martes, 10 de setembro de 2013

A Mesa denuncia a “política lingüicida de Atila Núñez Feijóo”

A entidade realizará un estudo para observar cal é a presenza das linguas no sistema educativo galego, para ver se continúa “a liña de laminación do idioma propio, agudizada nos últimos anos”.

A Mesa pola Normalización Lingüística volveu emprazar ao goberno galego a procurar un “consenso sobre a lingua galega” e a cumprir a Lei de normalización lingüística, o Plan xeral de normalización da lingua galega e da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias” que “escachou en anacos o Partido Popular”.
Así o recordaron en conferencia de imprensa os dirixentes da Mesa pola Normalización Lingüística Carlos Callón (presidente), Susana Méndez (vicepresidenta) e Iria Taibo (secretaria xeral), que cualificaron ironicamente esta proposta como “consenso mortal”. Ademais, lembraron que, se desde a Xunta queren falar, o que teñen que facer é responder ás “numerosas solicitudes de entrevista sen resposta que gardan nos caixóns da presidencia”.
Criminalización
Susana Méndez criticou a “nova tentativa de criminalización do movemento social en defensa da lingua galega”, a través dunha denuncia tramitada pola Delegación do Goberno contra Queremos Galego por supostos desperfectos realizados na manifestación do 17 de maio, dos cales ninguén ten constancia.
A respecto disto último, Carlos Callón lamentou que o PP utilice as institucións para converter en “sospeitosos habituais” todos os movementos “que teñan unha opinión diferente da súa”.
Novo estudo sobre a situación do galego no ensino
Os representantes da Mesa tamén chamaron a atención sobre o “enorme retroceso” que está a padecer a lingua galega no sistema educativo durante o goberno de “Atila Núñez Feijóo, que tantos dereitos está a destruír, entre eles o de podermos vivir no noso idioma no noso propio país”.
Para o constataren, “e dado que a Xunta non ofreceu en ningún momento datos nin sobre o ensino en cada lingua e nin tan sequera sobre os resultados da pseudoconsulta”, A Mesa dirixirase aos centros de ensino para ter unha información sobre a presenza do galego na escola, “un estudo que queremos que sexa máis exhaustivo na educación infantil das cidades, un espazo en que o decretazo contra o noso idioma está a ser especialmente letal”.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario