luns, 30 de maio de 2016

A CIG-Ensino denuncia que a filtración de parte da proba xeral de 3º evidencia a chambonada na que a Xunta converteu a súa aposta pola LOMCE e as reválidas

Para a CIG-Ensino estes feitos desautorizan a actuación do Goberno galego e do conselleiro.

A CIG-Ensino chama a atención sobre o feito de que onte mércores 25 maio se publicaron nun medio de comunicación impreso contidos da proba que ese mesmo día formaba parte da reválida de 3º de Primaria. Para a CIG-Ensino está é a mostra máis palpable da chafallada na que a Consellaría de Educación converteu a aplicación da LOMCE e nomeadamente as reválidas que foron rexeitadas de xeito contundente polas familias. “Todo un despropósito ao servizo da ideoloxía do PP que o único que está supondo é un prexuízo para o ensino público e a súa calidade”, di Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino.
Para a CIG-Ensino todo indica que foi a propia Consellaría de Educación a responsable desta filtración e esixe unha explicación pública do sucedido que ten que levar consigo a desaparición da LOMCE e das reválidas. “Tendo en conta que parte das probas se filtraron publicamente antes de que remataran e que máis do 80% do alumnado non as fixo a Consellaría debería tomar a decisión de que se tiren a papeleira, que non se corrixan e que se deixe de cargar aos centros, en contra da súa vontade, de traballo inútil”, engade Louzao. 
En calquera caso, para a CIG-Ensino estes feitos desautorizan a actuación do Goberno galego e poñen en evidencia a falta de competencia do novo conselleiro de Educación, motivo suficiente para que presente a súa dimisión.
“O Goberno de Feixoo teima en someter o alumnado e o sistema educativo a unha presión innecesaria, pero eles mesmos  son incapaces de actuar cun mínimo rigor. Á vista está que  malgastan recursos públicos nunhas probas que a propia Consellaría converteu nun cachondeo e nunha autentica chambonada. E unha tomadura de pelo e desconsideración ao profesorado e aos centros”, explica Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino.

12 citas para os 12 puntos da Irmandade compostelá

Compostela será este sábado o centro das celebración ao redor do centenario da creación das Irmandades da Fala. O 28 de maio de 1916 conformouse a Irmandade compostelá, dez días despois de facelo a coruñesa. Fíxoo cun discurso pronunciado por Luis Porteiro Garea no Círculo Católico de Obreiros, estruturado en doce puntos. E serán tamén doce as actividades que este sábado encherán o centro da cidade ao longo de todo o día: teatro, música, intervencións artísticas, monicreques, exposicións... e un acto central no Panteón de Galegos Ilustres para pechar a xornada.
As asociacións Gentalha do Pichel, San Martiño Pinario e Cidade Vella colaboran nas propostas, entre as que se atopan mesas redondas e charlas coloquio sobre asuntos presentes no discurso de Porteiro Garea, como a responsabilidade do pobo galego no seu destino, a presenza da nosa lingua no ámbito da xustiza ou a realidade económica de Galicia.
O acto central desenvolverase no Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval. Será un recital poético no que van participar Salvador García-Bodaño, Helena Villar Janeiro, Claudio Rodríguez Fer e Lucía Novas
O acto central desenvolverase no Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval. Será un recital poético no que van participar Salvador García-Bodaño, Helena Villar Janeiro, Claudio Rodríguez Fer e Lucía Novas. O acto pecharase cun concerto co tenor Joaquín Pixán e o pianista Manuel Pacheco, que interpretarán os temas do seu disco Ramón Cabanillas na música, porque lembrando a Cabanillas é como finalizaba o discurso de Porteiro Garea na fundación da Irmandade da Fala de Santiago. As propostas do Concello para lembrar as Irmandades da Fala complétanse cunha exposición en catro quioscos da cidade que se atopan pechados. Trátase, en concreto, dos situados na Alameda, a praza de Vigo, Xoán XXIII e a rúa Bernando Barreiro, no barrio de Sar. Elexiuse esta ubicación para tratar de achegar a mostra ao maior número de persoas posibles.

Un discurso para unha Irmandade

A Irmandade de Santiago de Compostela foi a segunda en se constituír. Para iso, a través da prensa compostelá realizouse unha convocatoria o 26 de maio asinada por Luís Porteiro, o catedrático de veterinaria Jesús Culebras Rodríguez, o arquitecto Filipe Cimadevila Rey e o estudante de maxisterio Victoriano Taibo. A xuntanza celebrouse o domingo, 28 de maio de 1916, no Círculo Católico de Obreiros na rúa do Vilar, 21 presidida por Luís Porteiro Garea. Asistiron tamén Filipe Cimadevila, Victoriano Taibo, Salvador Cabeza de León, os catedráticos de medicina Miguel Gil Casares, Juan Barcia Caballero e Antonio Novo, o profesor de Maxisterio Casto Blanco Cabeza, o director do Diario de Galicia, Miguel Ferrer, o crego e profesor do Seminario López Carballeira, o xornalista Ramón Salgado, o catedrático de dereito Jacobo Varela de Limia, os cregos e profesores Manuel Vidal e mais Valentín Villanueva e o militar Vaamonde Miranda.
O avogado e concelleiro “agrario” Luís Porteiro Garea, primeiro presidente da Irmandade, foi o encargado de pronunciar o discurso inaugural, no cal facía unha lectura da situación lingüística, política, económica, social e cultural de Galicia
O avogado e concelleiro “agrario” Luís Porteiro Garea, primeiro presidente da Irmandade, foi o encargado de pronunciar o discurso inaugural, no cal facía unha lectura da situación lingüística, política, económica, social e cultural de Galicia. Os doce puntos do discurso foron os seguintes: 1- Falar i escribir en galego, coma seipamos. 2- O renacimento hispano, e a guerra. 3- A concencia do noso pecado. 4- Amar á Hespaña e á Galicia. 5-A nosa posición no mundo. 6- Cuestiós interiores. sintesis. 7- O capital galego. 8- A industria e o traballo. 9- O direito, xueces e notarios. 10- O arte, a música galega. 11- A crisis da nosa poesía. 12- Ramón Cabanillas
 

