martes, 21 de xaneiro de 2014

Convocados os Premios Xerais 2014 de novela, literatura infantil e literatura xuvenil

O Premio Xerais de novela chega á súa trixésimo primeira edición, mentres que o Merlín de literatura infantil acada a vixésimo novena. No entanto, a gran novidade desta edición é a refundación do premio de literatura xuvenil, baixo a denominación de "Jules Verne". Para este novo premio a editorial contará, ademais, coa colaboración do Ámbito Cultural-El Corte Inglés.
O prazo de admisión dos orixinais das tres modalidades será ata o 31 de marzo de 2014, mentres que o xurado, cuxa composición se dará a coñecer no mes de maio, emitirá a súa resolución no curso da Festa Xerais, que se celebrará o día 7 de xuño de 2014.
Textos inéditos
Os textos presentados teñen que ser inéditos e totalmente orixinais, sen que puideran ser comunicados, nin na súa totalidade, nin por partes, por ningún tipo de procedemento. O premio en cada unha das modalidades poderá ser declarado deserto no caso de que o xurado así o estime, e a decisión será inapelable.
De cada orixinal presentaranse seis copias en papel, mecanografadas a dobre espazo e debidamente encadernadas, acompañadas dun CD no que se incluirá a obra en formato pdf.
Canda o orixinal, que deberá ser presentado baixo o lema e sen ningún tipo de dato que identifique o seu autor, achegarase en sobre pechado o nome completo, enderezo e teléfono do autor, así como o título da obra. Os orixinais deben ser enviados aos locais sociais de Edicións Xerais de Galicia S.A., rúa Doutor Marañón, 12, 36211 Vigo.
Bases da 31ª edición do Premio Xerais de novela.
Bases da 29ª edición do Premio Merlín de literatura infantil.
Bases da 6ª edición do Premio Jules Verne de literatura xuvenil.
Información tirada de Galicia Confidencial.

Ningún comentario:

Publicar un comentario