martes, 12 de marzo de 2013

O mundo das literaturas galega, éuscara e catalá rebélase contra a españolización do ensino

As Asociacións de Escritores e Escritoras en linguas galega, éuscara e catalá opóñense á aplicación da LOMCE por supor unha “falta de respecto ás linguas e culturas nacionais” do Estado español. Mediante unha nota de imprensa conxunta a través da Federación Galeusca, as tres asociacións reivindican o espazo para as linguas nacionais no ensino.
O mundo da literatura das tres nacións asinan de maneira conxunta un comunicado en que mostra a súa “preocupación ante o reforzo intencionado da vontade política de restar status educativo aos idiomas galego, éuscaro e catalán”. Denuncian que as tres linguas nacionais “deixan de estar en pé de igualdade co castelán como materias troncais, que si manteñen a lingua castelá e a primeira lingua estranxeira, para pasar a ter a mesma consideración que unha segunda lingua estranxeira, nunha posición xerárquica inferior á que se lle concede á materia de Relixión”.
As tres asociacións, reunidas na Federación de Asociacións de Escritores Galeusca, sinalan que o segundo anteproxecto da LOMCE foi aínda a peor e supón “non só a falta de respecto ás linguas e culturas nacionais do Estado español, senón o desprezo que lles merecen aos seus redactores, pondo en evidencia a súa obsesión por, como recoñeceron, españolizar a infancia e a mocidade dos nosos territorios nacionais”

Ningún comentario:

Publicar un comentario