luns, 3 de agosto de 2015

O Campus da Cidadanía da USC, un proxecto inmediato

O reitor informou no Consello de Goberno do estatus quo deste novo proxecto de Campus de Excelencia.

Converterse nun referente nacional e internacional de excelencia no ámbito da investigación e a docencia en Ciencias Sociais e Humanidades. Ese é o obxectivo do proxecto Campus da Cidadanía no que a Universidade de Santiago está a traballar para sometelo dentro dun ano á aprobación da Xunta de Galicia.
 
O reitor Juan Viaño presentou este mércores no Consello de Goberno a memoria inicial do proxecto, formulado como un campus transdisciplinar que xunta saberes de ámbitos tan diversos como a pedagoxía e as didácticas, a psicoloxía, o dereito, a criminoloxía, a socioloxía, a economía, a empresa, a ciencia política, a filosofía, a antropoloxía e a lóxica, as ciencias da cultura, o xornalismo e a comunicación, a lingüística e a literatura, a historia e a historia da arte, da música e do cine, a xeografía, a arquitectura e o urbanismo.
 
Nos eidos das Ciencias Sociais, Xurídicas e Humanidades, a USC conta con máis de 100 grupos de investigación, dez facultades, unha ducia de centros de investigación  e máis dun milleiro de persoas dedicadas ao estudo do ser humano como elemento nuclear da sociedade, o que implica prestar atención a unha gran variedade de aspectos á vez que representa unha oportunidade de desenvolvemento para as cidades de Santiago de Compostela e Lugo.
 
Cese do vicerreitor Salgado
Na mesma xuntanza deuse conta do cese, a petición propia, do vicerreitor de Internacionalización, Carlos Salgado, que deixa o seu cargo no goberno da Universidade por causa das cada vez maiores responsabilidades que a Unión Europea lle está requirindo con respecto ao proxecto de investigación polo que acadou unha Starting Grant, como el mesmo explicou esta mañá aos membros do Consello de Goberno.
 
O profesor do Departamento de Física de Partículas recibiu en 2011 unha Starting Grant to European Research Council para realizar o proxecto ‘Hot and dense QCD in the LHC era (HotLHC)’ en colaboración co CERN. Salgado é un dos cinco Starting Grant que na USC lideran importantes grupos e proxectos investigadores. “É precisamente este traballo o que me impide dedicarlle o tempo necesario á Vicerreitoría”, dixo. Á volta do verán o reitor nomeará á persoa que lle substituirá.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario