'Algas no agro galego' é a reportaxe gañadora, mentres que un dos accésits vai para Andrea Oca e o outro, para Sara Varela e Miguel Grandío.
Dous alumnos da Universidade de Santiago, David Fontán e André Vicente, son os gañadores da segunda edición do Premio Universitario “La Caixa” de Comunicación Científica Contar a Ciencia, que convoca GCiencia coa colaboración da Secretaría Xeral de Universidades, polo seu traballo titulado ‘Algas no agro galego: saber popular e ciencia por un futuro sostible’.Fontán, estudante de Xornalismo, e Vicente, de Bioloxía, fixeron un magnífico traballo que inclúe texto, fotografías e audiovisuais. O xurado valora a calidade xornalística dos textos, a achega dos vídeos, a diversidade de fontes e perspectivas, o interese da temática e o conxunto dunha reportaxe merecedora do primeiro premio nesta segunda edición do certame.
Un accesit premio recaeu en Andrea Oca, de Ciencias da Comunicación da USC, pola súa reportaxe: “Cara a cara co monstro: a calor loita coa anorexia’. A súa redacción áxil e eficaz, a oportunidade do tema e o tratamento científico da reportaxe foron elementos moi tidos en conta polo xurado.
O segundo accesit vai para a Universidade de Vigo, coa reportaxe de Sara Varela e Miguel Grandío “Obxectivo: deter o Alzhéimer”. Trátase dunha reportaxe audiovisual na que, dende unha nova perspectiva, se analizan os avances no diagnóstico desta doenza. O xurado valora a achega xornalística, a vontade de estilo e a orixinalidade de enfoque desta peza.
Desta volta, non é un tópico que as deliberacións do xurado non foron doadas, pola calidade das 16 reportaxes finalistas do premio ‘Contar a Ciencia’. Boa parte delas merecerían unha mención especial, pola singular valía destes traballos.
O xurado do premio, que convoca GCiencia xunto coa fundación ‘la Caixa‘, estivo integrado por representantes das universidades de Santiago, A Coruña e Vigo, do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, da delegación territorial en Galicia do CSIC, da Secretaría Xeral de Universidades de a Xunta, da Real Academia Galega de Ciencias e dun representante de Gciencia e de ‘La Caixa’.
As reportaxes finalistas da segunda edición do premio foron: Alberto Paz Calo (UVigo),; Carlos Rey (USC); Paula Santos Barbeito (UDC); Raquel Pérez (USC); Alejandro Gándara (USC); Sabela González (USC); Pablo Vázquez Varela (UVigo); Alba María Rego (UVigo); Umá de Oliveira (UVigo); Yasgo Rodríguez (UVigo); Xiana Meda (USC); Ángeles Precedo (USC); e Yago Grela Ojea (USC).
Divulgar a investigación que se fai nas universidades galegas, promover o xornalismo científico e animar ós estudantes universitarios a coñecer a ciencia nos seus campus é o obxectivo do Premio Universitario “La Caixa” de Comunicación Científica, convocado por La Caixa e GCiencia, o portal da Ciencia en Galicia.
O certame conta coa participación das tres universidades galegas -A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo- e está dirixido a estudantes das facultades de Xornalismo e Comunicación para que, a través de reportaxes escritas ou audiovisuais, ou mediante a combinación de ambas as dúas modalidades, investiguen e conten a ciencia que se fai nos seus campus. GCiencia publicou as mellores reportaxes escritas ou audiovisuais enviadas polos participantes entre o 8 maio e o 6 de xuño .
O gañador do certame levará un premio de 400 euros e unha tablet de fabricación galega, da firma ‘Primux Tech‘, toda unha declaración sobre o pulo das empresas de base tecnolóxica en Galicia. O dous accésits recibirán 100 euros e unha tablet cada un. Os 13 finalistas recibirán un diploma acreditativo.
GCiencia éo portal da ciencia galega. Cun extraordinario crecemento en público e contidos desde a súa creación en 2013, é actualmente o 8º medio de comunicación de Galicia en audiencia en Internet e o primeiro entre os dixitais nativos, segundo o ránking Alexa, o estándar máis fiable sobre tráfico en Internet.
Ningún comentario:
Publicar un comentario