luns, 18 de marzo de 2013

Os deputados, Cosme Pombo e Carme Adán reclaman a devolución dos cartos dos concertos durante catro anos »

Os deputados do BNG, Carme Adán e Cosme Pombo piden, a través dunha iniciativa parlamentaria que, o Goberno galego “acate de inmediato a sentenza” do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que anula os concertos cos centros que segregan ao alumnado.  
Para os deputados do BNG “a igualdade” é un principio básico que debe rexer toda a acción educativa e así está recollido no artigo 84.3 da LOE no capítulo que regula a escolarización en centros públicos e privados concertados cando afirma: “En ningún caso haberá discriminación por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social”.
Os deputados do BNG lembran que, o PP en Galiza na pasada lexislatura desoíu a LOE e mantivo os concertos educativos que vulneraban a igualdade entre nenos e nenas.
Apoio económico público do PP á segregación no ensino. O PP a través do anteproxecto da LOMCE pretende levar adiante unha contrarreforma educativa que aspira a normalizar o desvío de fondos públicos a centros privados que segregan e discriminan ao alumnado en función do sexo”, manifestan.
Os parlamentarios nacionalistas afirman que “a igualdade é un dereito fundamental que permite a realización dos ideais de liberdade e vida democrática” e instaurar, a través da educación a segregación en función do xénero é “regresar ao pasado” e rachar cos principios educativos básicos construídos nos últimos trinta anos como garantía dunha maior xustiza social e igualdade de oportunidades.
Os centros deben devolver os cartos públicos recibidos durante catro anos.
O BNG congratulase da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza pola que son anulados os concertos que a consellaría de Educación mantiña con cinco colexios relixiosos que segregan o alumnado por razóns de sexo: Colexios -Monte Castelao, Las Acacias e Aloia en Vigo; e Montespiño e Peñarronda na Coruña- aos que destina até tres millóns de euros ao ano en virtude dos concertos co ensino privado.
Adán e Pombo preguntan ao Goberno galego polas actuacións previstas para acatar de inmediato a sentenza do TSXG e que os centros devolvan os cartos públicos que recibiron mentres practicaban unha educación sexista cos orzamentos de todos os galegos e galegas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario