xoves, 19 de setembro de 2013

O PP di que a Constitución non obriga a garantir o comedor escolar

     A oposición reclama a modificación do decreto do copagamento e AGE chama á insubmisión.

  • Case 20.000 escolares terán que pagar o comedor.

    A educación gratuíta que garante a Constitución non considera o servizo de comedor porque non o considera un elemento integrador". O secretario xeral da Consellería de Educación, Jesús Oitavén, esgrimiu onte en comisión parlamentaria este argumento -xunto co da "xustiza social" fronte a "a iniquidade do bipartito" - para defender o decreto dos comedores escolares aprobado o pasado agosto que, na fase máis aguda da crise económica, obrigará máis de 20.000 familias a custearse este servizo, que aumenta o seu prezo nun 40%.
    Oitavén non respondeu á pregunta que lle formulou o voceiro do BNG, Cosme Pombo, sobre que fará a Xunta cos nenos cuxas familias non o paguen. Tampouco respondeu á que lle fixo o voceiro de AGE, Ramón Vázquez, tras chamar á insubmisión dos pais fronte ao copagamento, relativa a que fará a Administración autonómica cos nenos transportados que non acudan ao comedor. Os tres grupos da oposición (PSdeG, AGE e BNG) insistiron na necesidade de que se modifique o decreto (AGE pediu a súa derrogación) apelando mesmo á súa "ilegalidade". Pero o representante da consellería, da mesma forma que o voceiro do PP na comisión, Román Rodríguez, foron implacables: "Os seus fillos, ou os meus, comerían gratuitamente se viven nos arredores e teñen, polo tanto, dereito ao transporte escolar; iso non é de xustiza", espetoulle Oitavén o voceiro socialista, Vicente Docasar, para explicar o espírito de "solidariedade" no que se basea a nova norma. O socialista contestoulle que estaba de acordo en que quen máis ten pague máis, " pero a través da declaración da renda".

    Sen poder deber cotas

    "Non entendo por que os fillos de familias con máis ingresos non poden comer nun centro público cos de familias con menos poder adquisitivo", argumentou Docasar. O secretario de Educación insistiu na súa tese, alertando de que ata agora, "os fillos de familias que viven en urbanizacións de luxo tiñan comedor gratuíto como consecuencia do seu dereito ao transporte escolar". O voceiro de AGE alertou de que o decreto detalla que a ausencia de aboamento dunha mensualidade será causa da perda do servizo do comedor. " Que cre que lle pasará ás familias nas que cada cónxuxe gaña 875 euros mensuais e teñen que facer fronte a hipotecas e outros gastos? ", preguntou Vázquez.

Ningún comentario:

Publicar un comentario