uso como medio de relación social e divertimento.
O seu lugar no currículo
Se comezamos buscando o lugar do Baile Tradicional no currículo e imos
ás competencias básicas encontramos unha relación clara coa Competencia
cultural e artística (participar na vida cultural, conservar o
patrimonio...) coa Competencia no coñecemento e a interacción co mundo
físico e a Competencia social e cidadá. Se
posteriormente acudimos aos obxectivos de etapa da Eso e Bacharelato
encontramos referencias a coñecer e valorar o patrimonio e as creacións
artísticas, ao uso de diversos medios de expresión e representación...
Xa na Educación Física podemos situar o Baile Tradicional Galego na etapa de Primaria citado de forma explícita nos obxectivos: Coñecer
e practicar xogos, deportes e/ou bailes tradicionais propios da cultura
galega, mostrando interese pola indagación neste ámbito e pola súa
difusión e valorando as repercusións que teñen na nosa sociedade. E
relacionado de forma directa cos contidos do bloque de "actividades
físicas artístico-expresivas" que engloba o ritmo, os bailes e danzas, o
vivenciarlas, a elaboración de coreografías e composicións de
movementos.
Na ESO asociámolo a obxectivos referentes a Practicar e deseñar
actividades expresivas utilizando o corpo como medio de comunicación e
expresión creativa, e integrámolo no bloque de Expresión corporal nos
catro cursos, con contidos como Realización de danzas sinxelas de
carácter recreativo e popular, Bailes e danzas: realización de danzas
colectivas, históricas e do mundo, Creación de composicións
coreográficas colectivas...
E no Bacharelato podemos relacionalo cos aspectos reflectidos na
introdución do currículo desta materia referentes á inclusión das
actividades físicas no tempo libre, á ocupación activa deste con hábitos
de práctica regular, ao feito de favorecer a formación dunha
motricidade rica e diversa... Nesta liña podemos encontrar obxectivos e
contidos nos que ten cabida o baile tradicional, así temos os obxectivos
referidos á participación e organización de actividades físicas como
recurso para ocupar o tempo libre e ao deseño e práctica de composicións
con base musical en pequenos grupos como medio de expresión e
comunicación; e os contidos de "Realización de actividade física con
soporte musical" ou "Elaboración e representación dunha composición
corporal colectiva".
O noso baile tradicional forma parte do Patrimonio Inmaterial de
Galicia, e este patrimonio é o que o alumnado debe valorar, respectar e
afianzar ao longo da súa escolaridade, ademais de contribuír á súa
conservación e mellorar no contexto actual de globalización. Este
obxectivo, plasmado no currículo de bacharelato, é o que fundamenta
claramente a proposta de incluír o baile tradicional nas distintas
etapas educativas nesta materia. Nada mellor que aprender e experimentar
o noso baile para valoralo e contribuír a conservalo e melloralo,
manténdoo vivo.
Algúns conceptos...
Hai certos conceptos que convén ter claros antes de abordar o ensino do
baile tradicional. Isto faise complexo debido á escasa bibliografía
sobre o tema, á falta de unificación na terminoloxía, nas formulacións
de ensino e na concepción do baile por parte dos diferentes autores.
Podemos intentar xuntar e simplificar moito as visións dos distintos
autores citados na bibliografía e ofrecer unha pequena explicación.
Clasificación
Bailes Soltos ("Soltos"): Muiñeira e Iota (dentro de cada un deles hai diferentes tipos).
Danzas:
(As danzas teñen unha coreografía precisa que non varía, pola contra
os bailes teñen unha parte de improvisación e sorpresa) Pueden ser de
paus, de reis, de arcos, de espadas... Como exemplos podemos citar as de
Darbo, Aldán en Cangas (Pontevedra) ou a de Arcos no municipio de
Cariño na Provincia da Coruña.
Soltos-agarrados.
Xogos-baile.
Estrutura e organización do baile solto
A coreografía pode ser en fila ou en roda ("roda"), sempre cos/ás "bailadores/ás" en 2 grupos opostos.
Partes do baile solto: paseo ou descanso (non existe sempre), punto e volta ("volta") que pode ser en roda ou en taboleiro.
O
guía é a persoa que inicia o punto, logo todos/ás os/ás bailadores/ás
teñen que imitalo. Báilase en parella, facendo os movementos en espello,
e simétricos, primeiro a un lado e logo ao outro lado.
Os
puntos son unha combinación de pasos, que podemos crear libremente,
alternando o tipo e número de pasos, a orde en que os combinamos, os
cambios de orientación, desprazamentos, xiros, cambios de perna...
Os
distintos pasos ou "pasos base" reciben diferentes denominacións e
teñen distintos estilos de execución dependendo da zona, o autor
consultado... Mesmo hai autores que os agrupan en familias de pasos
(Cobos, 2006) ou que os categorizar en función da súa "importancia" ou
da súa frecuencia de utilización. Á hora de aplicalo sería interesante
comezar empregando a terminoloxía máis común entre os autores que
coñezamos.
