xoves, 7 de marzo de 2013

Universidades ven "inconstitucional" o informe de expertos de Wert. Piden a súa retirada.

Presentan un "contrainforme" no que alertan da facilidade de "politizar" a universidade co novo modelo do Ministerio


Voceiros da comunidade universitaria de sete centros de ensino superior, agrupados na coordinadora rexional madrileña 'A Uni na Rúa', pediron este mércores ao ministro de Educación, Cultura e Deporte, José Ignacio Wert, que retire o informe de expertos para a reforma do sistema universitario pois, segundo aseguran, ao "vulnerar o principio de autonomía universitaria" non pode ser senón "inconstitucional".
Así o indicaron estes profesores durante a presentación da iniciativa 'A Uni na Rúa', prevista para este sábado, 9 de marzo. Durante a rolda de prensa, os profesores tamén presentaron un "contrainforme" no que realizaron unha análise crítica do informe de 'Propostas para a reforma e mellora da calidade e eficiencia do sistema universitario español'.
"O Informe esquece que a inxerencia externa no sistema de goberno da Universidade lesiona gravemente dereitos fundamentais, como o dereito á autonomía universitaria, o pluralismo ideolóxico, a liberdade de cátedra e a liberdade de produción científica", aseguraron estes profesores neste "contrainforme", no que explican a través de catorce pasos a forma na que, ao seu xuízo, o ministro está "a desmantelar ao universidade pública".
Segundo aseguraron durante a lectura deste "contrainforme", a inxerencia externa no sistema de goberno da Universidade lesiona "gravemente" o dereito á autonomía universitaria, recollido no artigo 27.10 da Constitución Española.
A xuízo destes voceiros, o Informe de expertos dana os principios de pluralismo ideolóxico e liberdade de cátedra, establecidos no artigo 20.1 da Constitución, así como a liberdade de produción científica, garantida no artigo 20.1 da Carta Magna. "Estamos ante unha reforma que acerna a potestade de autonormación, autoorganización e autogoberno da Universidade non pode senón ser inconstitucional", aseguraron.
Para estes sete voceiros o dereito á autonomía universitaria, que garante unha educación pública e de calidade, cambiarase por unha "universidade franquista" na que privará un "un réxime presidencialista, piramidal e externalizado, alleo a calquera procedemento de control democrático" e "doado de politizar".
Neste sentido, estes membros da comunidade universitaria criticaron que a posibilidade que formula o informe de permitir a entrada dun 50 por cento de persoal alleo á universidade no Consello da Universidade (que resultaría da fusión do Consello de Goberno e o Consello Social). Estas persoas, segundo explicaron, serán parte do goberno autonómico e da "sociedade civil".
Este nova composición favorecerá, a xuízo destes voceiros, que os novos membros dos órganos universitarios sexan persoas "afíns aos círculos de poder de cada comunidade". "O risco é claramente elevado", aseguraron durante a lectura do manifesto, no que tamén alertan de que a posesión do reitor de "plenas funcións executivas" lle outorgará "un amplo poder discrecional". A cambio, segundo afirman o Claustro converterase nun "órgano meramente consultivo".

O REITOR DA UC3M, "INTERESADO" NO INFORME

Os voceiros destas sete universidades (UC3M, UCM, UNED, UAH, URJC, UAM e Politécnica) criticaron a "falta de interese que as autoridades académicas" están a poñer durante o período de "discusión pública" do informe, aberto polo ministro.
Preguntados sobre a posición dos reitores dos seus centros, o voceiro da Universidade Carlos III de Madrid, Rafael Escudero, destacou que o reitor do seu centro, Daniel Peña, se mostrou "favorable" ao Informe e "contrario" a ofrecer información á comunidade universitaria.
En concreto, Escudero asegurou que o reitor acusou de "interesantes" as propostas durante un Claustro. Ademais, segundo este voceiro, Peña negouse a informar dende o correo electrónico da Universidade dos recortes aos alumnos, o PAS e o PDI, "como lle pediu a Universidade".
"Este informe é un primeiro documento de traballo" asegurou a voceira da Universidade Rei Juan Carlos, Begoña Soto, quen indicou que os membros de 'A Uni na Rúa' están a formularse facer outra xornada de "aulas na rúa" en abril para informar sobre o informe de expertos e o seu "contrainforme".

