venres, 31 de xaneiro de 2014

20 manifestacións o 20-F contra o ''desmantelamento programado'' do ensino público

As sete cidades galegas e boa parte das principais vilas acollerán o 20 de Febreiro senllas mobilizacións en contra da LOMCE, coincidindo con máis unha xornada de greve en todos os níveis do ensino, a primeira de 2014.

As sete cidades galegas e as vilas de Burela, Pontedeume, Carballo, Cee, Lalín, O Barco, Vilalba, Xinzo, Sarria, Ribeira, Vilagarcía, Ribadeo e Ponteareas son os 20 lugares confirmados xa para acoller senllas manifestacións estudantís o 20 de Febreiro, nunha nova xornada de folga en todos os níveis do ensino público galego --de 3º da ESO para arriba--, a primeira deste ano. Todos os protestos serán ás 12h agás o de Ferrol, que sairá ás 12.30h e o de Pontedeume, fixado para as 10h porque o alumnado repetirá mobilización unhas horas despois na cidade departamental.
Así o sinalaron esta quinta feira en rolda de imprensa as tres organizacións da esquerda nacionalista e independentista, Comités, Liga e Agir. Aproveitaron a intervención para mostrar o seu apoio á greve, convocada pola Plataforma galega en defensa do ensino público.

En pé! polo ensino público galego

Sob o lema En pé!, representantes dos tres colectivos deron leitura ao manifesto conxunto que presentaron por vez primeira o 12 de decembro de 2013 e que xa tivo que ser modificado "porque en menos dun mes xa sufrimos novos ataques das políticas de Madrid", tal e como apuntou Antía Balseiro, de Agir.
A eliminación das bolsas Erasmus para que o estudantado se forme no estranxeiro, a "mercantilización da mocidade" a través de materias como Iniciativas Emprendedoras, contempladas no currículo da LOMCE ou a suba das taxas universitarias foron algunhas das agresións colocadas na rolda de imprensa, onde tamén se lembrou a resposta que o Estado español deu ás últimas mobilizacións estudantís: "unha fórmula á cal nos teñen afeitas, con feroz represión", en referencia ás cargas policiais rexistradas en Vigo os días 20 e 21 de novembro.
Tal e como explicou Carlos García, dos Comités, o que nin o ministerio nin a consellaría de Educación contan é que "Galiza foi onde menos subiron as taxas, si, mais se estás xa dentro do sistema educativo e tes que te matricular de novo nunha materia o incremento é brutal" ou que "a bolsa do Erasmus só se vai pagar no primeiro cuadrimestre, polo que quen pida formarse no estranxeiro un ano enteiro terá que voltar á Terra ao non poder afrontar os gastos".

"A famosa lei pretende aprofundar e impor pola vía da legalidade o desmantelamento programado do ensino público" ao tempo que perpetuar "esa cárcere dos pobos que é España", subliñou Cristian Puente, da Liga Estudantil. As tres organizacións agardan que as "macizas" mobilizacións con que o estudantado da Galiza respondeu sempre ás agresións ao ensino público se repitan o vindeiro 20-F.

Ningún comentario:

Publicar un comentario