Dúas curtametraxes dirixidas por estudantes, sitúan a realidade
sociolingüística da Galiza no punto de mira do audiovisual. Conversamos
con Andrea Maseda e Daniel Villaverde autora e autor de dúas pezas
audiovisuais que xa fixeron ferver as redes sociais.
Bilingüismo cordial de Daniel Villaverde e
Verbas de
Andrea Maseda son dúas pezas promovidas por estudantes de Comunicación
Audiovisual. Con elas, a autora e o autor quixeron aproximarse á
realidade sociolingüistica do país e situar no punto de mira dos seus
obxectivos o conflito lingüístico que atinxe Galiza.
Desde dúas ópticas ben diferentes --mais cun eixo temático común--
Villaverde e Maseda explican para Sermos Galiza as razóns que @s levaron
a dirixir estas curtametraxes que xa fixeron ferver as redes sociais.
Andrea Maseda é alumna do Grao de Comunicación Audiovisual na Universidade da Coruña. Esta moza, directora de
Verbas,
recoñece que "levaba tempo querendo facer algo que versara sobre a nosa
lingua" e aproveitou un "concurso sobre curtas sociolóxicas" para porse
mans á obra.
"Escollín a lingua galega como tema porque creo que actualmente o
galego está a pasar por un momento no que a lei non lle pon o camiño
fácil para a supervivencia", explica a autora. Neste senso, sentiu "que
era a miña obriga facer o que estivera nas miñas mans para axudar á
defensa, a divulgación e á dignificación" da lingua propia do país. Así,
xurde a idea de Verbas, unha peza de 4:00 minutos na que unha "morea de
xente" pon "cara e voz" a ducias de palabras galegas.
Verbas con orgullo face o autoodio
Miñoca, xermolo, cogumelo, queixo, cóxegas, xoaniña... A través do
diálogo d@s protagonistas, Andrea Maseda quixo "achegar a lingua no seu
día a día", explica, "quero que o espectador se sinta recoñecido como se
fora un máis das persoas que falan nela". Así, válese de verbas do
común e frases feitas para "reflectir que moitos galegos falantes
estamos orgullosos de empregar a nosa lingua a cotío, que nos gusta
dicir cóxegas, bico...", afirma. Para a autora, esta foi unha boa
maneira de "evitar ese autoodio que as veces os propios galegos teñen
sobre a súa lingua" e contribuír "aínda que só for unha miguiña" a
combater "todos eses prexuízos que existen sobre o noso idioma".
Prexuízos dos que fala Daniel Villaverde en
Bilingüismo cordial.
A súa curtametraxe é máis explícita e crúa do que a de Maseda. "Decidín
facela porque me sinto ofendido pola perversión da realidade
lingüística que se está querendo impoñer en Galiza" e así, afirma,
"sinalar aos que agochan o lixo da discriminación lingüística baixo a
alfombra do bilingüismo cordial".
A harmonía lingüística dun conflito
A de Villaverde é unha curtametraxe "cargada de simbolismo" desde o
comezo mais tamén moi clara na mensaxe que quere transmitir o seu autor.
"Dende hai uns anos un sector da sociedade galega (e tamén da española)
empeñouse en frear calquera progreso da lingua galega denunciando unha
surrealista imposición e argumentando que iso supoñía eliminar a paz
lingüística", sinala.
Ese "bilingüismo cordial" que dá título a unha curtametraxe de perto
de 5:00 minutos visa reflectir como "a hipocrisía desa tiranía
lingüística que, non satisfeita con asoballar o galego, pretende pasar
aos castelanfalantes por vítimas dunha imposición ficticia", salienta
Villaverde.
Neste senso, afirma que elixiu "o contexto da entrevista laboral
porque é un ámbito moi correcto, amable e pulcro, e precisamente unha
vez que retiramos a carauta do politicamente correcto observamos unha
realidade desagradable e violenta". Unha realidade, asegura, cargada de
"prexuízos" que embora poder semellar "ridículos ou propios doutra
época" continúan "interiorizados por moita
xente".
E face ao "negacionismo" daquelas persoas que para o autor "din que
existe igualdade de dereitos" entre galego e español --como acontece no
filme-- o autor é claro: "que proben a vivir en galego" a "ir ao cine a
ver un filme dobrado ao galego", ou a "acender a televisión ou a radio e
comparen o número de canles nun ou noutro idioma", que "observen en que
lingua reciben as facturas" ou oullen para "os escaparates das tendas
ou os menús dos restaurantes a ver cantos están en galego...".
"Un idioma só ten sentido se grazas a el nos comunicamos"
Andrea Maseda e Daniel Villaverde partillan formación, país e lingua.
Mais tamén, partillan unha mesma interpretación da realidade que lles
tocou vivir. "Tanto no país como no audiovisual considero que a
situación lingüística é deprimente", sinala Villaverde. "A lei non
protexe a lingua senón ao contrario, todas as melloras lingüísticas
están a padecer un retroceso toda vez que moitos galegos abandoan o
idioma, sobre todo nas cidades", acrecenta Andrea Maseda.
Así, amb@s coidan que é a normalización de usos e a recuperación de
espazos a que permitirá á lingua galega recuperar a súa presenza social.
"Un idioma só ten sentido se grazas a el nos comunicamos", sentencia
Daniel, "non se debe “conservar” como se fose unha peza de museo que se
saca á luz con motivos folclóricos, debe estar na rúa, nas bocas da
xente", sinala.
Mais ese é un traballo colectivo, apunta Andrea, "todas as persoas
deberíamos contribuír a un maior recoñecemento e potenciación da nosa
lingua", non chega, di, "con ter unha actitude conformista" pois "o
galego non ten que limitarse a seguir vivo, senón a ter unha vida
activa".