Cursos preparatorios en liña das probas do Celga 1

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convocou, mediante a publicación no web da Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL), unha nova edición dos cursos en liña preparatorios para as probas de certificación de lingua galega no nivel Celga 1.
Trátase dunha acción formativa dirixida, nomeadamente, a persoas estranxeiras, non galegofalantes ou que non conten con formación en lingua galega e que estean interesadas en achegarse ao idioma para mellorar a súa competencia lingüística básica en galego, de cara a obter a acreditación de coñecemento do Celga 1 nas probas oficiais organizadas pola Xunta de Galicia.
A convocatoria dos cursos en liña preparatorios do Celga 1 abrangue un total de tres cursos gratuítos que se desenvolverán do 1 de abril ao 7 de xuño e nos que se admitirán, por rigorosa orde de chegada, ata 50 solicitudes en cada un (150 en total). Desenvolveranse durante 10 semanas durante as que o alumnado se deberá preparar para os exames de acreditación do Celga 1 mediante o traballo das 10 unidades didácticas que conforman o curso exercitando as catro competencias lingüísticas en galego (expresión e comprensión oral, e expresión e comprensión escrita).
Máis información no web da SXPL.

O novo "Cadernos de Lingua" dispoñible en liña

A revista -dirixida e coordinada polos membros de número da Academia, Manuel González e Xosé Luís Regueira- vén sendo publicada desde 1990, e ten como obxectivos promover a investigación sobre a lingua galega e darlles publicidade a aqueles aspectos lingüísticos considerados de maior relevancia no momento da súa publicación.
No seu número 34, Cadernos de Lingua contén cinco artigos de investigación lingüística e dúas recensións sobre dúas publicacións de actualidade.
Pode descargar a publicación e obter máis información en Real Academia Galega.

mércores, 6 de marzo de 2013

Vicente Docasar preguntou ao Director Xeral de Educación sobre o proceder da Xunta para a ampliación de centros integrados, xa que o precedente é o de actuar unilateralmente, con alevosía e nocturnidade

O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Vicente Docasar, preguntou hoxe en Comisión ao Director Xeral de Educación polo “qué pretenden facer e cómo se vai facer” a transformación en Centros Integrados dos IES que imparten ciclos de FP.
 
O parlamentario socialista manifestou coñecer como se desenvolveu a última ampliación, convertendo o Instituto de Lugo nun centro integrado a finais de curso con “alevosía e nocturnidade”, sen contar coa comunidade educativa.
Por iso recela o portavoz socialista dos análises técnicos anunciados polo Goberno e “nos gustaría saber en qué consisten e como se van facer as cousas”. Docasar teme que, como en ocasións anteriores, o Executivo de Feijóo empregue a política de “feitos consumados e non se consulte ás comunidades educativas afectadas. Estas decisións afectarán aos profesionais dos centros.
As preguntas do socialista orientáronse tamén a coñecer se as pretensións da consellería son unha modificación de facto, a través dos análises técnicos, da rede de centros integrados que data dos anos 90.
En Galicia existen en Galicia 17 centros integrados de Formación Profesional (CIFP), que serven para completar a rede de IES que imparten ciclos de Formación Profesional, tanto en Grao medio coma de Grao Superior.
O portavoz socialista de Educación afirmou que os actuais 151 Institutos Públicos que imparten ciclos de FP “levan moitos anos dando unha boa formación profesional, traballando a favor do emprego e contra o paro xuvenil acadando o maior número de matriculacións".
Docasar reclamou do Director Xeral de Educación que “hoxe sairamos da comisión recoñecendo que non só nos centros integrados (CIFP) se da unha boa FP, senón que tamén se imparte unha boa Formación Profesional nos actuais IES”. Do contrario, afirma o deputado, sería unha “enorme inxustiza”.
O nivel formativo impartido nos IES é perfectamente homologable co nivel formativo que proporcionan os CIFP, entende Docasar. “Os dous tipos de centros imparten unha boa FP, contan con prestixio social e, antes da crise, tiñan un elevado grao de inserción no mercado laboral dos seus titulados e e tituladas.
O parlamentario socialista requiriu ao Director Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, a participación do seu grupo nos análises técnicos para ampliar a actual rede de centros integrados.
Critica Docasar que, na última ampliación levada a cabo, “a maneira de proceder da Consellería de Educación foi manifestamente mellorable”. O parlamentario insistiu no desexo do Grupo Socialista de ser escoitado antes de que a consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria tome unha decisión sobre este particular.

FP DUAL

Na mesma comisión, o portavoz socialista recoñeceu que a FP ten hoxe máis prestixio social do que tivo nunca e mesmo, a pesares da crise económica que estamos a padecer, unha razoable inserción no mercado laboral.
Vostedes están obsesionados con Alemaña”, dixo aos populares, “non vou ser eu o que negue as virtudes dese país, pero non temos que obsesionarnos e pensar que todo o que fan o fan ben”, razoou o deputado socialista. Salientou que os xermanos están cambiando a FP dual porque é un sistema moi disperso e que forma a técnicos moi especializados e adaptados a unha determinada empresa.
Nós, formamos e bastante ben técnicos máis xeneralistas e polivalentes, adaptados a diferentes contornos laborais, apuntou Docasar. “Tan malos non debemos ser vendo a excelente acollida que os nosos titulados están a ter por aí adiante, Alemaña incluída”, aseverou.
Nós non temos a tecido produtivo alemán nin as nosas empresas teñen a mentalidade de formación do empresariado xermánico”, comparou. “Temos as nosas virtudes e os nosos defectos e deberíamos telos en conta antes de tomar decisións tan trascendentais”, valorou Docacasar.
Os socialistas votaron en contra da proposición non de lei do PP ao non aceptar a emenda que esixía que, previa a súa implantación, a Xunta consultara ás organizacións empresariais, ás sindicais, á Xunta Autonómica de Directores e ao Consello Galego de FP sobre a as características da oferta, sobre as condicións de desenvolvemento e compromisos asumidos polas empresas participantes.
Pedían tamén os socialistas tamén un estudo sobre cómo afectaría ás plantillas do profesorado, a presentar no Parlamento nun prazo de dous meses.

A Xunta inicia o trámite para recorrer o fallo contra o decreto do galego. Pero non está decidido presentalo.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, confirmou que a Xunta traballa nunha "posible" presentación dun recurso de casación ante o Tribunal Supremo (TS) polas sentenzas contrarias ao coñecido como decreto do plurilingüismo, pero advertiu de que isto "non" significa que teñan decidido presentalo por agora.
En resposta ao deputado socialista Francisco Caamaño, que ve o anuncio da Xunta unha acción para "premer" aos grupos da oposición, o alto cargo do Goberno galego manifestou que o que fai a Administración autonómica é "tomar as medidas previas" e "esgotar os prazos" que ten tras a comunicación do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) para poder tramitar o recurso de casación.
Así mesmo, na súa comparecencia, o secretario xeral de Política Lingüística reiterou a oferta de "diálogo" que fixo o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, aos grupos da oposición para apear dos tribunais a cuestión lingüística e negou as palabras do deputado do PSdeG nas que aseguraba que as diferentes sentenzas do alto tribunal galego "tocaron o corazón do decreto".

Alertan do "demantelamento" da cultura como "motor social e económico"

A Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural vén de presentar un documento que alerta de que os recortes e o "desmantelamento" de redes e estruturas están poñendo en perigo "o dereito da cidadanía a acceder de xeito igualitario á diversidade cultural e ao coñecemento" O texto advirte tamén que "as medidas curtopracistas que se están a tomar non solucionan os problemas estructurais da economía e da nosa sociedade, todo o contrario, están a acelerar a desaparición de estructuras, iniciativas e redes que si funcionan ou funcionaban e que será moi difícil volver a recuperar".
O documento presenta un amplo conxunto de reflexións arredor da situación actual da cultura en Galicia e busca ser compartido e debatido con máis colectivos e administracións públicas, cos que iniciarán contactos "para desenvolver propostas de acción na defensa do valor social do coñecemento, coa cultura como elemento esencial e non ornamental". A Asociación agrupa 61 xestores culturais privados, técnicos municipais e responsables de espazos culturais, tanto do eido público como do privado.
O texto salienta que os recortes se realizan "en áreas esenciais para unha sociedade que pretenda ser sostible, solidaria e con opcións de futuro", en referencia aos servizos sociais, á sanidade e "aos tres alicerces da sociedade do coñecemento: a educación, a ciencia e a cultura". E máis aló da diminución nos orzamentos, denúnciase a "improvisación" na xestión das administracións, a "falta de análise das súas repercusións, ausencia de estratexias alternativas e en demasiadas ocasións, un abandono de funcións".
E sinala que aínda que as institucións públicas teñen a obriga constitucional de promover e tutelar o acceso igualitario á cultura e o coñecemento, "os axentes culturais debemos reflexionar tamén sobre os valores que hai detrás do noso traballo e o que aportamos á sociedade, co obxectivo de que a cultura recupere a súa función de motor social e económico".
O documento céntrase en tres demandas: "futuro", "diálogo" e "boas prácticas". No informe reivindicase que as políticas públicas "deben realizarse cunha planificación estratéxica a longo prazo e orientadas ás necesidades da sociedade e o territorio que ocupan". Tamén lembra que "debe escoitarse e facer partícipes das políticas públicas a profesionais, asociacións sectoriais e á cidadanía" e que "deben reorientarse os usos dos recursos non monetarios das administracións e abrir á sociedade a xestión de espazos públicos infrautilizados". Finalmente, sinálase que en tempos de reduccións orzamentarias, "debe extremarse a transparencia orzamentaria e de contratacións, priorizando as convocatorias abertas e a esixencia de responsabilidade na xestión económica e social dos nosos recursos".

A Xunta di "non ter decidido" se vai recorrer as sentenzas contrarias ao decreto da lingua

Á Xunta quédalle apenas unha semana para decidir se opta por mergullarse nunha batalla legal na defensa do denominado decreto do plurilingüismo. Despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) invalidase ata en oito ocasións puntos clave da reforma lingüística de Feijóo, tales como a realización de consultas vinculantes ás familias ou a capacidade do alumnado para falar o idioma que considere oportuno con independencia da materia impartida, a Consellería de Educación realizou os trámites previos para presentar un recurso de casación ante o Tribunal Supremo, pero non sabe se o culminará. Iso é, cando menos, o que afirmou este martes no Parlamento o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
A preguntas do voceiro do PSdeG en materia de lingua, Francisco Caamaño, García explico que o feito de "que nos persoásemos" ante o alto tribunal "non quere dicir que agoar mesmo estea decidido presentar" o recurso "ou non". Entón, por que "efectuou o trámite de comparecencia, que é un aviso para poder presentar o recurso"?. O departamento que dirixe Jesús Vázquez "constatou que hai outras entidades" que van recorrer as resolucións do TSXG. "Unha xa o presentou", e non é outra que a asociación Galicia Bilingüe. "E a Real Academia Galega está a preparalo".
En calquera caso, segundo Valentín García interpreta, como o seus superiores no Goberno, que "tras oito sentenzas" o Tribunal Superior "apoia o modelo" lingüístico da Xunta e o que tomba "non é máis ca un 5%", "dous parágrafos" dun total de "trinta e tres artigos". E ademais, abonda, "así o corroboraron nas urnas os cidadáns de Galicia". "Se, como vostede di, o decreto non está tocado... Por que o recorren?", inquiriu Caamaño. "Por que prolongan a agonía da lingua?", pregúntase o socialista, en cuxa opinión o secretario xeral debera ser consciente de que "non é o mesmo" a posición dun colecetivo social "que a do Goberno de Galicia", ao que lle corresponde "dar exemplo".
Caamaño ten "só unha explicación" para a actitude da Xunta. "Recorren para presionar novamente á oposición", nunha caste de chantaxe segundo a cal "se non apoiades o que eu quero, vou seguir tendo a lingua nos tribunais", que é "o peor" que lle pode pasar", "unha mala noticia para todos os que queremos e defendemos a lingua". Segundo o secretario xeral quen "tende a man" é precisamente a Xunta, tanto á oposición como "ao colectivo Chamamento polo Galego, que ten difundido un manifesto para que non se materialice o recurso". Así e todo, xusto a continuación o alto cargo de Educación lanza unha andanada dialéctica contra o parlamentario socialista "Onde rompe o consenso" non é co decreto plurilingüe, "senón co anterior", isto é, o do bipartito, resolve.

A consellaría de Educación muda ao castelán a configuración do correo-e dos centros de ensino

CIG-Ensino exixe ao PP que remate canto antes "con esta política de exterminio" e modifique outra vez o aplicativo para que o idioma por defecto sexa o galego.
A consellaría de Educación mudou a configuración da aplicación web de correo electrónico para que a lingua por defecto sexa o castelán. Vén de denuncialo CIG-Ensino, quen considera a mudanza "máis un ataque ao uso e normalización do noso idioma, unha política á que nos ten afeitos o PP".
O proceder do departamento que dirixe Jesús Vázquez vulnera a Lei de normalización lingüística, que estabelece que a lingua a empregar nas comunicacións da administración debe ser o galego. A central nacionalista exíxelle á consellaría que remate canto antes "con esta política de exterminio" e modifique outra vez o aplicativo para que o idioma por defecto sexa o galego.

A Xunta admite que tramitou o recurso contra a sentenza do Plurilingüímo porque o fixo Galicia Bilingüe

O secretario xeral de Política Lingüística admitiu na Comisión de Cultura do Parlamento galego que a postura institucional tomouse pola actitude da asociación que dirixe Gloria Lago.
“Tomamos as medidas para presentar o recurso de casación porque outras entidades, como Galicia Bilingüe, tamén o fixeron”. A primeira comparecencia do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, nunha comisión de Cultura do Parlamento foi para responder sobre o recurso de casación presentado pola Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria diante do Tribunal Supremo respecto das sentenzas ditadas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza en relación co Decreto para o Plurilingüísmo no Ensino non Universitario.
Valentín García tentou responder ás preguntas do voceiro do Grupo Socialista, Francisco Caamaño, admitindo que a reacción do seu departamento ten unha relación directa coa actitude da asociación que preside Gloria Lago. "Tamén sabemos que a RAG prepara outro recurso polo que quixemos estar tamén".
A lingua nos xulgados
Na presentación da pregunta sobre o recurso da Xunta, Francisco Caamaño afirmou que “nada peor para unha lingua que estar en mans dos xulgados”. O voceiro socialista asegurou que o conflito lingüístico comezado polo goberno galego “sacouse adiante contra os informes de institucións como o Consello da Cultura Galega, o sistema educativo, a Real Academia Galega e o propio Consello Consultivo”. Segundo Caamaño a actitude de Feijóo de “alongar a situación da lingua nos tribunais é sorprendente” e rexeitou a proposta de pactar “algo ilegal”.
O Secretario xeral de Política Lingüística rexeitou retirar o trámite do recurso “se non hai consenso con entidades como GB, as institucións e unha vontade de diálogo político”.

O goberno galego rexeita exixir a Madrid a retirada da suba do IVE en Cultura

 O BNG propuxera na Comisión de Cultura do Parlamento que o PPdeG defendera este sector contra “ataques que afectan ao conxunto da sociedade”. O goberno galego nega que se poñan atrancos e culpa á crise da situación.
Nos últimos meses a suba do IVE do 8% ao 21% tivo un impacto “brutal” segundo o sector da cultura que traballa en Galiza. O Grupo Parlamentario do BNG presentou unha Proposición non de lei para que o goberno galego “responda” con medidas que poñan freo ao aumento do desemprego e precarización do sector. A voceira nacionalista de Cultura, Ana Pontón, asegurou na presentación da proposta que a medida recadatoria “é nociva para o conxunto da sociedade” porque afecta “ás rendas máis baixas cunha maior carga fiscal e non ás rendas máis altas”. Para o BNG a medida é “inxusta, inútil e contraproducente”.
“A Cultura non é un artigo de luxo senón de necesidade” argumentou Ana Pontón na Comisión, “queremos que a Xunta faga algo, a situación económica non xustifica a súa falta de iniciativa”.
“O PP mentiu”
O BNG cuestionou a lexitimidade do PP para incrementar este imposto cando, segundo a portavoz nacionalista, “non levaba esa proposta en campaña electoral”. Pontón lembrou as críticas de altos cargos do partido de Rajoy, caso de Cristóbal Montoro, María Dolores de Cospedal ou Esperanza Aguirre, cando o goberno do PSOE subiu ese imposto en 2010. “O propio Rajoy aseguraba nun debate con Rubalcaba que non faría o que non estivera no seu programa”.
En resposta a esta afirmación o popular Baamonde Díaz falou de “apoio nas urnas” ao seu partido e atacou ao PSOE por cuestionar algo que “tamén realizaron cando gobernaban en Madrid”.
Cultura controlada
Francisco Caamaño, voceiro do GP socialista, afirmou que era “unha incongruencia” subir o IVE na cultura posto que “ non é calquera actividade económica”. Falou de “elemento pernicioso” que pretende “controlar” a cultura galega polo “encarecemento” dos produtos culturais colectivos para logo “subvencionar” aqueles que lle conveñan ao PP. Como alternativa propuxo reducir os impostos autonómicos e exixir que as entidades que realicen actividades culturais no noso país e teñan acceso a subvencións “conten coa cultura feita aquí”.
“A culpa é do propio sector”
O voceiro de cultura do PPdeG, Agustín Baamonde Díaz, negou que o goberno galego puxera atrancos á cultura galega. “Hai que facer políticas de control de gasto e priorizar as necesidades”. Baamonde chegou a afirmar que a culpa desta crise “é do propio sector que ten que reaccionar”. Rexeitou apoiar a Proposición non de lei do BNG “porque Madrid xa rexeitou outras propostas semellantes e a competencia neste tema é estatal”. Sobre medidas a tomar con respecto a defender ás empresas culturais desta suba do IVE asegurou que “xa abrimos o circuíto da Rede Galega de Teatros e Auditorios hai uns días”.
En resposta a esta última afirmación Ana Pontón contestoulle que “o PP non acredita na cultura galega, falar de paralizar a Rede varios meses e logo afirmar que coa súa apertura vai loitar contra o IVE é tratarnos de imbéciles”.
A Proposición, após a admisión dunha emenda do PSdeG, foi rexeitada cos votos en contra do PP.

