mércores, 6 de marzo de 2013

O goberno galego rexeita exixir a Madrid a retirada da suba do IVE en Cultura

 O BNG propuxera na Comisión de Cultura do Parlamento que o PPdeG defendera este sector contra “ataques que afectan ao conxunto da sociedade”. O goberno galego nega que se poñan atrancos e culpa á crise da situación.
Nos últimos meses a suba do IVE do 8% ao 21% tivo un impacto “brutal” segundo o sector da cultura que traballa en Galiza. O Grupo Parlamentario do BNG presentou unha Proposición non de lei para que o goberno galego “responda” con medidas que poñan freo ao aumento do desemprego e precarización do sector. A voceira nacionalista de Cultura, Ana Pontón, asegurou na presentación da proposta que a medida recadatoria “é nociva para o conxunto da sociedade” porque afecta “ás rendas máis baixas cunha maior carga fiscal e non ás rendas máis altas”. Para o BNG a medida é “inxusta, inútil e contraproducente”.
“A Cultura non é un artigo de luxo senón de necesidade” argumentou Ana Pontón na Comisión, “queremos que a Xunta faga algo, a situación económica non xustifica a súa falta de iniciativa”.
“O PP mentiu”
O BNG cuestionou a lexitimidade do PP para incrementar este imposto cando, segundo a portavoz nacionalista, “non levaba esa proposta en campaña electoral”. Pontón lembrou as críticas de altos cargos do partido de Rajoy, caso de Cristóbal Montoro, María Dolores de Cospedal ou Esperanza Aguirre, cando o goberno do PSOE subiu ese imposto en 2010. “O propio Rajoy aseguraba nun debate con Rubalcaba que non faría o que non estivera no seu programa”.
En resposta a esta afirmación o popular Baamonde Díaz falou de “apoio nas urnas” ao seu partido e atacou ao PSOE por cuestionar algo que “tamén realizaron cando gobernaban en Madrid”.
Cultura controlada
Francisco Caamaño, voceiro do GP socialista, afirmou que era “unha incongruencia” subir o IVE na cultura posto que “ non é calquera actividade económica”. Falou de “elemento pernicioso” que pretende “controlar” a cultura galega polo “encarecemento” dos produtos culturais colectivos para logo “subvencionar” aqueles que lle conveñan ao PP. Como alternativa propuxo reducir os impostos autonómicos e exixir que as entidades que realicen actividades culturais no noso país e teñan acceso a subvencións “conten coa cultura feita aquí”.
“A culpa é do propio sector”
O voceiro de cultura do PPdeG, Agustín Baamonde Díaz, negou que o goberno galego puxera atrancos á cultura galega. “Hai que facer políticas de control de gasto e priorizar as necesidades”. Baamonde chegou a afirmar que a culpa desta crise “é do propio sector que ten que reaccionar”. Rexeitou apoiar a Proposición non de lei do BNG “porque Madrid xa rexeitou outras propostas semellantes e a competencia neste tema é estatal”. Sobre medidas a tomar con respecto a defender ás empresas culturais desta suba do IVE asegurou que “xa abrimos o circuíto da Rede Galega de Teatros e Auditorios hai uns días”.
En resposta a esta última afirmación Ana Pontón contestoulle que “o PP non acredita na cultura galega, falar de paralizar a Rede varios meses e logo afirmar que coa súa apertura vai loitar contra o IVE é tratarnos de imbéciles”.
A Proposición, após a admisión dunha emenda do PSdeG, foi rexeitada cos votos en contra do PP.

Ningún comentario:

Publicar un comentario