Nace Espazo-Equo buscando ser "o referente galego do ecoloxismo político"

A cooperativa política Espazo-Equo celebrou este sábado en Compostela a súa asemblea constituínte, baixo o lema “reverdecendo a esquerda, enraizando coa xente”, unha confluencia que busca "avanzar na construción dun referente galego do ecoloxismo político, ecofeminista e ecopacifista". O formato legal escollido para esta unión é o de federación de partidos, integrando Espazo-Equo "a 300 membros e 600 simpatizantes", destacando os seus impulsores que o proxecto está aberto "á adhesión de persoas que non formen parte nin de Espazo nin de Equo".
A entidade declárase "a favor dos procesos de converxencia política e social que superen as divisións preexistentes sustentados en posicionamentos ideolóxicos pechados, dando resposta ás demandas e intereses da maioría social". E fai unha aposta clara a favor de que sexan as mareas municipalistas, agrupadas en Mareas en Común, "o elemento vertebrador do proceso da Marea de carácter nitidamente cidadá que poida sumar ás forzas partidarias que deberán diluír a súa praxe para que non dubida sobre o seu escrupuloso respecto ás decisión do colectivo común”. Reclama unha unidade popular "sustentada no principio de democracia radical de 'unha persoa, un voto' en pé de igualdade, sen controles de cúpulas ou intereses de parte e ao que se pode incorporar colectivos políticos e sociais”.
Tamén se debateron e aprobaron resolucións referidas ás eleccións xerais do 26X, ao saneamento das rías, a Reganosa. á megaminería. á Lei de Solo e Montes, ao TTIP e ao CETA, ás persoas refuxiadas, ao feminicidio e ás infraestruturas innecesarias, entre elas a A-76 e a A-57. A resolución sobre as eleccións xerais pide un apoio "crítico" á candidatura de En Marea e foi aprobada por 40 votos a favor, 1 en contra e 8 abstencións. O texto destaca que "lamentablemente as forzas partidarias colonizaron o espazo de En Marea e apropiáronse do capital simbólico das Mareas e, en lugar de asentarse como un espazo transfronteirizo e plural, o ámbito de decisións quedou reducido aos tres partidos coligados e as mareas municipalistas relegadas a mera base militante".
Manel Cardoso (Espazo): “o noso obxectivo fundamental é incorporar a esquerda verde á axenda política galega”
Manel Cardoso (Espazo) destaca que “o noso obxectivo fundamental é incorporar a esquerda verde  á axenda política galega”. “Non renunciamos a un reagrupamento da esquerda plural e transversal deste país, pero queremos -como di o lema da asemblea- reverdecer a esquerda e enraizar coa xente, é dicir, coa radicalidade democrática e co concepto de unha persoa, un voto”, di. De igual xeito, Silvia Pinal (Equo) di que con esta confluencia buscan “facer máis forza” para que “a ecoloxía política adquira un papel protagonista”, subliñando que "ata agora en Galicia estivo nun segundo plano".
Silvia Pinal (Equo): "Cooperativa política é unha federación entre partidos que, en realidade, funcionan pouco como partidos. Nós máis que como partido, funcionamos como proxecto compartido"
Cardoso sinala que “o obxectivo futuro, a curto prazo, sería unha fusión entre Espazo e Equo”, unha idea na que coincide Pinal. A dirixente de Equo Galicia, define a fórmula de "cooperativa política" coa que se realizou a confluencia entre as dúas forzas como "unha federación entre partidos que, en realidade, funcionan pouco como partidos. Nós máis que como partido, funcionamos como proxecto compartido. O termo federación serve unicamente para partidos que actúan como compartimentos estancos".
Silvia Pinal (Equo) e Manel Cardoso (Espazo) serán co-voceiros de Espazo-Equo. Escolléronse, así mesmo, os órganos de coordinación, ocupando Lidia García, Xoán Hermida e Javier Rocamora a Mesa de Coordinación e Comunicación e outras 16 persoas a Mesa Nacional da formación. O alcalde compostelán, Martiño Noriega, foi o encargado de abrir a asemblea, na que tamén participaron como convidados representantes de Mareas en Común, ICV e EQUO Federal, así como diversos colectivos sociais.
 

venres, 27 de maio de 2016

Dous estudantes do Aller con talento xornalístico galardoadas por La Voz

Emma Cepeda foi elixida mellor xornalista xuvenil de opinión e unha foto de Adela Otero gañou un segundo premio.

