xoves, 14 de marzo de 2013

Jesús Vázquez atrinchéirase no seu decreto e proclama a "normalidade lingüística"

"Abandonar a confrontación" asumindo a política lingüística da Xunta. A proposta que xa lle lanzara o presidente da Xunta ao BNG esténdea agora o conselleiro de Educación ao conxunto da oposición parlamentaria. Jesús Vázquez acudiu este martes ao Parlamento para explicar as liñas de actuación da súa consellería nesta lexislatura e, de paso, proclamar a recuperación do "clima de normalidade lingüística" sobre o piar do denominado decreto do plurilingüismo, ilegalizado parcialmente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en oito sentenzas que, segundo o conselleiro, "reforzan" o seu texto. Por ese motivo, insiste, PSdeG, AGE e Bloque débense sumar á normativa do Goberno, argumenta.
Nunha comparencia na que, como en intervencións anteriores, non figurou a verba "normalización" -xa desbotada polo anterior secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo-, Vázquez "reitera a defensa" do decreto porque "lle devolveu á sociedade a cordialidade e o consenso" a respecto do idioma. "Non o dicimos nós, dixérono a maioría dos galegos cando nas eleccións escolleron ao PP", sentenza. Ademais, abonda, as sentenzas do TSXG "ratifican o 95%" do texto. Polo tanto, nada que mudar, vén dicir.
Non obstante, e malia dar por avalado o decreto, Vázquez advirte de que "o prazo" para presentar un recurso de casación no Tribunal Supremo contra as sentenzas do TSXG "remata ás 15 horas do día 15". "Non foi a Xunta a que levou o decreto aos tribunais" e "foron vostedes os que rexeitaron os intentos de chegar a acordos", reprochoulle ao conxunto da oposición. Neste contexto, o conselleiro deixa caer a proposta que xa explicitara o presidente; non haberá recurso se PSdeG, AGE e BNG asumen os plans lingüísticos do PP.
"Son o primeiro goberno que recorre aos tribunais en contra da súa propia lingua", reprochoulle dende o BNG Cosme Pombo, quen lembra ademais o recorte orzamentario reiterado que veñen sufrindo os programas de fomento do galego. O Goberno de Fraga, lembra, "dedicáballes o triplo do que se lles dedica hoxe en día". "Nós non impugnamos o decreto, é a Real Academia Galega a que recorre a un tribunal que vostedes tildan de españolista", retrucoulle Vázquez, quen insiste en que "a maioría dos galegos" está a prol do decreto. Sobre esta base, di, a Xunta realizará unha "política lingüística sobre a lingua como elemento identitario", cunha  "dinamización" no "marco do máis absoluto respecto á convivencia" e mesmo, afirma, seguindo o Plan Xeral de Normalización. Pero, haberá recurso? A resposta, semella, ás 15 horas do día 15.

Ningún comentario:

Publicar un comentario