venres, 6 de setembro de 2013

Os recortes da Xunta pechan escolas rurais

A Xunta continúa coas súas políticas neoliberais de redución de servizos públicos ao sumar 22 escolas rurais pechadas para o vindeiro curso académico. Ao mesmo tempo, as escolas que seguen a subsistir no rural están vendo como se reduce o seu número de docentes. Deste xeito, nunha mesma aula hai nen@s de diferentes niveis educativos atendidos por unha/un mesm@ docente, o que dificulta notablemente a adecuada atención ás súas necesidades académicas.
Asemade, o peche das escolas rurais provoca o éxodo ás cidades por parte das nais e pais d@s cativ@s, pois a vida no rural cada vez é máis difícil debido aos recortes que a Xunta está a aplicar, ao non garantir uns servizos públicos para poder vivir con calidade.
Cremos que a escola rural ten un papel fundamental na vertebración do territorio e da sociedade pois conforma unha comunidade estreitamente ligada á terra, que preserva e reforza a cultura e contribúe fundamentalmente a manter a vida no rural, pois fica claro que nas aldeas nas que nestes intres non hai cativ@s, o seu futuro é moi incerto.
Os Comités rexeitamos o peche de escolas rurais e as políticas do Partido Popular para desmantelar o ensino público e de calidade. O ensino no rural debe ser unha prioridade para non negar o noso pasado e pechar o futuro das xeracións vindeiras.

Ningún comentario:

Publicar un comentario