No instituto Ramón María Aller Ulloa de Lalín continúan cultivando premios. Neste caso as galardoadas son dous estudantes de primeiro de Bacharelato que van á mesma clase pero que teñen afeccións diferentes. Emma Cepeda Mouriño, é de Lalín, e acaba de obter o premio que a converte na Mellor Xornalista Xuvenil deste ano na modalidade de opinión. Un galardón concedido na décima edición do certame Mellor Xornalista Infantil e Xuvenil convocado polo Programa Prensa-Escola de La Voz de Galicia do que se fixo merecedora por un artigo titulado: Desde que comemos a mazá prohibida.

A súa compañeira de clase Adela Otero Vázquez, de Botos, gañou o segundo premio no concurso de fotografía Galicia, Auga en literatura tamén convocado por La Voz de Galicia a través de Prensa-Escola. No certame tratábase de elixir un texto, relacionalo cunha imaxe e enviar unha reflexión. Adela elixiu un poema de Rosalía de Castro que ilustrou cunha imaxe da auga goteando pola pedra e que sacou «no último momento na fonte do campo da feira».
 
Unha sorpresa
Ningunha das dúas esperaba «para nada» obter un premio, e no caso de Emma menos gañar. Explican que era a primeira vez que concorrían e que o fixeron despois de que llo comentase a súa profesora. Adela Otero sinala que «eu deixeino ata o final e logo presenteino no límite». Visto o visto, Adela apunta que «presentareime máis veces a máis concursos pero xa facendo as cousas con máis tempo».
Ten claro que o seu é a fotografía e afirma sen dubidalo que «espero que sexa o meu futuro». A carreira que queira facer tamén a ten clara. Quere estudar Comunicación Audiovisual «hai en Santiago e na Coruña», apunta e o que lle gusta é a fotografía de prensa e «grabar e facer publicidade».
Na súa casa, di, é á única que lle tira a fotografía e aínda que «nas cousas formais como vodas e comunións non fago as fotos, pero no resto das festas e celebracións encárgome eu sempre».
Estuda en BAC na modalidade de arte e Emma Cepeda na de Humanidades. A diferenza de Adela, Emma non ten claro o seu futuro aínda que apunta que o que máis lle gusta é «o xornalismo, a literatura e a historia».
O de escribir sobre malos tratos foi a súa segunda opción, a primeira que pensou foi falar sobre os papeis de Panamá. E é que confesa que lle gusta a política e que primeiro pensou en estudar ciencias políticas, que é unha carreira que barallou pero «que descartou porque «non me gustan as Matemáticas»
As dúas recollerán os seus premios o próximo día 4. Emma Cepeda gozará do seu cos seus pais e o seu irmán cos que viaxará a Londres unha fin de semana e Adela Otero recollerá unha cámara dixital Nikon que seguro que non tarda nada en probar. Onte para a foto pousou coa cámara da clase.
Estes días traballan na realización dun vídeo promocional cun decorado que reproduce a biblioteca do centro animada con bonecos de plastilina. Uns habitantes entre os que estará tamén Ramón María Aller porque o traballo audiovisual servirá tamén para celebrar o 150 aniversario da súa morte.

Portugal recorta o financiamento de colexios concertados

Os pais afectados saen á rúa para protestar pola decisión do Goberno socialista.

O PC, socio do Goberno socialista de António Costa, ten controlado aos sindicatos; pero a paz rueira rompeuse por unha banda insospeitado. Desde hai unhas semanas, pais de familia perseguen ao primeiro ministro alí onde vai, envían cartas de protesta, e representantes da Igrexa católica reúnense co presidente do país para que medie ante o Goberno. A cuestión é que o Ministerio de Educación pare a súa idea de recortar o financiamento á escola concertada.
A decisión non é tan tallante e absoluta, pero bastou para que a Igrexa católica, con maioría dos colexios afectados, proteste polos medios que pode. O Goberno non quere acabar coa concertada, pero busca atallar a redundancia de escolas en áreas próximas. Tamén poñer fin ao contrasenso de que haxa escolas públicas medio baleiras por falta de estudantes e moi preto nesa mesma zona, o Estado teña que subvencionar a colexios concertados; cada un recibe ao ano 80.500 euros por curso, segundo datos oficiais. O Goberno orzou para este ano un gasto neste capítulo de 139 millóns de euros e espera aforrarse no seguinte uns 40 millóns de euros.
O ministerio dirixido por Brandão Rodríguez, o máis novo do executivo, utilizou ata Google Maps para medir as distancias entre centros de ensino redundantes. Despois, técnicos do ministerio fixeron o percorrido entre os colexios co fin de medir o impacto do transporte dos alumnos. Non todos os cursos están afectados, só 5º, 7º e 10º.
En Portugal existen medio milleiro de colexios privados ou de cooperativas, pero a medida só afecta a 39 dos 79 colexios concertados dos cursos afectados, que non recibirán a subvención porque hai outro colexio na zona que neses cursos non cobre a cota de alumnos. Calcúlase que, debido á medida, uns 10.000 alumnos deberán mudarse a un colexio público, pois os concertados xa anunciaron que irán ao peche no caso de que acabe a axuda do Estado.
A norma entra en vigor estes días, coa elección de colexios do próximo curso. Por iso, o ministerio establece nas normas de elección unha nova cláusula pola que impide que os centros concertados só poidan admitir a alumnos “que residan na área xeográfica da oferta que abarca o contrato”. Educación garantiu que ten prazas públicas suficientes para todos os alumnos que as precisen.
A decisión gobernamental ha aberto a crítica máis eficaz dos partidos da oposición, o PSD e CDS-PP. As mocidades do PSD difundiron carteis onde se compara ao ministro con Stalin, os pais botáronse á rúa con camisetas alusivas e a Igrexa católica —a máis prexudicada porque  xestiona gran parte da concertada — move os seus fíos en instancias máis altas, concretamente ante o presidente da República, Marcelo Rebelo de Sousa, que promete acougar as augas.
Co Goberno de centro dereita, o orzamento por curso baixou dos 114.000 euros de 2010 aos actuais 80.500
Entremedias, tamén se cruzaron números que, segundo a fonte, en nada coinciden: os millóns que se gasta o Estado no ensino concertado, ou o que se aforra o Estado grazas aos colexios semiprivados. Segundo a Asociación de Escolas Privadas e Cooperativas (AEEPC), a escola concertada sáelle máis barata ao Estado que a Pública.
A asociación advirte que a medida adoptada polo Ministerio —que non estaba prevista nin no programa electoral do PS nin no do Goberno— provocará o peche de 39 colexios neste primeiro ano e o despedimento de 4.000 persoas, entre docentes e empregados, cun gasto público en indemnizacións e subsidios de 54 millóns de euros.
O recorte á escola concertada non chega co Goberno socialista. Durante a pasada lexislatura, con goberno de centro dereita (PSD-CDS), o orzamento por curso baixou dos 114.000 euros de 2010 aos actuais 80.500, e dos 2.100 cursos subvencionados aos 1.700.

