mércores, 13 de marzo de 2013

CIG-Ensino denuncia que Educación utiliza profesorado de Relixión para impartir outras materias

CIG-Ensino denuncia que hai varios centros de ensino nos que o profesorado de Relixión, nomeado unicamente para esta materia, está impartindo materias que nalgúns casos acadan o 50% do seu horario, como por exemplo no CEIP Doiras, no concello de Cervantes. A CIG salienta asemade que a inspectora do centro é “cómplice desta ilegalidade”, ao recoñecer que é consciente da situación e afirmar “que este non é o único centro no cal o profesorado de relixión imparte outras materias do currículo”. Para a CIG-Ensino é “gravísimo” que a Consellaría permita e promova que o profesorado de Relixión imparta materias diferentes a súa “cunha actitude prevaricadora, xa que vulnera un principio legal do cal é coñecedora”.
O sindicato lembra que o profesorado de Relixión é nomeado polo Bispado atendendo exclusivamente as súas consideracións ideolóxicas e relixiosas, “á marxe do sistema que ten que rexer en toda a administración e que se basea nos principios de capacidade, mérito e igualdade”. Ademais, sinala que este profesorado é retribuído con diñeiro público.
Con esta actuación a Consellaría de Educación “incrementa os despedimentos de profesorado interino das diferentes especialidades e usa un criterio anormal á marxe da listaxe pola cal se cobren as prazas”. CIG-Ensino conclúe que a Consellaría de Educación “amosa, unha vez máis, a deriva confesional e ideolóxica que o PP pretende trasladar máis alá da propia lexislación vixente”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario