martes, 4 de agosto de 2015

O Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial promoveu 30 contratos de transferencia dende a nosa terra

Simulación, datos masivos (estatística e big data) e optimización foron as grandes áreas nas que centrou o ITMATI (Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial) a súa actividade de transferencia. Así se fai saber na memoria anual de actividades 2014 presentada e aprobada polo consello de goberno do consorcio ITMATI, instituto galego do que xa temos falado en Código Cero con motivo das súas xornadas so o potencial numérico no progreso económico e social, participadas polo CITIC. No documento presentado agora revélase “un importante medre da actividade do instituto durante o pasado exercicio”, centrada sobre sobre todo na promoción da transferencia de tecnoloxía matemática a partir do coñecemento desenvolvido nas tres universidades galegas e na achega de respostas eficaces ás demandas das empresas, das industrias e das entidades públicas.
En termos concretos, puxéronse en marcha preto de 30 contratos coa participación directa de 19 empresas e entidades e a colaboración de máis de 30 entes, ademais de crearse 21 postos de traballo. Así, dende a constitución de ITMATI (marzo de 2013) promovéronse 7 contratos no marco de convocatorias FEDER Interconecta; 13 de colaboración tecnolóxica directa con empresas e entidades; un proxecto estratéxico de consorcios de investigación empresarial (CEN) xestionado polo Centro de Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI); dous proxectos de investigación e de desenvolvemento individuais (PDI) xestionados por CDTI; dous cursos de formación; unha Unidade Mixta de Investigación Repsol-ITMATI no marco da convocatoria da Asociación Galega de Innovación, e un proxecto competitivo concedido polo Goberno noruegués.
Por áreas de transferencia, destaca en número a de simulación, con 21 proxectos activos, que superaron o 60% da facturación do centro. A continuación sitúase a área de optimización con 12 proxectos activos que representan o 25% da facturación. Finalmente, a área de estatística/big data conta con 7 proxectos activos, que supoñen o 14,87%. A tecnoloxía matemática permitiu a ITMATI resolver problemas “de gran interese en practicamente todos os sectores industriais”, sinálase no informe do consorcio, onde se engade que os contratos con maior facturación foron os sectores da enerxía, materiais, naval e medio ambiente.
A formalización dos devanditos proxectos achegaron en torno ao 95% dos ingresos do instituto durante 2014, acadándose os 525.519,35 euros (excluíndo o IVE). O total de facturación no pasado ano ascendeu a 551.529,35 euros.
Ademais, o ITMATI participou na organización de numerosos eventos. Entre eles salientan cinco iniciativas específicas de interacción matemática-industria ou accións internacionais como os dous proxectos no ámbito metalúrxico co Instituto de Investigación Teknova AS (Noruega). Con estas e outras accións, sinalan fontes do consorcio galego, “divulgouse a capacidade transversal das matemáticas a empresas e organizacións de diferentes sectores produtivos,e facilitouse, dinamizouse e fomentouse o coñecemento da utilidade destas tecnoloxías, con especial énfase nas PEME e na sociedade, para que actúen como elemento innovador da innovación na industria, e esperten o seu interese”. Dende o centro, ademais, mantivéronse contactos bis a bis con empresas e organizacións, accións que difundiron tanto en medios de comunicación convencionais e dixitais, así como nas principais redes sociais (Twitter, LinkedIn) e no espazo web de seu, itmati.com.

Ningún comentario:

Publicar un comentario