martes, 12 de marzo de 2013

A RAG recorre ao Supremo a sentenza do TSXG e pide a "anulación total" do decreto

Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da Real Academia Galega (RAG), anunciou este luns a presentación o pasado 4 de marzo dun recurso de casación ante o Tribunal Supremo contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) contra o decreto do plurilingüismo e no que pide a "anulación total" da polémica norma "da discordia". A institución aclara, no entanto, que "non é un organismo litigante" e advirte de que "se retirará o recurso" se a Xunta "abre un proceso de diálogo, se compromete a cambiar de rumbo e volve ao consenso".
"Pero non hai sinais de que así sexa", insistiu Ferrín. Por iso, a RAG acode ao Supremo e presenta un recurso que, tal e como o presidente da Academia asegura, "ten moitas posibilidades" de saír adiante e de "imprimirlle un novo rumbo á política cultura en Galicia".
Así, e logo de que o ditame do TSXG tan só estimase en parte o recurso presentado pola RAG contra o decreto -eliminou a polémica consulta ás familias e a posibilidade dos rapaces de usar a lingua que desexen nas aulas-, a centenaria institución decide agora dar un paso máis despois de que, tal e como xustifica, "a Xunta impedise que a Academia cumprira a súa función e participara no proceso de elaboración do decreto".
Segundo aclarou Ferrín, a RAG solicitoulle ao Goberno galego, xa antes da elaboración do decreto, "poder exercer as súas funcións intitucionais de defensa e promoción do idioma galego" emitindo o correspondente informe preceptivo e non vinculante, ademais de reclamarlle que "se actuase co maior grao de acordo posible, recuperando consensos anteriores acadados no Parlamento de Galicia por unanimidade". "Pero a Xunta, infelizmente, impediu que a Academia cumprise a súa función e obrigounos a reivindicar do xeito legal e democraticamente establecido a defensa do idioma, que é a única razón de ser desta casa", engadiu. "Hai xente que se escandalizaría se esfarelase o Pórtico da Gloria, pero vale máis o idioma que o Pórtico", manifestou.
Ademais, Ferrín recordou que a situación de lingua galega "é de inferioridade" e que precisa unha "discriminación positiva" que non se dá. "A ninguén se lle pode escapar que o sistema educativo é decisivo para asegurar un bo coñecemento do noso idioma e favorecer así a súa recuperación e normalización, así como a volta a moitos ámbitos aos que aínda non retornou", engadiu, tras aclarar que o decreto recorrido "é retrógrado e un paso atrás" ao "afastarse do mandato normalizador". Ao mesmo tempo, lembrou que a posición da RAG contraria ao decreto e reclamando a súa eliminación e a volta ao consenso "é a mesma que a de toda a oposición política no Parlamento". "A Academia ten o dereito e a obriga de opinar sobre a lingua e defendela", insistiu.
Todas estas razóns foron esgrimidas polo presidente da RAG para xustificiar a presentación dun recurso que, segundo aclarou o secretario da Academia, Xosé Luís Axeitos, foi aprobada "por unanimidade" polos seus membros, xa que desde o primeiro momento a institución aclarou publicamente, e tamén nos seus plenarios, "que chegaría até as últimas instancias" para opoñerse ao polémico decreto. "A doutrina da RAG atópase na análise académica feita sobre as bases para o decreto", engadiu, en referencia ao informe no que a institución recollía a súa posición sobre a norma en xaneiro de 2010.
En canto ao feito de que a RAG presentase o recurso antes de saber se a Xunta finalmente tamén chegará ao Supremo, a institución aclarou que o prazo de presentación do devandito recurso remataba "o día 4" para a Academia, aínda que o Goberno galego ten até finais desta semana para decidirse.
"A Xunta xa se personou dúas veces e presentou un escrito de preparación de casación o 14 de decembro que foi ratificado o 21 do mesmo mes; iso xa é presentar o recurso", aclarou Ferrín, que recordou tamén que a Administración "tampouco abriu posibilidade ningunha de modificar o decreto para que sirva realmente para a normalización do idioma", o que "obrigou a Academia" a recorrer. "A RAG só se conformaría coa volta ao consenso do Plan Xeral de Normalización Lingüística aprobado polo Parlamento", reamtou Manuel González, membro numerario da Academia.
Ademais, Méndez Ferrín non quixo responder cando foi preguntado sobre os temas a tratar no plenario do vindeiro mércores, entre os que se atopa o protocolo para as contratacións no organismo, así como a presentación da súa dimisión. "As ordes do día son segredas e cando se filtran as cousas é que hai deslealdades e metémonos nas cloacas", asegurou.
Malia que Ferrín anunciou a súa dimisión, o pasado sábado deixou aberta a porta a unha posible marcha atrás ao asegurar que "sempre se pode cambiar de opinión". O escritor, xornalista e académico, Manuel Rivas, xa anunciou tamén que pedirá a palabra na xuntanza do mércores para solicitar ao actual presidente que "reconsidere a súa postura".

Ningún comentario:

Publicar un comentario