Hai
cinco anos botaba a andar un proxecto nado coa vontade de explorar as
vantaxes da computación na nube (cloud
computing)
desenvolvidas na contorna das pequenas escolas rurais, na nosa terra
os Centros Rurais Agrupados (CRA). O dito traballo era posíbel
grazas ao apoio financeiro que HP Labs emprestaba ao CESGA (Centro de
Supercomputación de Galicia). Xa no 2014, este centro, coa
participación da USC, a Xunta e Balidea, obtiña
financiamento para un proxecto europeo de cara a validar e mellorar a
solución noutras zonas rurais e illadas de Europa. O
vindeiro 10 de outubro celebrarase a conferencia final en Santiago,
onde se amosarán os resultados e experiencias dos participantes do
proxecto, a iniciativa RuralSchoolCloud, liderada polo CESGA e
abranguendo 7 institucións
de 6 países: Gran Bretaña, Italia, Grecia, Dinamarca, España e
Macedonia (gobernos locais, universidades, institucións formativas).
Segundo fai
saber o CESGA, o aprendido neste proxecto, baseado no software libre
e na aplicación das ferramentas na nube en escolas rurais ou illadas
de Europa, suporá “a mellora e medre da solución introducida nos
centros galegos, e posibilitará a exploración de novas áreas de
traballo e aplicación innovadora das tecnoloxías no
ensino-aprendizaxe”.
Cómpre sinalar que este
primeiro proxecto levouse a cabo co CRA Boqueixón-Vedra, cuxo
claustro envorcouse coa iniciativa achegando a visión
educativa e o contexto axeitado para acadar a solución desexada. Os
resultados deste pequeno piloto foron moi valorados non só pola
comunidade educativa participante, senón pola propia HP Labs, quen
xa convidou ao CESGA a presentalos na súa xuntanza anual HP Catalyst
Summit en Nova Delhi en 2011, ou máis tarde, co recoñecemento dun
premio internacional da Fundación Telefónica.
É preciso
subliñar que esta achega medrou en 2012, grazas ao apoio da empresa
galega Balidea Consulting & Programming e a Consellería de
Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia
así como da AMTEGA, quen apostaron por estender e ampliar a
experiencia a 4 CRA: o CRA Amencer de Ribadavia, Nosa Señora do Faro
de Ponteceso, o CRA de Vilaboa e o CRA Boqueixón-Vedra,
denominándose este proxecto Rede de Escolas
na Nube.
Para máis información
sobre este proxecto cómpre visitar a súa web,
Facebook ou Twitter.
Ningún comentario:
Publicar un comentario