mércores, 6 de marzo de 2013

Alertan do "demantelamento" da cultura como "motor social e económico"

A Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural vén de presentar un documento que alerta de que os recortes e o "desmantelamento" de redes e estruturas están poñendo en perigo "o dereito da cidadanía a acceder de xeito igualitario á diversidade cultural e ao coñecemento" O texto advirte tamén que "as medidas curtopracistas que se están a tomar non solucionan os problemas estructurais da economía e da nosa sociedade, todo o contrario, están a acelerar a desaparición de estructuras, iniciativas e redes que si funcionan ou funcionaban e que será moi difícil volver a recuperar".
O documento presenta un amplo conxunto de reflexións arredor da situación actual da cultura en Galicia e busca ser compartido e debatido con máis colectivos e administracións públicas, cos que iniciarán contactos "para desenvolver propostas de acción na defensa do valor social do coñecemento, coa cultura como elemento esencial e non ornamental". A Asociación agrupa 61 xestores culturais privados, técnicos municipais e responsables de espazos culturais, tanto do eido público como do privado.
O texto salienta que os recortes se realizan "en áreas esenciais para unha sociedade que pretenda ser sostible, solidaria e con opcións de futuro", en referencia aos servizos sociais, á sanidade e "aos tres alicerces da sociedade do coñecemento: a educación, a ciencia e a cultura". E máis aló da diminución nos orzamentos, denúnciase a "improvisación" na xestión das administracións, a "falta de análise das súas repercusións, ausencia de estratexias alternativas e en demasiadas ocasións, un abandono de funcións".
E sinala que aínda que as institucións públicas teñen a obriga constitucional de promover e tutelar o acceso igualitario á cultura e o coñecemento, "os axentes culturais debemos reflexionar tamén sobre os valores que hai detrás do noso traballo e o que aportamos á sociedade, co obxectivo de que a cultura recupere a súa función de motor social e económico".
O documento céntrase en tres demandas: "futuro", "diálogo" e "boas prácticas". No informe reivindicase que as políticas públicas "deben realizarse cunha planificación estratéxica a longo prazo e orientadas ás necesidades da sociedade e o territorio que ocupan". Tamén lembra que "debe escoitarse e facer partícipes das políticas públicas a profesionais, asociacións sectoriais e á cidadanía" e que "deben reorientarse os usos dos recursos non monetarios das administracións e abrir á sociedade a xestión de espazos públicos infrautilizados". Finalmente, sinálase que en tempos de reduccións orzamentarias, "debe extremarse a transparencia orzamentaria e de contratacións, priorizando as convocatorias abertas e a esixencia de responsabilidade na xestión económica e social dos nosos recursos".

Ningún comentario:

Publicar un comentario