martes, 17 de setembro de 2013

O PSdeG denuncia que Educación e Facenda teñen datos "contraditorios" de profesores e esixe que se aclaren

Vicente do Casar tacha as políticas dos populares de "armas de destrución masiva" e ideadas para "disuadir" as familias humildes.

O voceiro de Educación do Grupo do PSdeG, Vicente do Casar, denunciou que entre a consellería do ramo e a de Facenda --da que depende o Instituto Galego de Estadística (IGE)-- teñen datos "contraditorios" sobre o número de docentes cos que conta a Comunidade galega e pide á Xunta "rematar coa cerimonia da confusión" e aclarar cales son as cifras reais.
Neste sentido, indicou que "mentres que algúns falan de 1.200 prazas", os datos da Consellería de Facenda "ascenden a 3.900" a perda de profesores na comparativa entre xaneiro de 2010 e ese mesmo mes de 2013. A esta situación, engadiu que a matrícula aumentou e existen "17.350 alumnos máis" inscritos nos centros educativos.
Coincidindo co inicio do curso escolar en educación secundaria e FP, Vicente do Casar fixo un repaso polas políticas educativas da Xunta, que cualificou de "arma de destrución masiva contra a igualdade de oportunidades".
Neste sentido, advertiu da "nefasta política de bolsas", acrecentada polo "dúo Rajoy-Wert", que, segundo dixo, está ideada para "disuadir os estudantes de familias humildes" acceder á educación universitaria.
Ao respecto, o deputado socialista, que acusou de "cruel, elitista e clasista" a política educativa do PP, advertiu que esta situación "pode impedir que mozos do rural" non poidan acudir a unha formación de FP ou de Bacharelato pola eliminación das axudas ao desprazamento.
Domingo Casar describiu unha situación que non se pode cualificar como "marcada pola normalidade" --agregou-- como dixo a Consellería de Educación, e ilustrou con que hai polo país pais e nais que organizan bancos de libros para paliar as dificultades para pagar o material escolar.

COMEDORES

O parlamentario socialista tamén criticou que a desaparición do comedor gratuíto aos nenos do rural que teñen que desprazarse en autobús para o colexio, o que supón "un novo ataque" para este ámbito. Neste sentido, recordou o anuncio, feito público polo presidente do grupo parlamentario, Pachi Vázquez, de que os socialistas recorrerán o decreto de comedores en instancias xudiciais.
Vicente do Casar recordou que este servizo gratuíto foi instaurado hai 40 anos, durante a ditadura, e asegurou que ao "recorte" que se fai en Galicia "nin sequera se atreveu a gran campioa dos recortes" en Castela-A Mancha, María Dolores de Cospedal.
Así as cousas, o deputado do PSdeG criticou a "hipocrisía e dobre moral do PP" que, por un lado, "asegura defender as familias", pero, por outro, failles "pagar comedores escolares" ao rural, "pecha" colexios e escolas unitarias, "retira" bolsas de axudas e permite "a emigración dos investigadores e universitarios" titulados.




Ningún comentario:

Publicar un comentario