Tendencias e enfoques no ensino do baile
Atrevéndonos a resumir moito podemos reducir os enfoques do ensino do
Baile Tradicional Galego a dous ben diferentes. Por unha parte o que
segue a liña de aprender unha coreografía concreta, cuns movementos
fixos xa marcados e logo perfeccionala, comezando por bailes moi
sinxelos que se van complicando e aumentando en dificultade conforme
avanzamos na aprendizaxe e por outra o que ensina a bailar de forma que
se aprendan movementos, pasos, puntos, ritmos... e logo ofrézanse
instrumentos para combinalos e aplicalos á hora de bailar diferentes
tipos de baile.
Esta segunda visión é a que nos interesa para o sistema educativo, pois
fomenta unha aprendizaxe global, creativo no que o alumno toma un papel
mais activo. De todos os xeitos poderemos botar man da primeira nalgunha
ocasión, sobre todo nas etapas de Infantil e Primaria.
Ideas para a súa aplicación na aula
Como acontece coa maioría de
contidos da Educación Física é necesario ter, por parte do profesorado
que o aplica, uns coñecementos básicos sobre o baile, as súas partes,
estrutura, ritmo... tamén é importante o feito de ter experimentado o
baile e os movementos a ensinar. Existen recursos na bibliografía
actual, como DVDs dos libros de Así fan vos bailadores, Bailabén ou
Pesdelán que ofrecen a posibilidade de ser vehículos de aprendizaxe e
ensino de xogos-baile, e de sinxelos movementos de bailes soltos e
agarrados. O último dos citados contén mesmo explicacións de como
realizar pasos e puntos de diferentes bailes. Podemos usar estes
recursos na aula e tamén para a propia formación.
Outros materiais que podemos utilizar na aula son os instrumentos de
percusión: palmas, pandeireta..., gravacións (presentes na
bibliografía), publicacións e músicas relacionadas, láminas co nome das
partes do baile para que o alumnado teña unha referencia visual ademais
da auditiva, etc.
Intentando seguir a liña ofrecida polo currículo de ir aumentando a
autonomía do alumno, crecendo en dificultade e complexidade de
situacións motoras e evolucionando na aprendizaxe de contidos
construíndo aprendizaxes significativas, unha posibilidade sería comezar
na etapa de Infantil e Primaria realizando co alumnado Xogos-baile de
movementos sinxelos e nos que o ritmo da música se siga de forma
intuitiva, comezando así a acostumarse a movementos e estruturas que
serán a base dos pasos, puntos e bailes que aprenderán posteriormente.
Na bibliografía encontramos moitas posibilidades, con imaxes e música,
preparados para poder introducilas en unidades didácticas e danzas do
mundo, bailes, baile tradicional...
Na recta final do Primario e no inicio da Secundaria poderiamos
centrarnos en xogos-baile e danzas de maior dificultade e con
transferencia cara aos bailes a usar posteriormente. Tamén nos bailes
agarrados e mesmo comezar cos solto de forma sinxela. Na ESO e
Bacharelato, tendo en conta as experiencias previas e nivel de execución
dos alumnos, poderiamos afondar no baile solto, primeiro coa Muñeira e
despois co Iota.
O desexable sería ensinar pouco a pouco a adecuarse aos ritmos,
controlar os movementos, evolucionar no espazo, coordinar os momentos
coa parella e/ou grupo, aprender os pasos que son a base dos movementos e
incitar a usar a creación e combinación de movementos e pasos.
Conclusións
Esta proposta é importante
porque que o baile tradicional está presente nos currículos, para
traballar valores, recuperar a cultura, o patrimonio... É necesario que
se integre realmente no currículo o baile tradicional galego e se use
maioritariamente nas aulas, xa que moitas veces botamos man de danzas
doutros países, sen decatarnos da riqueza do noso propio baile.
Sería moi importante a formación do
profesorado con cursos específicos, nisto entrarían en xogo os CFRs para
traballar ademais da aprendizaxe e posibles aplicacións, a
sensibilización, divulgación... en canto ao baile tradicional galego e
mesmo a posible creación dun espazo de baile tradicional no CFR (con
iniciativas, materiais e recursos dispoñibles para utilizar...)
A aplicación na aula é posible. Os
recursos actuais ofrecen posibilidades sinxelas e realistas. O Baile
Tradicional Galego crea na aula novas situacións de aprendizaxe,
beneficios na creatividade motora, na mellora da coordinación, ritmo,
etc., socializa, coeduca, incide na afectividade...
