mércores, 27 de marzo de 2013

O IES Daviña Rei de Monforte trasladou ao Parlamento a súa negativa á supresión da Eso e o BAC

Seis autocares con profesorado, alumnado e membros da ANPA trasladaron a protesta ás portas do Hórreo para denunciaren o desmantelamento de centros educativos por parte da Xunta.
“Enterámonos que querían suprimir a ESO e o Bacharelato do Instituto sen previo aviso”. Cristina González, da ANPA do IES Daviña Rei de Monforte chegou diante do Parlamento galego nun dos seis autocares que trasladaron a protesta desde as terras de Lemos até a capital. “A nosa reacción inicial foi a de ter que pedir explicacións e protestar, non consideramos que sexa unha idea acertada”. O seu centro é un referente na zona pola súa aposta polas novas tecnoloxías e formar parte de varios proxectos da UE.
“Somos o primeiro centro en alumnado de Monforte”, sinala  Isaac González, o seu director, “ loitamos desde hai anos por iniciativas adaptadas aos novos tempos”. A decisión da Consellaría de Educación que dirixe o polémico Xesús Vázquez podería esfarelar anos de traballo e inversións nun centro que conta con 500 alumn@s e 55 profesor@s. “Aínda non temos confirmación oficial”, afirma o director, “se hai confirmación a perda de calidade do ensino sería evidente ao trasladar ao alumnado a outros centros e crear grupos máis grandes”
Pais e nais sen liberdade de elección
Unha das preocupación do director é a falta de liberdade de elección de centro que terán nais e pais se eliminan a ESO e o BAC. “Eles elixiron vir con liberdade ao IES Daviña Rei”, asegura, “elixiron este centro por ser aberto e apostar polas novas tecnoloxías e agora, de boas a primeiras, deixaríanos cos alumnos de FP e a metade do profesorado, cousa que ninguén quere”.
Outro caso semellante ao de Monforte é o do IES As Mercedes de Lugo. Neste centro de 600 alumnos, tamén teñen previsto mobilizacións contra a eliminación da ESO e o BAC. “Queremos solidarizarnos tamén eles e con outros como o IES Carballeira en Ourense ou os de Sarria, Vilalba e Chantada”. A ANPA agardaba ser recibida polas diferentes formacións políticas representadas no Parlamento para presentarlles a súa queixa. Deputad@s de BNG e AGE achegáronse a primeira hora ao lugar da protesta para interesarse pola súa reivindicación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario