martes, 21 de xaneiro de 2014

A CIG-Ensino denuncia que Educación persiste en manter os recortes para a promoción do galego

A Consellaría mantén un ano máis unha redución de medio millón de euros para proxectos de fomento do uso do galego.

A Consellaría publicou hoxe a Orde do 2 de xaneiro de 2014 pola que se anuncia a convocatoria para a presentación de proxectos de fomento do uso do galego nos centros de titularidade pública para o curso escolar 2013/14. Nesta convocatoria podemos comprobar que a Consellaría recunca no recorte das axudas para a promoción da lingua galega, mantendo para a lingua recortes económicos que non aplica noutras partidas orzamentarias.
Por outro lado, en contra das demandas do profesorado, da CIG-Ensino e do propio sentido común e as directrices dunha boa xestión a Consellaría de Educación volve publicar a convocatoria desta orde cando xa está iniciado o segundo trimestre, impedindo a realización de actividades de normalización no primeiro trimestre do curso.
Por outro lado, mesmo en contra do título da convocatoria, malamente se poderán pór en práctica neste curso 2012-2013, pois con moita sorte non se coñecerá o resultado dos proxectos premiados nin a contía coa que contarán os equipos antes do inicio do terceiro trimestre.
A data en que se realiza a convocatoria, así como a data de resolución, que o ano pasado se produciu en xuño, 20 días antes de que os centros tivesen que presentar as xustificacións das actividades realizadas, inviabiliza o traballo dos equipos, e pode provocar déficits económicos importantes nos centros, pois se ven na obriga de realizar as actividades de normalización confiando nunhas axudas que non teñen confirmadas e que poden fallarlles no último momento, ás veces por causa da propia Administración que non se preocupa de comprobar se os centros recibiron en tempo e forma os requirimentos realizados.
    Na orde publicada hoxe a Consellaría mantén unha redución de medio millón de euros nesta partida, pois fronte aos 800.000 € que se lle asignaron aos centros nos cursos 2009-2010 e 2010-2011, a Consellaría volve reducir a partida orzamentaria para este curso a 300.000 €, unha redución do 62,5% (unha redución que para os centros privados foi inferior, do 55,4%). Isto fai tamén que se reduza nunha media dun 55% respecto do curso 2010-2011 a contía que pode percibir cada centro.
A CIG-Ensino reclama:

  • Que estas axudas se convoquen no mesmo mes en que se inicia o curso escolar.
  • Que o período de xustificación das axudas e, por tanto, de realización de actividades abranga a totalidade do curso escolar, desde o primeiro día de setembro.
  • Que se incrementen as axudas para a promoción da lingua galega como mínimo até acadar as contías do curso 2010-2011 (800.000€)
  • Que a resolución das axudas se realice no primeiro trimestre do curso.
  • Que as notificacións relativas á convocatoria, puntuacións e resolucións se notifiquen de maneira efectiva aos equipos directivos dos centros e aos Equipos de normalización, tendo constancia de que foron recibidas e evitando así o sucedido no pasado curso en que varios centros quedaron excluídos das axudas porque o procedemento de notificación non foi suficientemente garantista.
  • Que participe un maior número de profesorado nas comisións de cualificación e que sexa nomeado por sorteo entre o profesorado que participa nos equipos, pois nesta convocatoria unha vez máis a Secretaría Xeral se reserva o dereito de nomear a totalidade das persoas que van participar no proceso de cualificación.
A CIG-Ensino esixe do Conselleiro de Educación que atenda as demandas anteriores e que abandone as ladaíñas coas que adoito responde cando lle sinalamos a súa obsesión contra a nosa lingua, obsesión que se traduce e obxectiviza nestes recortes continuados contra os Equipos de Normalización, unha vez máis contra o profesorado máis sensíbel e implicado coa necesidade de promover o noso idioma entre as máis novas e os máis novos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario