A
Federación Galega de Ciclismo incumpre a lexislación sobre o uso do
galego como lingua propia de Galiza vulnerando os dereitos lingüísticos
da cidadanía. A páxina web (http://www.fgalegaciclismo.es/)
exclúe completamente o uso do galego. Ademias a atención en galego aos e
ás federados/as non está garantida pois aínda que se dirixan á
Federación Galega de Ciclismo en galego a maioría das veces contéstanlle
en castelán.
A
federación, na súa función de colaboradora da administración pública
galega, é un importante axente dinamizador para levar a cabo a
organización e desenvolvemento de programas e actividades que impulsen o
ciclismo en Galiza e ten que incluír o galego na súa actividade.
A Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galiza ten como
unha das súas principais funcións e cometidos estabelecer as bases de
colaboración e o soporte financeiro ás federacións deportivas para o
desenvolvemento dos seus respectivos programas de actividades. A
Secretaría Xeral para o Deporte e a Secretaría Xeral de Política
Lingüística teñen a responsabilidade de introducir o galego en ámbitos
do deporte para contribuír á normalización da lingua galega.
A Federación Galega de Ciclismo, con funcións públicas delegadas, vulnera claramente a lexislación vixente sobre a oficialidade do galego e o uso
do galego como lingua propia: O Estatuto de autonomía de Galiza dispón
no seu artigo 5 que “a lingua propia de Galiza é o galego”, e que os
poderes públicos de Galiza garantirán o uso normal e oficial dos dous
idiomas e potenciaran o emprego do galego en todos os planos da vida
pública, cultural e informativa. Así mesmo, a Lei 3/1983, do 15 de xuño,
de normalización lingüística, indica no seu artigo 4.1 que o galego é
lingua oficial das institucións da Comunidade Autónoma e da súa
Administración; e o artigo 6.3 do devandito texto legal insta os poderes
públicos de Galiza a promoveren o uso normal da lingua galega,
oralmente e por escrito, nas súas relacións cos cidadáns e cidadás.
Ningún comentario:
Publicar un comentario