Conversamos con Julián Carretero, dono da Boiga de Cumias, unha casa de
xantar situada no Val de Xátima. Un emprazamento xeográfico no que se
fala o valego. Afincado en Estremadura mais a 16 km de Portugal Julián asegura que "falamos igual que vós".
Sorprende chamar a Estremadura e que, ao outro lado do fío, respondan
en galego. Julián Carretero mora no Val de Xátima, un espazo a 16 km.
da fronteira entre Estremadura e Portugal, que garda unha estreita
relación con Galiza. Cando menos, lingüística. A fala, valego... como denominades a variedade lingüística no Val de Xálima?
No Val de Xálima hai tres pobos que o falan: San Martiño de Trebello,
Valverde de Fresno e Eljas. O 100% dos habitantes do Val falamos na
fala. Provén todo do mesmo, falamos o mesmo o que acontece é que en cada
pobo teñen as súas alteracións. Así, en San Martiño dise mañego, en
Valverde valverdeiro e en Eljas lagarteiro. Hai varios escritores que
lle teñen posto valego polo significado da historia que provén de
Galiza. Cal é a orixe? Por que se fala galego nesa zona de Estremadura?
Hai varias teorías sobre este fenómeno. Decátate que nós falamos igual
que vós. As tradicións son moi semellantes ás vosas. Hai estudos que din
que foi unha repoboación galega antes mesmo da independencia de
Portugal. Estamos a 16 km. da fronteira portuguesa, mais isto non ten
nada a ver. Non hai recollido nada escrito mais podería falarse desde o
século XII. O que si hai é moita tradición galega, cantares,
gastronomía, os topónimos... De feito o prato típico son fabas con
berzas, semellante ao caldo galego pero máis contundente. No Val de
Xátima vivimos xente diferente, con idioma propio, dentro de
Estremadura. Ti tes un restaurante...
Si. A Boiga de Cumias. A boiga aquí é como unha adega. E só compoñemos
pratos orixinarios de aquí. Neste senso, temos unha variedade
gastronómica moi diferente á da rexión que habitamos. Cantas persoas falan valego en Xálima?
Nos tres pobos todo o mundo o fala, desde que nace. Temos un castelán
perfecto porque o aprendemos na escola, mais na casa mantense a fala. En
San Martiño, que é onde eu vivo, moramos arredor de 800 persoas. No Val
pode haber máis de 7 mil persoas.
"No Val de Xátima o 100% das persoas falan a fala na casa, entre nós"
E a mocidade? Mantense o coñecemento e uso ou, en troca, tende a desaparecer?
A situación que temos aquí non é a mesma que en Galiza. No Val de Xátima
o 100% das persoas falan a fala na casa, entre nós. A xente que está
fóra, eu teño unha irmá que non vive aquí, fala mañego. A que leva 40
anos en Alemaña, Euskadi ou na vosa terra, fala igual que seus avós.
Date conta que por tradición e cultura comezas a falalo mais por vergoña
hai quen deixa de facelo, como vos acontece a vós. A xente nova non se
dá conta da riqueza que ten. Na variedade está a riqueza da cultura. Existe algúnha organización en defensa da fala?
Si. Estaba a Asociación Fala e Cultura que levaba un académico da lingua
galega, quen escribiu varios volumes sobre a historia da fala. Agora
fundouse A Nosa Fala. Unha asociación en defensa da fala entre os tres
pobos e que procura agrupar todos os proxectos culturais da zona. O
obxectivo é facer forza. En 2001 considerouse o valego BIC. Cal é a posición do goberno de Estremadura a respeito da lingua?
O anterior goberno foi unha cascarallada. Non apoiou a cultura da fala e
o fenómeno lingüístico e cultural que se dá no Val de Xátima. Tivo que
vir xente como Xosé Henrique Costas da Universidade de Vigo para
preocuparse por isto. Desde o goberno de Estremadura non se fai o que se
ten que facer.
"Non hai nada escrito nen de historia da lingua nen de gramática. Ademais os profesores veñen de fóra"
Na escola non se imparten aulas de valego?
Non, mais aquí tampouco hai nada escrito nen de historia da lingua nen
de gramática. Ademais os profesores veñen de fóra. Eu aposto máis en que
a cultura se manteña nas casas, que non se perda, porque os pobos van a
menos, a xente marcha e os que veñen de Madrid non o aprenden. Pola Boiga de Cumias pasa moita xente, de dentro e fóra de Estremadura, como reaxen cando vos escoitan falar?
Sorpréndense. A xente pregunta, mais isto que é? Hai moita xente en
Cáceres que non coñece este fenómeno. Din: 'Isto que é?' Portugués?'
unha mestura entre galego e portugués?'. Bon, antes de existir Portugal
xa estaba o Reino de Galiza. Agora estase a facer un Centro de
interpretación da fala porque moitos tampouco saben que responder cando
lles preguntan.
