mércores, 25 de setembro de 2013

O BNG emprenderá accións xudiciais contra o conselleiro de Educación se non retira as súas "inxurias"

Asi o anunciou o portavoz do BNG no Parlamento, Francisco Jorquera, após solicitar recurso de amparo á presidenta da Cámara, Pilar Rojo. O Bloque denuncia que Jesús Vázquez acusara aos grupos da oposición e colectivos en defensa do idioma de "apoiar a terroristas".

O Pleno ordinario que acolle o Pazo do Hórreo esta terza feira comezou convulso. Após a publicación dunha entrevista ao conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, en El País, o portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, solicitou á presidencia da Cámara un recurso de amparo.
Vázquez asegurou na súa conversa coa edición galega do xornal español que os grupos da oposición e colectivos na defensa do idioma non eran democráticos ao non apoiaren o decreto do plurilingüismo e mesmo os acusou de "apoiar a terroristas".
Para o voceiro do Bloque na Cámara tales aseveracións supoñen unha falta de "respecto" e unha agresión "ao decoro" d@s parlamentares polo que exixiu a "inmediata" rectificación do conselleiro e o apoio da máxima instancia parlamentar aos grupos da oposición. Aliás, anunciou Francisco Jorquera, de non ser así o BNG "emprenderá accións xudiciais" contra Jesús Vázquez polas súas declaracións na imprensa.
O conselleiro, presente no hemiciclo, declinou pronunciarse a respecto das súas afirmacións
O conselleiro de Educación, presente no Pleno da Cámara, non solicitou a palabra para se pronunciar ao respecto e mesmo abandonou o salón ao comezo do debate parlamentar.
"Están fóra do sistema democrático os sindicatos do ensino?", inquiriu a deputada do BNG, Ana Pontón, "os traballadores de normalización lingüística, o comité de expertos do Parlamento europeo... son terroristas?", continuou a nacionalista na súa quenda de intervención para defender a toma en consideración da Proposición lexislativa presentada polo Bloque en materia de normalización lingüística.
"Cal é o seu concepto de democracia? Os principios do movemento?" sinalou Pontón, "quen está fóra da lei é vostede, o seu decreto e a súa política lingüística". "As maiorías", acrecentou a deputada do BNG en relación ás afirmacións vertidas polo conselleiro "non dan patente de corso aos gobernos para pisotearen dereitos" e lembrou ao representante da Xunta en materia de Educación que continuarán pola vía xudicial se non retira as súas acusacións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario