venres, 27 de setembro de 2013

Galicia perdeu 1.200 docentes no ensino público en catro anos

As cifras dos recortes en educación veñen sendo unha constante no inicio de cada curso escolar dende o inicio da crise económica. Entre elas, unhas das máis dispares en función da fonte son as dos recortes de profesorado. Alén das versións de parte, unha ollada aos datos oficiais recollidos pola Dirección Xeral de Centros da Consellería de Educación permite concluír que dende o curso 2009-2010, o primeiro iniciado con Alberto Núñez Feijóo na Presidencia da Xunta, as aulas públicas do país perderon 1.201 docentes, unha cifra que se sitúa nos 1.221 ao engadir a redución correspondente ao ensino concertado.
O primeiro período escolar tras o retorno do PP a San Caetano supuxo, segundo esa mesma fonte oficial, un cambio de tendencia que se mantén dende entón. Ata ese momento o Goberno galego, tanto co PP como co bipartito, viña sumando paulatinamente profesores e profesoras á educación pública. Así, por exemplo, no derradeiro curso xestionado pola Administración de Manuel Fraga traballaron nos colexios e institutos públicos 30.238 profesores e profesoras e 7.556 fixérono nos concertados. O crecemento continuou ata o curso 2008-2009, cando se contaban 31.375 docentes na pública e 7.696 na concertada. O curso seguinte, o primeiro co PP, o profesorado da pública mantívose e o da concertada aumentou en 53 persoas.
A partir dese punto de inflexión tanto o ensino público como o concertado perdeu docentes, aínda que nunha proporción dispar. Así, a caída na escola pública foi dun 3,25% neste período, sempre segundo os datos da Consellería. Mentres, os 20 docentes menos da concertada tradúcense nun decenso do 0,37%. Pola súa banda, os centros educativos privados contan na actualidade con 7.678 profesores e profesoras en Galicia, 71 menos que no curso 2009-2010 -un descenso do 0,91%- e 122 máis que hai unha década.
O corpo docente aumentou ata o curso 2009-2010, dende o que descendeu un 3,25% no ensino público
Este descenso do corpo docente prodúcese nun período no que o alumnado do ensino obrigatorio aumentou no país un 1,90%, pasando de 282.797 alumnas e alumnos no curso 2009-2010 a 288.183 no curso que vén de comezar. Fronte a este aumento no ensino obrigatorio, especialmente no primario, sitúase o descenso do alumnado no Bacharelato, que era cursado por 32.180 persoas no período escolar 2009-2010 e que, segundo os datos de Educación, ten 30.854 matrículas no 2013-2014.

O conselleiro e a "normalidade"

Estas cifras son, entre outras, o pano de fondo co que este martes acudía ao Parlamento o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, para dar conta da "normalidade" coa que comezou o novo curso escolar. Malia estar sobre a mesa asuntos candentes como o denominado decreto do plurilingüismo, as subvencións a centros segregacionistas ou o propio recorte de docentes Vázquez subiu á tribuna para instar a oposición a "deixar á marxe a confrontación política" e sumarse á interpretación dun inicio de curso normal. "A sociedade non quere políticas, quere resultados", sentenza o conselleiro.
Jesús Vázquez apela a "deixar á marxe a confrontación política"
A oposición, acusa Vázquez, tenta "confundir a opinión pública, cada día cun dato máis terxiversado" ou "contando contos". Pero o certo, asegura, é que Galicia ten un "número de profesores semellante ao do ano pasado", mantendo as ratios de alumnado por docente en cifras inferiores á media do Estado. Eses alumnos e alumnas, di, benefícianase do "esforzo" para "compensar a baixada de fondos do Ministerio de Educación" en ámbitos como as axudas para a compra de libros de texto, a denominada "gratuidade solidaria" que substituíu o programa de préstamo do bipartito e que agora, engade, tamén pode ser empregada para pagar material escolar. Este sistema, defende, é "máis xusto e equitativo, pagan as familias que poden para que non paguen as que non poden".
O conselleiro de Educación acusa a oposición de defender o "café para todos" nas axudas escolares
Neste contexto, o conselleiro rexeita ademais que o seu departamento beneficie o ensino privado e concertado fronte ao público. "Son fillo de xente moi humilde e tiven que facer moito esforzo para manter a bolsa", reivindica, tanto para defender as axudas parciais para libros como para xustificar o novo copagamento nos comedores. A oposición, acusa, fai "bandeira de cuestións que non se corresponden coa realidade, pero o modelo educativo do PP é "máis xusto e equitativo". Os outros grupos "reivindican o café para todos" pero a igualdade consiste en "darlle a cada un o que merece" e non "en que os fillos dos deputados poidan ir de balde ao comedor escolar" ou "darlles os libros á xente que pode pagalos".

Ningún comentario:

Publicar un comentario