Neuroeducación: adeus á memorización ou á "letra con sangue entra"

Trátase dunha nova disciplina que aproveita os coñecementos sobre o funcionamento cerebral para deseñar estratexias que permitan ensinar e aprender mellor.

A aprendizaxe por memorización ou a expresión "a letra con sangue entra" poderían ser desterrados das aulas coa introdución da neuroeducación, unha nova disciplina que aproveita os coñecementos sobre o funcionamento cerebral para deseñar estratexias que permitan ensinar e aprender mellor.

Se a esta nova ferramenta se engade unha educación en virtudes cordiais que favorezan o diálogo, o recoñecemento recíproco ou a creatividade para buscar solucións a distintas situacións, tamén podería acabarse con graves problemas como o acoso escolar ou bullying.

A fusión destes dous conceptos -neuroeducación e virtudes cordiais- é a base sobre a que a doutora en Filosofía María José Codina sustentou a súa tese doutoral, que en xuño do pasado ano obtivo a cualificación de sobresaliente cum laude, e posteriormente reflectiu no libro Neuroeducación en virtudes cordiais: como reconciliar o que dicimos co que facemos.

A tese, a primeira de España que aborda o tema da neuroeducación, foi codirixida pola catedrática de Ética e Filosofía Política da Universitat de València Adela Cortina e o profesor titular de Filosofía Moral da UV, Juan Carlos Siurana.

Nunha entrevista con Efe, Codina destacou que a neuroeducación é "unha ferramenta moi útil que non implica a necesidade de grandes cambios estruturais nin un custo económico importante, só cambiar a metodoloxía que o docente leva a clase".

Con todo, "si cambia moito o xeito de aprender dentro da aula e de como os alumnos conciben a educación. É fundamental que vaian a clase con ganas de aprender", asegura Codina, que imparte clases de Filosofía a alumnos de Secundaria.

Codina explica que as clases se poden estruturar aproveitando os coñecementos que existen sobre o cerebro. A concentración dos alumnos é maior durante os primeiros quince ou vinte minutos de clase, tempo durante o cal deben explicarse os conceptos centrais.

A partir dese momento a concentración dispérsase e o docente debe instar os alumnos a reflexionar sobre os conceptos que previamente se explicaron ou realizar unha actividade que os consolide.

"É moi sinxelo de facer e ten unha base neuroeducativa, saber como funciona a atención dos alumnos", asegura Codina, quen agrega que esta nova metodoloxía permite tamén unha maior empatía entre profesor e alumno, o que podería reducir os casos de insultos ou agresións aos docentes.

ACOSO ESCOLAR. O cerebro tamén conta cun sistema de activación reticular, un mecanismo de supervivencia que ao detectar unha ameaza centra toda a actividade cerebral nela e impide que lle cheguen outros estímulos.

Isto é o que ocorre nos casos de acoso escolar. Os alumnos que o sofren son incapaces de concentrarse noutra cousa e por iso en moitos deles hai fracaso escolar.

"É responsabilidade dos docentes modificar ese ambiente na clase para que baixe o nivel de alerta e ese alumno poida estar tranquilo para recibir a información que lle está chegando do exterior", asegura Codina a Efe.

Avoga por aplicar a neuroeducación desde a idade infantil, porque se desde os 3 anos afaise aos nenos a razoar ou a cuestionarse conceptos como a amizade, chegarán cuns hábitos adquiridos a Secundaria, un momento crucial na súa vida porque empezan a conformar a súa identidade.

Segundo afirma, aínda que memorizar é importante para a aprendizaxe, "non son palabras sinónimas. Pódese sacar un dez nun exame, pero se ás dúas semanas non te acordas practicamente de nada do que estudaches iso non é aprender, só é memorizar. As cousas que se recordan son porque foron significativas, tocáronche a fibra ou porque as utilizas".

Sinala que hai profesionais da educación que avogan por un cambio porque se ve que "a cousa non está a funcionar", pero tamén os hai que "non teñen xustificado o soldo que cobran. Non é o mesmo un oficio que unha profesión, que é aquela que implica vocación". A docencia, proclama, debe ser unicamente vocacional.

"Se continuamos actuando igual que hai vinte anos non teremos resultados distintos, é absurdo pensar iso. Haberá que tomar actuacións distintas", advirte Codina, para quen os cambios lexislativos en Educación cando se forma un novo goberno "son lavados de imaxe ou serven para agradar aos seus votantes".

A Mesa exporá o informe da Liña do Galego sobre vulneración de dereitos lingüísticos no Parlamento Europeo

A vindeira Cuarta feira (mércores), 1 de xuño, o coordinador da área internacional da Mesa, Paulo Filgueiras, participará nas xornadas sobre discriminacións lingüísticas na UE organizadas pola Rede Europea para a Igualdade das Linguas
O informe revela casos denunciados pola Mesa no 2015 e incluirá o presentado na Revisión Periódica Universal do Consello de Dereitos Humanos da ONU, e denunciará o decreto 79/2010 contra o galego no ensino

A Mesa pola Normalización Lingüística participará a vindeira Cuarta feira (mércores), 1 de xuño, na conferencia Respecto polos dereitos lingüísiticos? As discriminacións lingüísticas na Unión Europea organizada polos grupos parlamentares da Alianza Libre Europea, Os verdes e a Esquerda unida europea en colaboración coa Rede Europea para a Igualdade das Linguas (ELEN) da que a Mesa forma parte.
Continúa así a acción de denuncia internacional que levou a entidade en defensa da lingua de Galiza a denunciar a situación do galego diante de diferentes organismos internacionais como o Consello de Dereitos Humanos da ONU e o Consello de Europa.
Estas denuncias inclúen casos de discriminacións diante de empresas ou organismos públicos, mais tamén a política lingüística da actual Xunta de Galiza, nomeadamente as modificación na Lei de acceso á función pública, e o decreto contra o galego de 2010, rexeitado recentemente polo consello de europa. A Mesa exporá tamén a situación creada pola sentenza do TSXG contra a ordenanza a favor do galego do concello de Lugo.
Na conferencia discutirase o tratamento que a UE e os seus Estados membros dan ao problema da discriminación e exclusión das linguas propias e avaliarase a situación en varios Estados, que pode fornecer a evidencia de discriminación lingüística con numerosos estudos de caso.
Como resultado elaboraranse recomendacións sobre as medidas que a UE debe tomar ao respecto, incluíndo o sinalado polo Consello de Europa, por medio da Comisión Europea contra o racismo e a intolerancia, de que a discriminación lingüística constitúe unha forma de racismo.
A conferencia contará coa participación xunto á Mesa, de diversas entidades de defensa das linguas propias da Bretaña, Cataluña, Irlanda, Gales, Húngaros de Eslovenia e Romenia, e Occitania.
Contará ademais coa participación do Consello de Europa (Carta Europea das Linguas e Convención das Minorías Nacionais), Alto Comisionado para as Minorías Nacionais da OSCE, e o Alto Comisionado de Dereitos Humanos da ONU.
A conferencia buscará o mellor xeito de utilizar a lexislación existente xa en vigor, como a Directiva sobre igualdade racial e da Carta dos Dereitos Fundamentais,así como as propostas Protocolo de Donostia (presentado esta semana en Galiza). Presentarase tamén a proposta da Rede Europea para a Igualdade das Linguas para unha directiva de dereitos lingüísticos.
As recomendacións da conferencia serán presentadas ás Comisións de Cultura e Liberdades civís, Xustiza e asuntos internos (LIBE), ao Consello de Europa, á OSCE e á ONU.
A Mesa convidará a asisitir a todos os Eurodeputados de Galiza
 Language-Hearing-Poster-Final-500x675 (83 kB)

