xoves, 23 de xaneiro de 2014

Agolada incluirá no PAM da Deputación a próxima Mostra de Artesanía

Os alumnos do CEIP volven participar nos Premios Muralla de Lugo.

O Concello de Agolada incluirá no Plan de Acción Municipal (PAM) da Deputación as actividades da Mostra de Artesanía, que este ano cumpre a súa 18ª edición. Será, como de costume, do 10 ao 12 de agosto, e incluirá actividades paralelas como a Festa Medieval, o Certame de Bandas de Música ou o Curso Internacional de Percusión. Agolada está inmersa noutras iniciativas máis próximas no tempo como a participación dos alumnos do colexio, por segundo ano consecutivo, nos premios de redacción e debuxo Muralla de Lugo. Todas as creacións han de remitirse antes do próximo 31 de marzo, polo que dende a Oficina de Información Xuvenil (OMIX) se remitirá xa en febreiro o material necesario ao centro educativo para que os nenos poidan concursar. Esta oficina tamén recorda ás asociacións que ata o 7 de febreiro se poden pedir as axudas que concede a Deputación.
Curso de bixutería
Ademais o próximo xoves, día 30, clausúrase o curso de bixutería, ao que acudiu unha decena de asistentes. De 18.00 a 20.00 horas expoñeranse na Casa de Cultura todas as pezas. Ao longo da tarde tamén se entregarán os diplomas de asistencia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario