xoves, 26 de setembro de 2013

O TSXG ten que obrigar máis unha vez á consellaría de Educación a cumprir unha sentenza, sobre dereitos do profesorado

O departamento que dirixe Jesús Vázquez non acatou a obriga ditada polo Tribunal Supremo en xullo de 2012 e seguiu a negar a revisión médica anual para @s 30.000 docentes que traballan no ensino público. Este dereito está recoñecido para o conxunto d@s traballador@s desde 1995.

En menos dunha semana, o Tribunal superior de xustiza de Galiza viuse na obriga de lle comunicar á consellaría de Educación que dispón do prazo "improrrogábel" dun mes para acatar dúas sentenzas: a primeira sobre o decreto que regula a presenza do galego no ensino e a segunda sobre os dereitos do profesorado.

Foi o sindicato CIG-Ensino quen denunciou o departamento que dirixe Jesús Vázquez porque estaba a lles negar o dereito á revisión médica anual ás e aos 33.000 docentes que traballaban no ensino público no momento de presentar a demanda. Hoxe, após os recortes practicados por esta mesma consellaría, reduce até @s 30.000 o número de profesionais que imparten aulas nas escolas públicas.

As revisións médicas están recoñecidas para os e as traballadoras na Lei de prevención de riscos laborais, que data de 1995. A central nacionalista exixiu en diversas ocasións que a consellaría cumprise a lei. En 2008 presentaron unha queixa perante o Valedor do Pobo que a Xunta respondeu. Dixo estar a avaliar os custes e a catalogar os riscos, mais pasaron tres anos e o profesorado galego seguiu sen dereito á revisión médica.

Daquela, CIG-Ensino presentou perante a sala do Social do TSXG unha demanda de conflito colectivo. A sentenza deu a razón ao sindicato, mais a Xunta presentou recurso de casación perante o Tribunal Supremo. O Alto tribunal volveu recoñecer o dereito d@s docentes da pública ás revisións médicas anuais, incluíndo o ano 2012, mais a consellaría de Educación seguiu sen as realizar.

CIG-Ensino reclama o cesamento e inhabilitación de Jesús Vázquez

Non só iso, senón que en marzo deste ano sacou a concurso este servizo unicamente para o persoal dependente do departamento de Vázquez que non traballaba na docencia. Desde CIG-Ensino, que esta cuarta feira realizou unha rolda de imprensa para dar conta do novo auto do Superior galego, o seu secretario xeral, Anxo Louzao, remarcou a actitude "de prepotencia, arrogancia e impunidade" con que o conselleiro actúa a respeito das resolucións xudiciais.

Insistíu Louzao en pedir o seu cesamento, mais desta volta reclamou tamén que sexa inhabilitado para o exercicio de cargos públicos ao ter "a insubmisión como norma de actuación". A Xunta dispón dun prazo de tres días para presentar recurso contra este novo auto que a obriga á execución forzosa dunha resolución xudicial.

Ningún comentario:

Publicar un comentario