venres, 6 de setembro de 2013

Xunta e Confapa non contemplan nas escolas "a posibilidade nin a necesidade" de utilizar o táper

A Xunta de Galicia e a Confederación Galega de Asociacións de Nais e Pais (Confapa) non contemplan "a posibilidade nin a necesidade" de que os alumnos leven a súa comida nun táper á escola, ante o incremento de prazas gratuítas nos comedores e para evitar a segregación.
  Fontes da Consellería de Educación do Goberno galego explicaron a Efe que non se prevé esta opción pola gran cantidade de prazas gratuítas para este curso que comeza, posición coa que coincidiu a presidenta de Confapa, Elena Gómez, quen asegurou a Efe que non son partidarios do táper "porque os alumnos terían que comer aparte e levaría unha segregación".
  "Parécenos volver a outros tempos", agregou Gómez.
  A Xunta de Galicia aprobou o pasado 1 de agosto o decreto que regula os comedores escolares a partir do próximo curso e que contempla 11.000 prazas gratuítas máis das que había en 2009 e outras 2.000 adicionais cun custo máximo dun euro.
  Deste xeito, o 60 % das prazas de comedor serán gratis, mentres que un 10 % terán un custo máximo dun euro.
  En canto ás primeiras, o decreto establece a gratuidade para as familias cunha renda anual neta per cápita inferior a 7.000 euros, en situación socioeconómica de exclusión social, e vítimas de terrorismo e violencia de xénero; e para os alumnos que cursen ensino básico e segundo ciclo de educación infantil que se atopen en situación de acollida residencial ou familiar.
  Tamén será gratuíto o servizo para os alumnos cun grao de discapacidade igual ou superior ó 33 %, e para o persoal de cociña, coidadores, educadores e auxiliares de enfermería no tempo de desempeño efectivo do seu traballo, e o persoal dos centros e pais e nais durante os días en que se desenvolva a súa colaboración efectiva.
  Ademais, haberá bonificacións para que os comensais só abonen 1 euro (renda anual neta per cápita de 7.000,01 a 8.000 euros), 2,50 euros (renda anual neta per cápita de 8.000,01 a 9.000 euros) ou 4,50 euros (renda anual neta per cápita igual ou superior a 9.000,01 euros), aínda que as familias numerosas pagarán un máximo de 1 euro por menú aínda no caso de que a súa renda anual neta per cápita sexa igual ou superior a 7.000,01 euros.
  En canto ó número de usuarios, a ampliación da rede de comedores xestionada pola Consellería de Educación establece unha clasificación tipo A (ata 75 comensais), tipo B (de 76 a 150), tipo C (de 151 a 250), tipo D (de 251 a 350), tipo E (de 351 a 500) e tipo F (máis de 500).
  A pesar da disposición destas prazas, a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais denuncia que este decreto "deixa sen alternativa" ós centros escolares do rural ó suspender o transporte escolar ó mediodía.
  Segundo indica nun comunicado, esta decisión implica "para a maior parte das familias a obrigatoriedade de asumir un gasto de comedor de case 500 euros por neno cando as rendas dos seus integrantes non chegan a mil euros".
  A Confapa coincidiu no seu rexeitamento ó decreto, exposto pola comunidade educativa, ó alegar que "a Xunta non está investindo en comedores".
  "O orzamento que van investir de 1,2 millóns -continuou Elena Gómez- sae a 333 ó mes para cada colexio, co que está claro que os nenos que pagarán 4,5 euros no comedor son os que van pagar a gratuidade dos demais".
  Tras considerar "esaxerado" o diñeiro a pagar por eses nenos reprochou á Xunta que coa norma "estanse lavando as mans de xeito esaxerado" porque quen fixarán o baremo das solicitudes de nenos que entran ou non ó comedor van ser os consellos escolares e a dirección.
  "Non podemos menos que estar en contra, parécenos un paripé porque nos están vendendo algo no que eles falan de igualdade, pero eu non entendo onde está a igualdade", aseverou.

Ningún comentario:

Publicar un comentario