A Mesa denuncia un novo caso de discriminación lingüística no Sergas

Segundo o comunicado de A Mesa, o paciente foi derivado desde o Sergas ao Hospital Miguel Domínguez de Pontevedra, onde tiña que facer unhas probas médicas para un preoperatorio. No hospital solicitáronlle que asinase unha serie de documentos, mais cando o paciente os pediu en galego, dereito que lle recoñece a lexislación vixente, desde o hospital dixéronlle que non tiñan documentación nesta lingua.
Tal e como indica A Mesa, o propio paciente informounos de que a Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) tiña un servizo de asesoramento lingüístico e un acordo co Sergas polo que se comprometía a traducir este tipo de documentación nun máximo de 30 minutos. Porén, tras realizaren unhas consultas, desde o Hospital Miguel Domínguez de Pontevedra indicáronlle que, se non asinaba os documentos en español, tería que marchar e agardar na súa casa ata que chegase a documentación traducida, co conseguinte atraso nas súas probas e operacións.
O paciente non aceptou renunciar aos seus dereitos lingüísticos e presentou unha reclamación no hospital.

Máis información no web de A Mesa.

luns, 4 de marzo de 2013

A Galipedia, a enciclopedia libre en galego, festexa os seus dez anos de vida

En xaneiro de 2001 botaba a andar a Wikipedia –tamén coñecida como enciclopedia libre–, un proxecto que pretendía pór o coñecemento humano ao alcance de todos os seres humanos, e, indo un paso alén, facéndoo no seu propio idioma. Así, fóronse creando versións da Wikipedia en varias linguas (máis de 280 na actualidade), entre elas a nosa: o galego. Deste xeito, no ano 2003 abríase a primeira páxina da Galipedia, a enciclopedia libre en galego, e facíao coa entrada "ou", o primeiro artigo da Galipedia (creado o 12 de marzo de 2003).
A Galipedia non é unha enciclopedia ao uso: está feita por moitas persoas e calquera pode mellorar ou corrixir aquilo que estea errado ou introducir un tema que aínda non figure nas súas páxinas. E para quen non o saiba aínda, cómpre salientar que os contidos desta obra colectiva son publicados baixo unha licenza libre, a esencia desta Galipedia: a Creative Commons (Recoñecemento-Compartir Igual), que permite o seu libre uso conservando esa licenza.
Logo de máis de 98.000 artigos creados na Galipedia, o 8 de marzo de 2013 a nosa enciclopedia en galego cumprirá 10 anos de vida. E Wikimedia España (a vertente española dese movemento) organiza, xunto á comunidade de editores da Galipedia, un encontro o 9 de marzo en Santiago de Compostela co obxectivo de celebrar o dito aniversario e de reforzar estes proxectos. Esta cita servirá de punto de reunión de galipedistas, persoas implicadas no coñecemento e na cultura libre, así como na promoción da lingua e a cultura galegas. Detrás desta actividade está a Universidade de Santiago de Compostela e mais o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA); a entrada ao acto será de balde, até completar a cabida. As presentacións serán realizadas a partir das 10 da mañá no Salón de Actos do Colexio Maior Fonseca, no Campus da Universidade compostelá.
Máis información en Código Cero.

Un millar de persoas esixen que a LOMCE non se implante en Euskadi e Navarra

Algo máis dun millar de persoas manifestáronse este sábado en Bilbao para mostrar o seu rexeitamento ao anteproxecto de Lei de Mellora da Calidade Educativa (LOMCE), nunha mobilización convocada polos sindicatos ELA, LAB e Stee-Eilas e que se uniu ás convocadas tamén en Vitoria e San Sebastián. Na cita, os participantes esixiron a "retirada" da lei e "que non se implante nas aulas" de Euskadi e Navarra.
A marcha, na que participaron as parlamentarias de EH Bildu Maribi Ugarteburu e Rebeka Ubera, partiu pasadas as 17.30 horas do Sagrado Corazón tras unha pancarta na que se podía ler o lema 'Euskal Herrian geure hezkuntza' (En Euskal Herria a nosa educación) e, tras percorrer as principais rúas da capital biscaíña, finalizou na Praza do Teatro Arriaga.
En declaracións aos medios de comunicación, o representante dela Xabier Irastorza subliñou que a marcha é "un primeiro paso importante da comunidade educativa no seu conxunto", que demostra que se está "rotundamente en contra" da LOMCE.
Por iso pediu que se retire o anteproxecto de Lei e instou os Gobernos de Navarra e Euskadi a que "non o impoñan nas súas aulas". Así mesmo, lamentou os "graves recortes" que se padecen nos últimos anos e subliñou que a LOMCE dá "rango de lei aos recortes". "Esiximos que en Euskal Herria poidamos decidir a educación que queremos e o sistema educativo que necesitamos", engadiu.
Pola súa banda, a representante de Stee-Eilas Arantza Fernández manifestou que "bastantes problemas" ten xa o sistema educativo cos recortes para que veñan coa lei máis retrógrada que se coñeceu nos últimos anos".
Ao seu xuízo, a LOMCE é un atentado ao sistema educativo e as maiorías sociais na medida que atenta "contra o dereito á educación, a igualdade de oportunidades e a cohesión social".
Neste contexto, advertiu que o deste sábado é "un primeiro paso e probablemente haberá máis porque estamos convencidos de que a maioría da sociedade está en contra da lei".

"LEI NEOLIBERAL E SEGREGADORA"

Pola súa banda, a representante de LAB Nerea Undabarrena denunciou que no Estado español, "cada vez que un partido político chega ao poder cambia a lei educativa", o que atribuíu o uso que fan da educación para implantar a súa ideoloxía.
"Todos coñecemos a ideoloxía do PP por iso é unha lei que defende o neoliberalismo, a segregación, e para nada unha escola inclusiva e de calidade", criticou.
Así mesmo, considerou que malia que en Euskadi e Navarra se supón que se conta con competencias educativas, "isto non é real xa que non están desenvolvidas plenamente". "É o momento de levar á práctica un sistema educativo propio e feito pola comunidade educativa para a sociedade vasca", finalizou.

Campus científicos de verán

O Ministerio de Educación convoca 1.808 axudas para participar no ano 2013 no Programa «Campus Científicos de Verán»
Os campus terán lugar do 30 de xuño ao 27 de xullo de 2013, en catro quendas de 7 días de duración cada un:
- Primeira quenda de estudantes de 1. º de Bacharelato: do 30 de xuño ao 6 de xullo.
- Segunda quenda de estudantes de 1. º de Bacharelato: do 7 ao 13 de xullo.
- Primeira quenda de estudantes de 4. º de ESO: do 14 ao 20 de xullo.
- Segunda quenda de estudantes de 4. º de ESO: do 21 ao 27 de xullo.
Desenvolveranse en institutos e/ou departamentos de investigación adscritos aos Campus de Excelencia Internacional (CEI) ou Rexional (CER), nas seguintes universidades:
Autónoma de Madrid, Carlos III, Extremadura, Granada, Xaén, Las Palmas, Murcia, Oviedo, País Vasco, Politécnica de Cataluña, Rovira i Virgili, Salamanca, Santiago de Compostela, Sevilla, Valencia, Vigo.
Máis información;http://xuventude.xunta.es/201303019...