martes, 24 de setembro de 2013

''Quen se opón ao decreto do galego non é demócrata e apoia grupos terroristas''

Díxoo o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, que definiu as multitudinarias mobilizacións en contra desta norma como ''unha minoría que se agocha detrás dunha faixa''. A Mesa pola Normalización rexeitou as súas palabras e reclamou outro decreto, ''xuridicamente forte e pedagoxicamente eficaz".

"Quen se opón á enquisa ás familias está fóra do sistema democrático". Díxoo o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, nunha entrevista concedida ao diario El País ao lle preguntar por que a Xunta mantén a consulta que o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza declarou ilegal en até cinco ocasións. 
Vázquez foi máis aló e sinalou que o Bloque "e as súas ramificacións, que no fondo son todos o mesmo grupo" son os que se acusan a si propios de non ser demócratas "cando apoian a grupos terroristas, e remítome ás probas". En resumidas contas, quen non está a favor do varrido do galego que o PPdG está a practicar nas aulas "non é demócrata" e apoia "o terrorismo".
Malia as multitudinarias mobilizacións en contra que recibiu o decreto do plurilingüismo desde que foi anunciado, en 2009, para o conselleiro de Educación eses milleiros representan "unha minoría que se agocha detrás dunha faixa" e "non teñen cabida no sistema público escolar" por "insultar e mentir". Segundo entende Vázquez, foi o que fixeron todos os colectivos que denunciaron perante o TSXG o 'decretazo' e que despois volveron pedir amparo deste tribunal ao ver como o Goberno galego non acataba as sentenzas.
A Mesa reclama un decreto ''xuridicamente forte e pedagoxicamente eficaz''
Ao fío, tanto a CIG-Ensino como a Mesa pola Normalización exixiron que se acaten os últimos ditames do Superior galego, e que dan a razón a estas dúas organizacións, e sinalaron a derrogación do decreto do PP como única vía para lles dar cumprimento a ditas resolucións.

Aínda nesta segunda feira, a asociación que preside Carlos Callón reclamou para o ensino público galego unha norma que regule a presenza da nosa lingua nas aulas que sexa "xuridicamente forte e pedagoxicamente eficaz".
Manifestouno após a terceira das resolucións do TSXG, emitida a respeito do recurso presentado por Queremos Galego e na cal resolve que a consulta pode continuar a se realizar porque xa non é vinculante após unha orde enviada aos centros educativos desde a consellaría de Educación.

"Só o feito de que os mesmos maxistrados emitan ditames con formulacións diferentes ante as mesmas peticións xa supón unha boa mostra da enorme debilidade xurídica" da devandita norma.
Malia cinco sentenzas en contra, Educación non vai mudar a norma

"Aínda que teñan formulacións diferentes", continuou Callón, todos estes ditames apuntan a un mesmo sentido fundamental: non pode haber unha pregunta vinculante para varrer o galego da educación infantil”, e esta pregunta “non pode ser determinante de iure, mais tampouco de facto, como pretendía a Xunta".
Porén, na mesma entrevista Jesús Vázquez deixa claro que non vai mudar o decreto porque considera que "aos únicos que non contenta é aos que mentiron, á sociedade galega si, como demostraron nas últimas eleccións cunha maioría aplastante". Cómpre lembrar neste punto que o PPdG recibiu unicamente un de cada catro votos do censo, malia que a fórmula D'Hont lle outorgue a maioría absoluta no Parlamento galego.

Ningún comentario:

Publicar un comentario