xoves, 14 de marzo de 2013

Consúmase a demisión de Ferrín, que ve a RAG "en perigo"

Xosé Luis Méndez Ferrín consumou nesta cuarta feira a súa demisión como presidente da Real Academia Galega.  Ao saír do Pleno, perante a imprensa, afirmou que a institución está "en perigo" e que se acha ameazada "interna e externamente" polo que cualificou como "forzas intransixentes" contrarias á normalización da lingua galega. Pide "ao pobo galego" que defenda a RAG das "ameazas" que, afirma, penden sobre dela. A crise da RAG, lonxe de remitir, agrávase.
Após días de tirapuxas, de arres e xos, Xosé Luis Méndez Ferrín vén de consumar nesta cuarta feira a súa demisión oficial como presidente da RAG. Unha decisión que toma coa advertencia de que a institución "está en perigo". O escritor di que abandona para se situar "na miña paisaxe nativa, organizacións nacionalistas e de esquerdas". Pide "ao pobo galego" que defenda a RAG das "ameazas" que, afirma, penden sobre dela

Ferrín consuma a súa demisión desouvindo a voz de quen, con Manuel Rivas á cabeza, lle pedía que continuase. Dá toda a impresión de que na súa decisión pesa máis o conflito interno desatado na institución do que calquer consideración relativa ás acusacións de nepotismo que se deitaron contra a súa persoa e que el nunca quixo esclarecer. Esta segunda feira, na conferencia de imprensa en que informou sobre a presentación do recurso ante o Supremo contra o decreto do plurilingüísmo, verbalizouno con toda crueza ao se referir en termos moi duros á filtración á imprensa da orde do día do plenario que se realizou esta tarde. Falou de "deslealdades" e "sumidoiros", en alusión ao sector da RAG, o nucleado arredor de Henrique Monteagudo e Ramón Villares, co que mantivo un xordo confronto que findou por saír á luz.

O conflito non tiña recondución posíbel. Ferrín vaise deitando unha grave acusación, "a institución está en perigo", mas faino sen explicitar quen a ameaza, sen precisar a que forzas internas e externas se refire, embora se poda inferir que se refire quer a Xunta de Galiza quer ao sector de académic@s que pertencen tamén ao ILG e a Consello da Cultura Galega e aos que o secretario da institución, Xosé Luís Axeitos, acusou de quereren colonizar a corporación.
O ton das declaracións de Ferrín á saída do plenario sorprenderon mesmo a algúns dos académicos que afirmaban que a xuntanza se desenvolvera "con normalidade". Segundo estas fontes, Ferrín tería lido o seu escrito de demisión e rexeitado a petición de varios académicos que terciaron en que continuara na institución. O até agora presidente reiterou a súa vontade de abandoar a Academia nun pleno no que se presentaron as contas -que foron ao tempo publicadas na web- da Academia e que, segundo algúns dos asistentes, transcorriu con tranquilidade.

Apartir de agora ábrese un proceso eleitoral de desenlace máis que incerto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario