martes, 21 de xaneiro de 2014

Wert recorta un 36% as axudas para libros de texto en Galicia

Son tempos de escaseza para os libros de texto con garantía pública. A Consellería de Educación vén quedando reiteradamente sen cartos para financiar a denominada Gratuidade Solidaria, o programa co que substituíu o sistema de préstamo universal implantado polo bipartito. No ano que vén de rematar a Xunta tivo que ampliar en dúas ocasións os fondos que previamente recortara para poder facer fronte a estes subsidios. A última ampliación, publicada no derradeiro día de 2013, elevou a factura por riba dos 20 millóns de euros. Malia estas necesidades crecentes o Ministerio de Educación decidiu seguir polo vieiro contrario ao da realidade e recortar a súa achega a este programa en case un 40%.
O Boletín Oficial do Estado publica este martes os "criterios" aprobados pola Conferencia Sectorial de Educación, que xunta ás autonomías co departamento que dirixe José Ignacio Wert, para distribuír os créditos "para o financiamento dos libros de texto e material didáctico nos niveis obrigatorios do ensino". Neste reparto o Goberno central ten en conta "dúas variables", a "taxa de risco de pobreza de cada comunidade autónoma no ano 2011" e o "número de alumnos matriculados nas ensinanzas obrigatorias". Tras ter en conta estes criterios a Galicia correspóndenlle 770.890 euros, isto é, un 36% menos que na anterior convocatoria, cando a achega foi lixeiramente superior a 1,2 millóns.
A Xunta tivo que ampliar os créditos das axudas dúas veces durante 2013
Malia ao evidente recorte, que no conxunto do Estado acada o 37,5%, Educación asegura que con este programa "trata de favorecer os principios de equidade e igualdade para compensar as situacións socioeconómicas máis desfavorables, ao obxecto de contribuír a que o sistema educativo garanta a equidade na educación e a igualdade de dereitos e oportunidades". Esta sonora declaración de intencións mantense aínda que, segundo datos dos Orzamentos Xerais do Estado, a "contía media" destes cartos que chega a cada estudante pasou de 105 euros hai dous anos a tan só 34,21, unha rebaixa de case o 70%.
A Consellería de Educación prevé deixar fóra a 30.000 estudantes máis en 2014
O recorte orzamentario trae consigo tamén unha mingua no número de persoas beneficiarias nas axudas. Así, o propio Ministerio admite que, no conxunto do Estado, as subvencións chegaban hai un ano a 900.000 estudantes e que agora serán só 600.000. No caso galego, os Orzamentos Xerais recoñecen que a Xunta prevé que estas achegas económicas -a parte estatal máis a autonómica- cheguen a 126.000 alumnos e alumnas, o que implica que en 2014 fiquen fóra case 30.000 estudantes que ata agora si tiñan dereito a axuda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario