luns, 2 de setembro de 2013

Empresas privadas ensinarán inglés en centros públicos galegos

A Consellaría de Educación publica no DOG deste xoves a convocatoria para a contratación externa de cursos intensivos de inglés que o alumnado realizará no horario lectivo. Da actividade beneficiaranse uns 500 alumnos e alumnas de sexto de Primaria e de ESO. A CIG denuncia que esta é "a primeira vez que a Consellaría concerta con empresas privadas a formación no ensino público, durante o período lectivo do alumnado" e cre inaceptable que se contrate externamente esta actividade, cun custe de 300 mil euros, "cando hai numeroso profesorado especialista que está sen traballo".
CIG-Ensino cre inaceptable que se contrate externamente esta actividade, cun custe de 300 mil euros, "cando hai numeroso profesorado especialista que está sen traballo"
O sindicato considera ademais que se trata "dunha proposta elitista e selectiva na medida en que non vai abranguer nin sequera o 0,2% do alumnado galego". E pregúntase "que característica terá o alumnado que se poida beneficiar dun curso intensivo dunha semana deixando de recibir as aulas ordinarias? Acaso será o alumnado que ten máis dificultades na aprendizaxe, neste caso en idioma estranxeiro, o que se beneficie desta formación extra? Está claro que non". A central conclúe que "estamos ante unha actuación que se reafirma nos principios da creación dos centros plurilingües, onde a suposta mellora en linguas estranxeiras só está pensada para unha parte do alumnado, mentres seguen sen dotarse os centros de recursos, profesorado e medios para mellorar o ensino en linguas estranxeiras". 
Tamén salienta que esta convocatoria se faga por procedemento de urxencia, habendo só oito días para presentar propostas. "Como van facer as empresas para se presentar a este concurso con tan pouco tempo? Ou hai empresas de man avisadas?" pregúntase o sindicato, que sinala que noutros procedementos realizados pola Xunta "resultaron beneficiadas empresas relacionadas co Opus Dei".
CIG-Ensino denuncia "a dobre moral, a tendenciosidade e a imposición ideolóxica do PP que utiliza as institucións e o diñeiro público non para garantir unha educación de calidade e no noso idioma a todas e todos, senón para financiar empresas privadas e desgaleguizarnos cada vez máis".

Ningún comentario:

Publicar un comentario