mércores, 4 de setembro de 2013

Os reitores galegos sinalan que hai "moitas incógnitas" sobre a Lomce

Os reitores das tres universidades galegas aclararon este martes que "non" ten ningún sentido" poñerse a falar "de probas específicas" de ingreso para os alumnos cando aínda existen "moitas incógnitas" que resolver sobre a Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa.
Así se pronunciaron ao respecto das informacións que apuntaban a unha proposta das tres institucións para realizar un exame común de ingreso, a maiores da proba de bacharelato. Unha posibilidade que aparcan, polo menos de momento, dado que a Lei "está sen aprobar".
En declaracións aos medios, o reitor de Santiago, Juan Casares Long, foi contundente ao aclarar que só comentaran que "ao mellor había que facelo, e descartou que se trate dunha proposta sólida e definitiva.
Con este punto coincidiu o seu homólogo vigués, Salustiano Mato, quen considerou que "mentres non se despexen varias incógnitas" se debe "preocupar á xente por probas" dado que a Lomce, norma coa que están "en contra", está "sen aprobar" e eles sempre defenderon "o mesmo sistema que hai agora" para acceder á universidade.
Mato explicou que "primeiro hai que ver se se aproba" o texto da Lomce e, en segundo lugar, ver como se desenvolve o regulamento do proceso para as reválidas de bacharelato ao " cual vai ser ao intervención das universidades nesa proba, que iso está por facer,".
"Aí é onde veremos se iso vai ser o equivalente ao que chamamos selectividade", sinalou, para engadir que en función dese desenvolvemento "ao mellor non ten ningún sentido falar de probas específicas".

INTENTAR "EVITAR PROBAS"

Polo tanto, "todo o discurso" destes días parte "dunha ficción", dado que o único que falaron é que, unha vez "despexadas as incógnitas", o que farán é "algo que estea unificado no Sistema Universitario de Galicia" e que as regras de xogo para entrar "sexan iguais para todos".
"Se podemos evitar probas, evitaremos probas", aclarou Salustiano Mato, para sinalar que o que buscan é un sistema "de garantía de igualdade de oportunidades" e "que non haxa condicións nun sitio distintas que noutro".
Pola súa banda, o reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto, recordou que unha das razóns da súa "oposición total" á Lomce é que "se centralizan as probas de coñecemento xeral de bacharelato", o que supón "un paso atrás respecto á descentralización de competencias da Comunidade Autónoma", e que "en principio" a universidade "queda fóra".

A XUNTA, EN CONTRA

Pola súa parte, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez, reiterou a preguntas dos medios que non está de acordo cos cales o alumnado "se teña que examinar con carácter xeral dúas veces das mesmas cuestións".
Así, defendeu que xa haberá unha proba de bacharelato "obxectiva, transparente e de xeito externo", que será "suficiente", aínda que recoñeceu que se os reitores quixesen establecer un exame entra "dentro da súa autonomía".

Ningún comentario:

Publicar un comentario