Sánchez Izquierdo recoñece a caída nas insercións publicitarias en
lingua galega e a nula presenza desta na páxina web da corporación.
A porcentaxe de anuncios publicitarios en galego na radio e
televisión públicas caeu do 50% ao 47,8% desde 2009. Así o indicou o
director da CRTVG, Sánchez Izquierdo, en comisión parlamentar após a
pregunta formulada pola deputada do Bloque, Montse Prado.
Un feito que o responsábel da corporación pública atribuíu a que
"algúns anunciantes deixaron de operar en Galiza" e "outros" trasladaron
a súa actuación "ao ámbito estatal" o que reducíu, segundo Sánchez
Izquierdo, a presenza do idioma propio de Galiza nos medios públicos. No
entanto, o director xeral subliñou o incremento do uso do galego
naqueles anunciantes cuxo domicilio social radica no noso país e que
pasaron, dixo, "do 71,5% ao 86,6%", unha suba "de perto de 13 puntos".
A cifra de insercións en lingua galega caeu do 50% ao 47,8% desde 2009
Aliás, a merma sufrida na presenza do galego débese, segundo o
responsábel da CRTVG ao "oligopolio" que existe á hora de contratar as
insercións, desenvolvidas na práctica por un par de axentes e á
"desaparición" da publicidade nas canles e emisoras de radio-televisión
espñola (RTVE).
Sánchez Izquierdo afanouse en salientar a "progresión" naqueles
ámbitos onde a CRTVG ten capacidade de "control". Porén, desde o grupo
parlamentar do BNG, a deputada Montse Prado retrucoulle asegurando que
os dados achegados "non inclúen" as insercións publicitarias da páxina
web. Un soporte en que se usa "practicamente no 100%" o español.
Prado responsabilizou o director xeral polo que definíu como un un
proceso de "substitución lingüística" no "campo smbólico" que representa
a publicidade e de estaren a "desgaleguizar Galiza".
Sánchez Izquierdo asegurou non estar en condicións de resolver a falta de publicidade en galego na páxina web da CRTVG
Na quenda de réplica Sánchez Izquierdo rexeitou achegar estes dados
--referidos ao portal web-- argüíndo que xa foran expostos "por extenso"
noutra intervención parlamentar. "Nada que agochar", asegurou mentres
emprazaba a Prado a lle remitir con posterioridade os dados ou a
procuralos no "diario de sesións".
Así as cousas o director xeral da CRTVG recoñeceu estar "preocupado"
pola escasa presenza da lingua galega na publicidade do sitio web "como o
están o meu colega de TV3 e da EiTB". Sánchez Izquierdo recuncou na
idea do mercado oligopolístico para a comercialización e contratación de
publicidade através da rede, un feito que di impide á CRTVG estar "en
condicións por agora" de controlar a lingua das publicidades. "É unha
eiva importante", sinalou, "que non ten solución a curto prazo".
O BOE fai públicos os currículos escolares da materia para Primaria,
Secundaria e Bacharelato. As oracións na aula serán avaliábeis.
O Ministerio de Educación español aprobou os currículos académicos de
relixión católica para os cursos de Primaria, Secundaria e Bacharelato.
As mudanzas nos contidos visan adaptar a materia á Lei Orgánica para a
Mellora da Calidade do Ensino (LOMCE) que obriga a todos os centros
públicos a ofertala, embora a súa matriculación sexa voluntaria.
Neste senso, algunhas das principais modificacións pasan por devolver
os rezos e oracións ás aulas como requirimento para aprobar a
asignatura. E é que o estudantado de relixión terá que demostrar as súas
capacidades para "memorizar e reproducir fórmulas sinxelas de petición e
agradecemento" no primeiro ano da antiga EXB, con 6 anos.
Nun curso máis, será avaliado a respeito da súa capacidade para se
expresar "oral e xestualmente agradecemento a deus". Aliás, incorpórase
como "criterio de avaliación" o recoñecemento por parte das crianzas da
"incacidade da persoa para alcanzar por si propia a felicidade". Así o
recolle o Boletín Oficial do Estado (BOE) na súa edición da terza feira (24 de febreiro).
No currículo desaparecen, asemade, as comparacións entre crenzas
relixiosas e mencións a outras fes como o Islam ou o Budismo que, con
anterioridade, si aparecían nos contidos desta materia en Bacharelato. Os bispos critican
Malia a todo, os bispos saíron ao paso para criticar as carencias que
ao seu entender ten a nova lei e os contidos aprobados para a materia.
Aseguran, sinalaron desde a Conferencia episcopal, que coidan
insuficiente o tratamento da relixión no conxunto de materias.
Asemade, afirman, a LOMCE non garante o dereito das familias a
formaren nesta crenza as súas crianzas como tampouco partillan o número
de horas que durarán as aulas.