mércores, 11 de setembro de 2013

Libreiros denuncian máis de 20 colexios relixiosos por intrusismo

Protestas de pais e profesores marcan o inicio de curso

Acúsanlles de comercializar eles mesmos os manuais que deben usar os seus escolares

 O Tribunal Supremo condenou en 2007 os Maristas de Ourense por vender libros de texto no seu colexio. Aquela resolución xudicial puxo couto a unha práctica común durante moitos anos nos centros concertados que, segundo a Federación de Libreiros de Galicia, volve agora con forza. A entidade que agrupa estes profesionais denunciou ante a Dirección Xeral de Comercio de la Xunta a unha vintena de colexios xestionados por congregacións relixiosas por "intrusismo" porque, sosteñen, comercializan eles mesmos e "sen pudor" os manuais que deben usar os seus escolares nas aulas. "É un escándalo que unha congregación relixiosa faga competencia desleal e manipule os pais dándolles un papelito coas notas para que vaian comprar os libros ao centro escolar", protesta a presidenta da federación galega de libreiros, Piar Rodríguez, que acusa o Goberno autónomo de "mirar para outro lado".
A crítica de Rodríguez á Xunta prodúcese porque a denuncia deste ano non é a primeira. En xuño de 2012 os comerciantes alertaron a Dirección Xeral de Comercio, dependente da Consellería de Industria, de que certos colexios concertados retomaran esta práctica. As inspeccións realizadas pola Administración deron pé á apertura dun expediente do que non volveu saber nada. Os libreiros aseguran que algúns colexios deseñaron enganos para poder facer caixa vendendo libros de texto, como convocar os pais un só día ou distribuír os manuais por Internet, porque "é unha pasta que lles cae do ceo" libre de impostos. "Nós admitimos que as asociacións de pais monten bancos de libros para axudar a persoas que ás veces non teñen para comer, pero isto non", subliña Rodríguez.

Os libreiros non son os únicos que acusan a Xunta de Feijóo de obsequiar e protexer aos colexios concertados, a maioría deles en mans de organizacións católicas. Sindicatos, asociacións de pais de alumnos e partidos da oposición coinciden en denunciar os recortes presupostarios cos que hoxe arranca o curso escolar en Educación Infantil e Primaria -entre eles a supresión do comedor gratuíto para 20.000 familias- e o contraste entre o custo que a austeridade do PP ten para o ensino público e para a privada subvencionada. CIG Ensino revela que os 200.790 alumnos que volven hoxe a clase (336 máis que en 2012) o fan nun sistema onde se pecharon 15 colexios e 64 aulas de Educación Infantil e Primaria en centros públicos mentres se financian 40 unidades máis en escolas xestionadas por entidades privadas. AGE denuncia que os colexios públicos terán 403 mestres menos fronte á supresión de 63 postos dos concertados. A Plataforma en Defensa do Ensino Público, integrada por sindicatos de profesores e estudantes e asociacións de pais, xa convocou unha manifestación para o día 28 en Santiago. A Consellería de Educación replica que as clases comezan con "total normalidade" e que os sindicatos "falsean datos" e difunden un "discurso catastrofista".

Ningún comentario:

Publicar un comentario