xoves, 21 de marzo de 2013

Tarde e noite na reitoría da U-Vigo contra a lei de Wer

Estudantado, profesorado e persoal PAS e PDI péchanse no departamento que dirixe Salustiano Mato para lle deixar claro o seu rexeitamento ao apoio que está a brindar ás medidas impostas desde Madrid. No Consello de goberno da quinta feira aprobarase o despedimento de máis de 200 docentes asociad@s.
 A primeira mobilización das acordadas nunha asembleia aberta realizada esta terza feira nos tres campus que fan parte da U-Vigo (Ourense, Pontevedra e Vigo) arrincou esta cuarta ás catro da tarde.

Ducias de persoas vinculadas ao persoal PAS, PDI e ao estudantado concentráronse primeiro diante da reitoría e pecháronse despois co gallo do Consello de goberno convocado para mañá en que se aprobará, entre outras medidas, o despedimento de máis de 200 docentes asociad@s.
Un deses profesores é Luís Fernández, quen sinala que a medida é "un dano colateral" no ataque emprendido en contra do ensino universitario público. Ao lles incrementaren as horas docentes ao profesorado titular, que terán que impartir até cinco ou seis materias, o que se consegue é "unha merma da calidade", "a sobrecarga destes docentes" e "a desaparición dos asociados".
Con todo, o obxectivo das protestas vai máis aló. A comunidade universitaria quere deixar claro ao reitor, Salustiano Mato, que "estamos radicalmente en contra do proxecto Wert, imposto desde Madrid, e do apoio que se lle está a brindar desde a U-Vigo". Subliña Brais Fortes, responsábel de campus dos Comités, que profesorado, estudantado e persoal PAS e PDI "coinciden" en que as medidas que se están a tomar desde o departamento que dirixe Mato traen da man a masificación das aulas, a precariedade laboral e a perda de calidade docente e investigadora. En consecuencia, "empeoran a calidade da Universidade pública".
Após dúas horas de encerro, Ángel Rodríguez di que a valoración é "moi positiva" por ser a materialización dunha decisión que partilla toda a comunidade educativa. Explica o docente PDI que na asembleia da terza feira foron adoptadas "distintas medidas dependendo da singularidade de cada campus", acrecentando que en Pontevedra e Ourense se faran senllas manifestacións diante da vicerreitoría namentres en Vigo se optou polo encerro. Será a primeira dunha campaña de mobilizacións que se completará con outras accións como asembleias e aulas na rúa que se farán nas tres cidades.

Ningún comentario:

Publicar un comentario