O alumnado da UVigo festexou as Irmandades da Fala nas redes sociais

O ámbito da Universidade de Vigo celebrou este mes de maio o centenario das Irmandades da Fala, e fíxoo baixo o seguinte lema: Na Universidade en galego sen prexuízos. Boa parte destas actividades de festexo e convite colectivo para empregarmos a lingua desenvolveuse nas redes sociais, da man do alumnado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación (Campus de Vigo). Este mércores, coincidindo coa achega da última mensaxe (Todo ten un fin, o emprego da nosa lingua) os estudantes responsábeis da dita campaña 2.0 reuníronse co reitor Salustiano Mato; o decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Xosé Manuel Baamonde e o director da Área de Normalización Lingüística, Paulo Cabral. O obxetivo: facer balance de todo o acadado a través da iniciativa nas redes sociais.
Segundo fixeron saber os alumnos Pablo Baldomir, Elsa de Dios, Natalia Álvarez e Catarina Barcala, a campaña tivo a súa orixe nun contacto coa Área de Normalización Lingüística, con que se compartiu, de base, a mesma arela a prol do fomento do uso do galego. Aproveitando a celebración do centenario da creación das Irmandades da Fala, propúxoselle ao dito departamento a idea de realizar unha comparación da actualidade e textos da época das Irmandades en redes socias, “que están moi vixentes hoxe en día polo uso por parte da xente nova”, explicou Pablo Baldomir, engadindo que finalmente chegouse a unha media dunhas mil visualizacións por cada publicación.
Segundo fixo saber Elsa de Dios, a idea central foi facer unha comparativa de como eses prexuízos que denunciaban os impulsores das Irmandades da Fala séguense a cumprir. Para facelo de maneira visual empregáronse gráficas creadas para as redes sociais.
En palabras de Catarina Barcala, o que se buscaba plasmar é que cen anos despois das actividades das Irmandades da Fala “os seus textos seguen en plena vixencia e moitas das cousas que os seus integrantes e promotores denunciaron no pasado seguen a pasar na actualidade”. A estudante tamén fixo saber que “as mensaxes chamaron moito a atención polo contraste entre os textos antigos e as iconas das redes sociais”.
Lembrar que a campaña botou a andar o pasado día 11 e remataba onte 25 de maio. Ao longo destas dúas semanas guindáronse ao universo dixital máis dunha ducia de mensaxes. Por exemplo: E ti tuiteas en galego?, En que lingua opinas?, E a ti gústache?; Viaxa con ela polo mundo; A lingua non é un xogo...

A linda cooficialidade dun país diglósico

E a ledicia que nos dá vivir nun país diglósico? Iso é impagavel! Camiñando aquelas ruas encostas de Porto, onde todo a xente se dava a falar portugués, decateime eu do triste aborrecemento daquel viver monocorde.
Aqueles galegos ascendidos a nazón, non podían autoidentificarse ao estilo manuelino de Fraga porque non tiñan a cotío, de fronte, un falante superior que, precisamente por mor desa superioridade lingüística, non os entendese. E iso ten que ser moi aborrecido. Plano demais para un encefalograma galego habituado ás liortas dialecticas dos parrafeos e loias ancestrais. Os portugueses, ao que parece, falan todos a mesma lingua, o portugués, que vén curiosamente do nome  de seu  país, Portugal, do Portus Cali, eis Porto. Unha lingua tan cuspidiña á lingua nosa que mesmo parece cousa do demo que xa sabemos que era políglota, quer dizer, sospeitoso. E fálano e escréveno porque teñen non só o dereito como os galegos, senón também o dever. Así, cando os portugueses van ao médico, poño por caso, poden se referir a calquera inflamación co sufixo -ite tan ricamente sen ter que simular, perante o facultativo, ser do rural, de arrabaldo ou nacionalista tirando a arredista. No entanto en Ferrol calquera galego con otite ten de aparentar unha otitis en toda regra se quere ser diagnosticado axeitadamente.Isto vale igualmente para a apendicite porque a lingua galega funciona na diglosia como unha apéndice da castelá. De certo, na nosa etioloxía médica o galeguismo é unha doenza que cursa con síntomas esquizoides asociados a unha intolerancia á lactosa pola que se fecha a glote e inflámanse as cordas de certas vogais, nos casos recorrentes. Até tal estadío clínico que se podería chegar a trabucar na pronuncia óso-esquelete e oso-animal se non fora porque xa os exterminamos a todos. Os animais, claro, e aí non há densitometrías que vallan.
En fin, ao que ía, que viver en monolingüe é moi triste e por iso Pessoa é un poeta señardoso e fusco, sen a retranca dun Curros ou dun Leiras Pulpeiro, que xa portava a diglosia no apelido. Algúns coidan que os galegos vivimos vidas paralelas, vidas que non se atopan en ningún ponto, e iso non é certo porque o galego e mailo castelán conflúen no castrapo que é a nosa lingua universal. Porque os portugueses o mesmo te falan do viño que te defenden unha tese doutoral encol do acelerador de protóns na sua lingua. Os galegos non. Falamos do viño en galego, dos protóns en castelán e do demais en castrapo. Agás o ferrolano, ese raro especime da praza de Amboaxe cara ao Parador, que cando se desata a falar galego, nas arroutadas  das Letras ou do Patrón, calcula que vai servido engadindo o sufixo -iña ou -ela a toda adxetivación. -Que riquiña estava a tortela de patacas, verdad? Di, se cadra, co gallo dalgún evento rexional. -Si, pero o polvo te estava algo duro. -Ai, muller, non me seas tan pueblerina, di pulpo, como toda a vida!
Non podes mercar unha lámpada porque te arriscas a pasar por pedante e tes que te conformar cunha bombilla ou bombela se es de Ferrol
Viver nun país diglósico de linda cooficialidade non ten comparanza no tocante ao humor. Non podes mercar unha lámpada porque te arriscas a pasar por pedante e tes que te conformar cunha bombilla ou bombela se es de Ferrol, do centro centro. Se es das aforas aínda podes mercar en Vagalume que curiosamente é unha palavra galega que sempre empregan os castelánsfalantes porque luciérnagas aquí nunca houvo.
Viver en diglosolandia mantente sempre na alerta cando escoitas o debate do Estado da Autonomía a un presidente plurilingüe como poucos monocordando tan acorde.
Viver nun país diglósico non ten mais que avantaxes porque podes pasar por estranxeiro se quixerdes. Eu estiven tentada de entrar no Casino o día da Hispanidade e sociabilizar deste xeito:  Fai favor de me poñer unha macela, un pingo con bolachas, un zume de ananás con xelo e duas cervexas? Non mo traia á mesa. Se non é amolamento xa llo collo eu polo balcón. E cando o camareiro me mirar con ese abraio natural de país diglósico, dicíndome: Como dijo la señorita? Espetarlle cun sorriso xentil: Do you speak english, please? A camomille, one coffee with biscuits, one juice and two bears. Quero dizer beers que os animais xa os extinguiramos, non si?

