xoves, 19 de setembro de 2013

A Xunta distribúe como "enquisa" a consulta lingüística tras dicir que non o era

"Non é unha enquisa". O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, comparecía o pasado 4 de setembro ante a comisión de Educación no Parlamento para explicar a instrución coa que o Goberno galego tenta encaixar o denominado decreto do plurilingüismo nas sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que o ilegalizaron parcialmente. Un dos puntos da norma tombados pola Xustiza foi, precisamente, a pretensión do Goberno de condicionar a lingua do ensino ao resultado dun inquérito entre as familias do alumnado. García mantivo ante os deputados e deputadas que a enquisa non era tal. Agora, nos centros de ensino recíbese unha enquisa.
Isto é, cando menos, o que lles aconteceu ás familias e responsables legais do alumnado de Educación Infantil dun colexio da Coruña. Co correspondente encabezamento da Xunta a "pregunta" definida polo titular de Política Lingüística é presentada como "enquisa sobre a lingua materna". No documento, as nais, pais ou titores deben "facer constar" que a "lingua materna do meu fillo ou filla" é galego, castelán ou "outra" que se especifique -principal novidade a respecto do inquérito anterior". 
O secretario xeral de Política Lingüística asegurou no Parlamento que "non é unha enquisa"
Para o secretario xeral a formulación desta "pregunta" que non era "enquisa" pero que agora volve selo é imprescindible. No caso de non realizala, "como facemos?", pregúntase García. "Mandannos un telegrama, adiviñámolo?", cuestionou aos deputados e deputadas. Con esta explicación o alto cargo da Consellería vén defender que as novas instrucións de aplicación do decreto dan lugar a un texto "mellorado" que, ademais, se adapta "totalmente á legalidade".
Feijóo xa avanzara que a enquisa se ía seguir realizando porque "a sentenza non o impide"
O establecemento dunha "casilla" para marcar no "sobre de matrícula" a lingua do ensino foi unha das promesas estrela de Alberto Núñez Feijóo na súa primeira campaña electoral autonómica, a mesma na que destacados dirixentes do PP galego saíron á rúa unha semana antes do inicio da carreira ás urnas para apoiar a manifestación da asociación Galicia Bilingüe. Despois de rebaixar esta pretensión, as enquisas que finalmente foron incluídas no decreto foron rexeitadas polo TSXG e, o pasado marzo, o propio Feijóo amosábase convencido de que "a sentenza non impide" realizar a sondaxe, senón que "sexa obrigatoria no seu resultado". "Seguiremos facendo as consultas, pero non producen efectos legais porque a sentenza o impiden, pero será determinante para que nós adoptemos unha decisión ou outra". Semella que, neste caso, a promesa presidencial si foi cumprida.

Ningún comentario:

Publicar un comentario