xoves, 23 de xaneiro de 2014

Educación reduce á metade a estanza dos erasmus no estranxeiro

O próximo curso haberá o mesmo número de bolseiros, pero as axudas só serán para estudar fóra a metade do ano académico.

 O Ministerio de Educación prevé manter o actual número de 40.000 universitarios españois subvencionados para o novo Programa Erasmus Plus, que entrou en vigor este mes de xaneiro, a base de limitar as estanzas no estranxeiro á metade. Ata o momento, o curso académico nos centros universitarios españois está organizado por cuadrimestres aínda que iso non quere dicir que os períodos lectivos consten só de catro meses. De feito, o primeiro deles adoita ir dende o inicio de curso, en setembro ou outubro, ata que remata o primeiro período de exames, que ten lugar entre xaneiro e febreiro. Os erasmus españois adoitaban marchar ao estranxeiro un cuadrimestre ou dous, é dicir, o curso completo na práctica. Agora, o Goberno di que a vontade é a de adaptar a estrutura do sistema español ao espazo europeo, que se organiza por semestres e que as movilidades terán unha duración semestral. Na práctica isto fará, polo tanto, que o período de bolsa se reduza á metade.

A secretaria de Estado de Educación, FP e Universidades, Montserrat Gomendio, explicou este martes en rolda de prensa que a mobilidade deses 40.000 estudantes o curso próximo se financiará coa dotación do novo Erasmus Plus para España en 2014 (53,4 millóns de euros) e os outros 10.000 cos 18 millóns de euros presupostados polo Estado para este ano (2,2 millóns máis que o ano pasado). Para este curso 2013-2014, o departamento que dirixe José Ignacio Wert sumou 15 millóns aos 51 da Unión Europea, pero esta partida aumentou ata os 34, tras a aprobación de 19 millóns adicionais nos Presupostos Xerais do Estado propiciada polo balbordo que se formou despois de que Educación recortase as bolsas co curso empezado e se fixese pública a súa vontade de deixar sen a achega que ofrece este departamento aos estudantes que non tivesen tido o curso pasado bolsa xeral.

"Temos unha diminución presupostaria, pero non diminúen as movilidades. Vaise promover que as estanzas sexan semestrais", indicou a número dous de Educación, que aclarou que ata agora, a duración media dos estudantes superaba os seis meses e mesmo algúns continuaban o curso enteiro.

No curso que vén, os estudantes que queiran prolongar a estanza, serán as universidades as que se encarguen de financialo. Para iso, as institucións universitarias van contar con 12 millóns de euros -uns sete millóns máis que en edicións anteriores-, ben para os gastos de xestión do programa, ben para alongar as estanzas. As universidades que xestionen entre 1 e 100 movilidades obterán 350 euros por alumno, e as que superen as 100 movilidades conseguirán 200 euros por estudante.

En canto á cantidade ao mes que van percibir os estudantes beneficiarios do programa, a secretaria de Estado explicou que a Comisión Europea estableceu unha forquita de entre 200 e 400 euros ao mes e que España estableceu unha cantidade media para todos os universitarios de 250 euros. Os alumnos de rendas baixas contarán con 100 euros adicionais, ao igual que os que realicen prácticas. Os estudantes precedentes de rexións periféricas, como Canarias, recibirán entre 650 e 750 euros mensuais.

"Con isto preténdese evitar que as contías sexan demasiado pequenas para que así os estudantes non teñan que depender das familias", indicou Gomendio, ao tempo que asegurou que "prima a calidade á cantidade" no que ás bolsas se refire.

Ningún comentario:

Publicar un comentario