As Irmandades: a reacción contra a parálise da RAG

“As Irmandades son unha especie de emenda á totalidade das estratexias e da praxe do rexionalismo finisecular de Murguía”, di Emilio Ínsua, que vén de publicar 'A nosa terra é nosa! A xeira das Irmandades da Fala (1916-1931)', o ensaio máis profundo que se ten publicado sobre este movemento. 

Nesta obra publicada por Baía Edicións, de máis de 700 páxinas, Insua deita información sobre o “conflito soterrado” entre as Irmandades e a Academia presidida por Muguía, xa ancián, e sumida “na pasividade e na inacción”. De feito, o autor defende que “a orixe das Irmandades haina que ver como unha especie de reacción contra a percepción de que as cousas ían cada vez peor para a lingua galega”. E a Academia daquel tempo nin sequera usaba o galego alén dos usos poéticos.
Murguía non vía con bos ollos este cambio xeracional, cunhas Irmandades que defendían o monolingüísmo e con posicións xa nidiamente nacionalistas superando o rexionalismo do 'patriarca' Murguía. “É significativo o detalle de que Murguía non participou nunca en ningún dos actos das Irmandades, non colaborou con ningunha das súas publicacións, non tivo ese papel de patriarca que abenzoa este novo colectivo que en teoría ten os mesmos obxectivos que a Academia que fundara en 1906”, explica Ínsua, que defende na súa obra que o marido de Rosalía “non perdoou que o novo movemento viñese, en definitiva, a tornar evidente a grande contradición do rexionalismo finisecular entre discurso e praxe a respecto do emprego do idioma galego”.
“É significativo o detalle de que Murguía non participou nunca en ningún dos actos das Irmandades"
Poucos académicos nas Irmandades
A pesar de que a primeira xuntanza das Irmandades, a da Coruña, tivo lugar na sede da RAG, poucos académicos participaron no movemento segundo o investigador de Viveiro. De 40 numerarios só sete deles se fixeron socios das Irmandades: foron Manuel Lugrís Freire, Euxenio Carré Aldao, Eladio Oviedo Arce, Florencio Vaamonde Lores, Francisco Tettamancy Gastón, Salvador Cabeza de León e Manuel Banet Fontenla. “Por exemplo, no manifesto de Lugo, que é cando as Irmandades xa adoptan unha definición en clave nacionalista, hai só dous membros da RAG que asinan o manifesto. Paréceme moi revelador do abismo e da distancia que había nese momento entre os que integraban a RAG e esta fornada de activistas pola lingua e polo país que son as Irmandades”.
E non só iso, un dos académicos que participan nos comezos das Irmandades, Manuel Casás Fernández, logo da clarificación ideolóxica, “pasa a combatelas con toda caste de munición” converténdose nun dos seus principais detractores. Casás remata sendo o presidente da Academia Galega na posguerra “e mesmo monta unha especie de ente para facerlle a competencia que se chamou Instituto de Estudios Gallegos na Coruña con outros intelectuais coruñesistas”.

Parte do exame da reválida de 3º apareceu filtrada na imprensa o mesmo día da proba

CIG-Ensino sinala a Consellería de Educación e exixe responsabilidades do que cualifica como unha “chafallada”.

xoves, 26 de maio de 2016

Tres normas de certificación da calidade en galego

USC e Xunta colaboran para que algúns dos certificados de AENOR estean dispoñíbeis, máis baratos, na lingua propia.

Aenor ten xa dispoñibles en galego tres das normas máis utilizadas para a certificación da calidade empresarial (UNE-ISO), un traballo realizado polo servizo de normalización lingüística da Universidade de Santiago de Compostela (USC) co obxectivo de "consolidar" o uso da nosa lingua no ámbito socioeconómico.
 Deste acordo entre a entidade privada coa institución académica, no que tamén participou a Xunta, deron conta este mércores en rolda de prensa. Ademais, o delegado de Aenor en Galicia, Martín Pita, aseverou que o traballo iniciado "non quedará aí", senón que se afondará neste labor.
 "A nosa idea é seguir traballando conxuntamente coa USC e a Xunta", mantivo, partidario de seguir traducindo as normas de máis relevancia para avanzar na "normalización lingüística" no ámbito empresarial. Ademais, co obxectivo de fomentar a utilización destes documentos en galego, formulou "medidas de discriminación positiva" en forma de "vantaxes" ou "descontos" para quen acceda a eles.
 Xunto a el, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, fixo fincapé na importancia de dinamizar o uso do galego no campo socioeconómico, "dende o pequeno comercio ás grandes áreas comerciais" pasando pola "construción naval".
 E, tras admitir que o mundo dos negocios "sempre estivo asociado ao castelán" en Galicia, incidiu en que "o galego ten que posicionarse" para "consolidarse" como lingua de uso "normal" entre o tecido económico. Neste sentido, recordou que a Xunta ten en marcha plans enfocados a esa "proxección".
 Dito isto, puxo en valor que "algunha outra comunidade con lingua cooficial" dirixiu unha consulta ao seu departamento para saber como se impulsara a tradución de normas UNE-ISO ao galego. "Pola confluencia de vontades e sensibilidades", resumiu, antes de agradecer o labor de Aenor para lograr este "feliz acordo" iniciado a mediados da última década pero que se detivo en 2008.
 Finalmente, a vicerrectora de Servizos del Campus de Lugo da USC, Carme Silva, resaltou tamén "a sensibilidade lingüística" da entidade privada e valorou que optara pola institución compostelana para levar a cabo a tradución.
 En virtude desta colaboración, reiniciada en 2015, o catálogo de Aenor ofrece tres normas en lingua galega; dúas delas relativas á xestión da calidade e a terceira, en materia ambiental.
 En concreto, son o 9001:2015 'Sistemas de xestión da calidade. Requisitos', a 9004:2009 'Xestión para o éxito sostido dunha organización. Enfoque de xestión da calidade' e a 14001:2015 'Sistemas de xestión ambiental. Requisitos con orientación para o seu uso'.

O Mencer aumenta a entrega de alimentos a 264 familias lalinenses

O colectivo de voluntarios está preocupado polo incremento de cidadáns en situación de risco.

«A situación non mellora e tennos preocupados o incremento de familias que chegan á nosa asociación buscando axuda», afirma a presidenta do colectivo de voluntarios O Mencer de Lalín Rocío Díaz.
Un colectivo que conta actualmente na súa listaxe con 264 familias ás que se lles brinda axuda de xeito semanal, quincenal ou mensualmente. «As entregas de alimentos van en función de si na unidade familiar hai nenos. Neses casos, son familias que temos clasificadas como prioritarias e as entregas realízanselles cada quince días». Das 264 unidades atendidas na actualidade en Lalín o 50 % son estranxeiras e outras tantos do municipio, segundo constata a presidenta do Mencer. Familias que son atendidas desde o punto de vista alimentario grazas a achegas e iniciativas particulares que se xestan a favor da asociación. «Agora o Banco de Alimentos fornécenos cada mes e medio polo que afortunadamente sempre temos alimentos que poder distribuír entre os que os necesitan. Doutra banda están as axudas de particulares e de empresas que nos dan queixos e iogures, por exemplo, e as iniciativas como a que organiza a escola de teatro que nos doará todos os alimentos que recade».
A pesar de toda a axuda o colectivo precisa de determinados alimentos: aceite, azucre, cola cao, cueiros para os nenos e produtos de hixiene. «Ímonos defendendo pero sempre hai algunhas cousas que temos que comprar nós ao non dispor das mesmas en reserva». E unha nova chamada á colaboración. «Os días 3 e 4 de xuño teremos unha gran recollida de alimentos no Eroski. Por pequena que sexa a colaboración sempre é importantísima».

Educadores laureados

Os institutos Aller Ulloa e Marco do Camballón reciben en Teo senllos premios á innovación educativa 'Escola Viva', promovidos pola UXT.

Profesores dos institutos Ramón María Aller Ulloa de Lalín e Marco do Camballón de Vila de Cruces recibiron onte tarde en Teo senllos premios á innovación educativa Escola Viva, no transcurso dun acto convocado por FETE-UXT Galicia e Escola Viva. O centro lalinense recibiu o primeiro premio grazas ao seu proxecto kale/kela: Ao son da arte e as ciencias. Arte inclusiva, mentres que o cruceño foi galardoado cunha mención honorífica polo seu traballo Arte e xogo feminino ao longo dá historia. Os galardóns entregados onte no Hotel Congreso teñen como obxectivo o recoñecemento ao labor daqueles docentes que levan a cabo experiencias didácticas innovadores nos seus centros, co fin de mellorar a formación do seu alumnado.
Ao certame organizado por FETE-UXT Galicia e Escola Viva presentáronse un total de 44 traballos de centros de toda a comunidade autónoma, e o xurado outorgou dous premios e cinco accésits. O galardón obtido polo IES Aller Ulloa de Lalín está dotado cun premio en metálico de 2.000 euros, mentres que a mención do centro de Vila de Cruces recibiu un recordo conmemorativo da súa distinción. O palmarés do concurso completouse cun segundo premio dotado con 1.000 euros para os profesores José Ignacio Salgado López e Manuel Axeitos Pérez, do IES Leliadoura de Frións, en Ribeira. O resto de mencións honoríficas recaeron en María José García García, do CPI de Castroverde (Lugo); Nuria Garabal González, do CEIP Plurilingüe número 1 de Tui; María Lamelas Fernández e Jennifer Fernández Rodríguez, do CEIP Manuel Bermúdez de Castro (Pobra de Trives); e María Amparo López Romalde, do CIP Plurilingüe San Xoán Filgueira (Ferrol). A entrega de premios congregou a numeroso público nos salóns do hotel de Teo onde tivo lugar a cerimonia.