venres, 22 de marzo de 2013

Bruxelas sitúa a España entre os Estados que máis recortaron en educación dende o inicio da crise

España sitúase entre os Estados membros que máis recortaron o seu presuposto en educación dende o ano 2010 debido á crise económica, segundo un estudo publicado este xoves pola Comisión Europea. Bruxelas avisa de que estes axustes dificultan a loita contra o paro xuvenil e a reactivación a longo prazo da economía.
Entre 2010 e 2012, o presuposto en educación reduciuse máis dun 5% en Grecia, Hungría, Italia, Lituania e Portugal. En España a baixada sitúase entre o 1% e o 5%, a un nivel similar ao de Estonia, Polonia e Escocia.
En contraste, Austria, Dinamarca, Luxemburgo, Malta e Suecia incrementaron o seu gasto en educación máis do 1%. Alemaña e Holanda non subministraron datos para realizar o estudo.
"Os presupostos nacionais atravesan un período difícil, pero é necesario un enfoque coherente en materia de investimento público no ensino e a formación porque é aí onde reside a clave do futuro dos nosos mozos e unha reactivación económica sostible a longo prazo", dixo nun comunicado a comisaria de Educación, Androulla Vassiliou.
"Se os Estados membros non invisten de forma abondo en modernizar a educación e as cualifiaciones, nos distanciaremos máis dos nosos competidores internacionais e "teremos máis dificultades para abordar o paro xuvenil", apuntou.
O método utilizado pola maioría de países para reducir o presuposto en educación foi rebaixar o salario dos profesores. Esta medida aplicouse en España, Bulgaria, Croacia, Estonia, Grecia, Hungría, Irlanda, Italia, Letonia, Lituania e Portugal. A masa salarial dos profesores absorbe máis do 70% dos presupostos de educación, segundo Bruxelas.
Os recortes traducíronse ademais nunha redución do equipo de profesores en 10 Estados membros, entre os que, segundo o estudo, non está España. Trátase de Bulgaria, Chipre, Estonia, Francia, Italia, Letonia, Lituania, Portugal, Romanía e Reino Unido. Estas reducións, aclara o estudo, non se deben só á crise senón tamén á redución do número de estudantes.
A maioría dos países non tocaron a axuda do sector público aos estudantes, como as bolsas ou os préstamos, e só España e Reino Unido aumentaron as taxas universitarias. Un total de 8 Estados membros -Alemaña, Austria, Grecia, Irlanda, Letonia, Lituania, Luxemburgo e Portugal- prevén axudas financeiras específicas ás persoas no paro ou pouco cualificadas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario