desexo de ti
sucando fazulas
a neve nos curutos
fica atoado o seu congostro inxel
a fala que aloumiña
O autor deste poema nunca será homenaxeado no Día das Letras Galegas (ou si, vai ti saber). O autor deste poema é un robot, o Gerador automático de poesia galega contemporánea que Berto Yáñez e María Yáñez botaron a andar en Aduaneiros sem Fronteiras
hai, exactamente, unha década, neses tolos anos do blogomillo. Patróns
de palabras e versos que se organizaban automáticamente no momento en
que o usuario ou usuaria clicaba en gerar poesia.
O Gerador era un bot, un programa informático que
leva a cabo distintas funcións imitando as accións humanas, en base a
unha serie de patróns e accións predefinidas. O venerable
ancián que esta semana fixo dez anos foi dos primeiros que empregou
estas ferramentas nunha aplicación relacionada coa cultura, a lingua e
as letras galegas, pero houbo máis.
Algúns ben recentes. Dende febreiro está na rede Galegos Ilustres, un bot
(creado tamén por Berto) que catro veces ao dia mistura de xeito
aleatorio imaxes de galegos e galegas ilustres con letras de cancións de reggaeton. "Llego el Residente, mayday-mayday. El que tiene más trucos que un skater. El que tiene más trampas que el invader", di por exemplo Álvaro Cunqueiro. Ou mesmo "Suban el telón, abran las cortinas. Enciendan las turbinas con nitroglicerina. El desorden es tu penicilina", asegura Alexandre Bóveda.
Tamén anda polo twitter Unha Vella, outro bot
de Berto que cada media hora crea versos creados con palabras
aleatorias do VOLGA, e todos en rima consonante. Todos, iso si, con
espírito chocalleiro, feminista e soberano, pois deixa ben claro que na súa cona non manda ninguén.
"Unha vella nos tempos do serranchín, fixo da cona un matachín", "Unha
vella nos tempos da alimentación, fixo da cona unha degustación" ou
"Unha vella nos tempos do calzador, fixo da cona un conmutador" son
algunhas das creacións deste bot.
Así pois, queda demostrado que os robot falan galego. É máis, queda
demostrado que os robots fan literatura. Para cando un día das #eLetrasGalegas? Nesta semana na que celebramos os dez anos do Gerador automático de poesia galega contemporánea,
paga a pena dar unha volta de novo por alí e -se nos gustan os poemas
creados polo robot- compialos, imprimilos e presentalos ao desaparecido
Premio Esquío, como recomendaban dende Aduaneiros. Por exemplo, este.
os restos do naufraxio
a diaria soedade dos aeródromos
os meus calzóns bébedos
un fulgor sedento de ebriedade
das fenestras as efixies do silencio
a estrela silandeira
lembranza de ti, oh indómito corsario
escombros da comunicación
en trazos esguios
Ningún comentario:
Publicar un comentario