mércores, 27 de marzo de 2013

O PP ve na educación sexista e ultrarrelixiosa "unha modalidade educativa de absoluta liberdade"

Defende o financiamento con diñeiro público dos colexios segregacionista e di que non existe ningunha discriminación "porque os nenos non xogan a cuberto namentres as nenas se mollan no patio". Faino durante o debate dunha moción do BNG para anular os concertos polos que cinco centros reciben 3 millóns de euros cada ano, apoiada por AGE e PSOE.
"Unha modalidade educativa de absoluta liberdade de elección para os pais e que nin discrimina nin segrega". Así definiu o deputado do PP Román Rodríguez a oferta de ensino concertado que realizan cinco centros galegos que separan o alumnado en función, en palabras da parlamentar do BNG Carme Adán, "dunha adscrición física, o sexo, e dunha construción social, o xénero".
Onde as tres formacións políticas da oposición que teñen representación na Cámara galega ven educación sexista o PP mete con calzador a "liberdade de escolla" e, obviando que o que se está a debater é o financiamento con 12 millóns de euros en catro anos deses cinco colexios vinculados ao Opus Dei, Román Rodríguez subliña que "ninguén obriga a ningunha familia a mandar os nenos a un centro deste tipo". Ao seu entender, non existe ningún tipo de discriminación porque "os nenos non fan deporte a cuberto namentres as nenas se mollan no patio" nin existen diferencias "non medios ou no financiamento". 
Actividades extraescolares que perpetúan os roles de xénero
De entrar o deputado Rodríguez no portal web de calquera destes colexios (Monte Castelao, Las Acacias e Aloya en Vigo; e Montespiño e Peñarronda na Coruña), vería que as diferencias quedan á vista con ollar só as actividades extraescolares que uns e outros propoñen, dependendo de se nos seus pupitres sentan mulleres ou homes. Para elas os deportes que se ofertan son baloncesto, patinaxe, aerobic, ximnasia rítmica e un obradoiro de costura ofertado como 'La aguja mágica'.
Porén, eles poderán practicar judo, tenis, esgrima e fútbol-sala. Outras imaxes mostran unha moza durante unha sesión "orientada a desenvolver a psicomotricidade en bebés" ou nenas vestidas cun mandilón rosa poñendo unhas plantas no que semella un invernadoiro. En definitiva, actividades extraescolares definidas en función dos roles de xénero.

Con todo, Román Rodríguez limitouse a repetir o argumento que en agosto de 2012 esgrimiu o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, após coñecer a sentenza do Tribunal Supremo que invalida os concertos con colexios segregacionistas en Andalucía e Cantabria. "Eu creo na liberdade de elección por parte das familias e creo nun réxime democrático onde as familias participen nos modelos educativos dos seus fillos", dixo Vázquez. Seis sentenzas do TSXG botaron abaixo a súa teima de consultar ás familias a lingua en que se educan as crianzas; outra máis anulou os concertos cos cinco centros.

O PP renovou uns concertos anulados en 2009
Ao fío, a deputada do BNG Carme Adán repasou a lexislación vixente que fica vulnerada cada vez que se financian estes colexios con diñeiro público, recalcando que tal práctica "podería chamarse segregación ou podería chamarse privar a nenas e nenos do dereito á igualdade". Desde o artigo 84 da LOE "que sinala que non pode existir ningunha discriminación" ao decreto 30/2007, de 15 de marzo, de admisión do alumnado, "onde se recolle que non se poden subvencionar con fondos públicos os colexios que segregan". 
Adán acusou o PP de resucitar tan pronto puxo o pé na Xunta estes concertos, que foran anulados en 2009 (renóvanse cada catro anos e os últimos foran asinados por Fraga en 2005). Jesús Vázquez remexíase no seu escano e negaba coa cabeza os datos da nacionalista. ​
Após recordarlle que o financiamento dos centros que practican unha educación sexista "é ilegal", Adán quitou unha fiambreira cun kiwi e unha laranxa "da miña casa" e entregoullo a Vázquez no seu escano.
"Unha castidade aberrante"

Desde as bancadas de AGE, o deputado Ramón Vázquez Díaz comparou o financiamento da educación sexista coa propia dun reximen fascista e espetoulle ao conselleiro que "ou pouco avanzamos ou pouco retrocedemos". Acusou o PP de "insistir" desde a Xunta en subvencionar estes colexios "estabelecendo ao mesmo tempo o repagamento dos comedores como medida de graza para as clases populares".
Vázquez Díaz rexeitou o argumento da "liberdade de escolla" repetido pol@s conservador@s enfatizando que "ningunha liberdade de elección pode amparar unha discriminación". Contrarrestou a falta de razóns do PP subliñando que "non existe ningún estudo serio que corrobore que separar alumnado por sexo mellore o seu rendemento" e, após recalcar que tamén se separa o profesorado (profesoras para as mulleres e profesores para os homes), cualificou este modelo de ensino como "dunha castidade aberrante".

O PSOE convida a Jesús Vázquez a tapar cos 3 millóns "as fendas do ensino público"

Ao fío, o voceiro do PSOE Ricardo Docasar mostrou o apoio do seu grupo parlamentar á moción do BNG que pediu a supresión dos concertos sinalando que eses tres millóns anuais "virían moi ben para as fendas do ensino público", e citou o repagamento nos comedores escolares, a redución das bolsas e das contías ou a tesourada de até o 73% nos gastos de financiamento dos centros de Secundaria.
​Dixo Docasar que "segregar é tamén permitir que uns alumnos coman quente e outros nun tupper, non facer nada cando o estudantado non pode pagar os libros, que teñan que abandonar estudos porque lles pagan tarde a bolsa ou ser cómplice de que a mocidade teña que facer as maletas".
Após ouvir a intervención do deputado do PP, que atribuíu o rexeitamento da oposición a "un complexo colectivo", Carme Adán pechou o debate cuestionando a Román Rodríguez sobre a liberdade que defende o seu partido: "Que as mulleres poidan abortar na rede sanitaria pública e o seu partido llelo impida, por exemplo?", cuestionou a nacionalista.
Centrándose na moción que defendeu, recordoulle a Rodríguez que "non se lles está a pedir que pechen os cinco centros, que eu sería partidaria de que así fose, senón que non se financien con diñeiro público". Namentres a nacionalista interviña, Román Rodríguez ría desde o seu escano os comentarios da tamén deputada conservadora Paula Prado.

NOTA: as imaxes que acompañan esta información foron tiradas das páxinas web de tres centros segregacionistas

Ningún comentario:

Publicar un comentario